Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viaxar no tempo con músicos errantes

Un libro de alta literatura, ben escrito, cun gran léxico e dominio da linguaxe

Os libros, os grandes libros, permiten viaxar no tempo. Co libro “O cantar dos músicos errantes”, de Xulio López Valcárcel, poeta aínda que escriba en prosa, viaxei polo tempo e polo espazo. Revivín antigas experiencias, propias ou ouvidas, das terras de Quiroga e de Ribas de Sil. Por aquelas fértiles e difíciles terras do val do Sil, do Caurel e outras terras do sur de Lugo e do norte de Ourense.

Toda unha historia das vivencias da vella Galicia interior nas primeiras décadas do século XX ata a chegada da televisión, e da gran migración ás cidades nos anos sesenta. Os anos pasan, a memoria permíteme, ás veces, recordar aqueles tempos remotos e escuros pero finalmente íntimos e entrañables ao formar parte inevitable de nós mesmos. Un bo libro fai revivilos. Este de Xulio López Valcárcel lévame ao interior de min mesmo da man deses músicos da terra, espontáneos e autodidactas, que amenizaban as festas das aldeas ao longo do todo o ano, comezando polo San Antón, 17 de xaneiro, e terminando no fin de ano e aninovo.

Relato da vida dos nenos, dos mozos, dos homes e mulleres dos vales do Lor e do Sil, O Caurel, das terra de Trives…, xentes dunha Galicia con serias dificultades de todo tipo, tanto económicas, como alimentarias, formativas e doutros tipos, pero cunhas enormes ganas de vivir e de gozar da vida. Cóntanos a vida dun acordeonista que nos enumera toda unha xeración de músicos que individualmente ou en grupos percorrían festas e acontecementos das aldeas da mencionada zona. Oín comentar, e estou de acordo, en que este libro “recolle, gaba e restitúe a memoria daqueles músicos anónimos que, con maior ou menor afinación mantiveron viva a chama da nosa tradición”.

Pero, sobre todo, é un libro de alta literatura, ben escrito, cun extraordinario léxico e dominio da linguaxe, que vai tirando do lector que devece por coñecer máis e máis da vida, inquietudes e andanzas, entre reais e ficticias, deses entrañables músicos que realmente existiron: O Caxeno, Os gaiteiros de Córgomo, Os Trintas, Os Gaiteiros de Vilaster, Os Celtas de Paradaseca, Os Padernes, Os Trabazos de Oencia, As Roldas de Xeitoso, As Catareiras de Arnaldo e tantos outros.

É un gusto ler as andainas deste peculiar acordeonista que, ademais, fala da aldea, da familia, da escola, dos amores e que nos mostra que a esperanza é a consciencia de saber quen somos e de onde vimos.

  • O cantar dos músicos errantes

    Xulio López Valcárcel, Edicións Laiovento

Compartir el artículo

stats