Música para degustar
“De través”, unha colección de música de cámara de compositores galegos para frauta
Tomás Camacho*
Un evento musical digno de mención foi a recente estrea do CD “De través”, unha colección de música de cámara de compositores galegos para frauta a só e acompañada de diversos instrumentos. Esta iniciativa editorial de “Dos acordes” é unha lúcida contribución ao ámbito da, mal chamada, música clásica en Galicia.
O CD foi presentado na Real Academia de Belas Artes de Santiago e noutras cidades galegas. Tendo en conta a gran cantidade de bos intérpretes e compositores da nosa terra, e a limitada difusión e apoio que reciben das institucións públicas en xeral, cabe destacar esta feliz iniciativa. O disco CD está dedicado á frauta e protagonizado polo intérprete deste instrumento e polifacético profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Fernando Raña.
Natural de Pontesampaio, Raña, licenciado no Real Conservatorio de Madrid e na Guilhald School of Music and Drama de Londres, abrangue na súa traxetoria a maioría das facetas do mundo musical e ten participado en concertos a solo e con orquestras como a Sinfónica de Galicia ou os Virtuosos de Moscova. Recén rematados os seus estudos, formou un destacado dúo co excelente profesor de guitarra e concertista Román González que, por desgraza, faleceu cedo nun desafortunado accidente. Xuntos gravaron tres CDs de música inédita para esta formación.
“De Través” comeza coa evocadora obra de Xoam Trillo “Preludio-Alborada-Pandeirada” para arpa e frauta, na que este autor sobranceiro desprega sutilezas harmónicas e melódicas únicas, con citas da música popular de máxima elegancia, respecto e mestría. Os ecos do gran lirismo e as reminiscencias celtas engaden a esta obra unha salientable profundidade emocional.
Continúa con outro dos grandes compositores de Galicia, Juan Durán. A súa pequena peza para piano e frauta “Improvisación en forma de muiñeira” parte da célula típica da muiñeira e, en aparente improvisación, transpórtanos a un fantástico mundo onírico. Á citada, seguen “Catro pezas populares galegas” para frauta e arpa nas que Durán amosa un gran lirismo melódico, e a súa sinxeleza harmónica, malia certas ousadías, encaixa perfectamente co seu referente popular. Nas seguintes “Tres pezas breves” amósanos un perfecto dominio da atonalidade e do timbre, sen perder expresividade nin coherencia formal.
Múltiples posibilidades sonoras
A obra do profesor Pablo Beltrán para vibráfono e frauta “Converxencias” é extremadamente brillante, mostrando as múltiples posibilidades sonoras, melódicas e harmónicas de ambos instrumentos, e fluctuando con habilidade entre estilos: modal, neoclásico e impresionismo. O tratamento atonal-serial momentáneo, resólvese eficazmente sen perder un chisco do feitizo melódico, harmónico ou estructural.
A obra para frauta a solo “Estructuras metamórficas Op 37” do arousano Eligio Vila, supón un reto para as habilidades do intérprete polos variados recursos e efectos técnicos empregados. Configúrase en pequenos segmentos melódicos, ritmos rotos e transposicións. As súas estruturas micromelódicas e desenvolvementos cromáticos crean unha certa atmosfera de fulxente balada ritual.
Pola súa banda, “Rictus” é a obra para frauta e piano da compositora viguesa Gloria Rodriguez Gil. Nesta peza intúese un determinado programa descritivo. Porén, a sensibilidade e o enorme talento compositivo de Gloria, lévanos a transcender esta sinxela descrición programática. É un traballo para deixarse levar cos ollos pechados e mergullarse nun mundo de ensoño.
Dánlle pulo a este disco, gravado por Roberto Noche no auditorio “Martín Codax” do Conservatorio Superior de Música de Vigo, as colaboracións de grandes intérpretes galegos, uns xa consagrados e outros mais novos, como Alba Barreiro (arpa), Carlos Castro (Vibráfono), Rasa Biveinieve (piano), Alba Raña (piano) e Lara Raña (frauta). Tamén colaboraron os prestixiosos compositores Salvador Brotons e Gabriel Bussi.
* Profesor e exdirector dos Conservatorios Superior de Música de Vigo e Profesional de Ourense
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- José Manuel Parada responde tajante al comunicado de Anabel Pantoja sobre su hija: «Como periodista pido respeto»
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro
- Cierra uno de los locales más míticos de Churruca
- Quitan la indemnización a una mujer que se cayó al salir de un céntrico hotel de Vigo
- La Guardia Civil no encuentra droga en el exhaustivo registro del buque atracado en Vigo
- No era Carlo Costanzia: el miembro de la familia Campos que podría fichar por 'Supervivientes 2025
- La Fiscalía pide investigar si el «aquaplaning» causó el accidente mortal de la A-52