Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As viñetas de Agustín Portela en FARO DE VIGO

O pai do arquitecto César Portela foi un puntal do humor gráfico e da ilustración neste xornal durante os anos difíciles da posguerra

Agustín Portela Paz (Pontevedra, 1906-1992). Arquivo familoiar

O humor gráfico foi incorporado a FARO DE VIGO relativamente tarde, en 1923 –setenta años después da fundación do xornal–, cando o diario adquiriu unha nueva rotativa e introduciu o fotogravado. A primeira viñeta publicouse o 14 de xuño dese ano e o seu autor foi Manuel Méndez Domínguez, máis coñecido como Méndez. Porén, acadou axiña un gran peso no xornal e FARO converteuse decontado no principal referente do xénero na prensa galega antes da Guerra Civil, un período que coincidiu coa idade de ouro do humor gráfico gallego. Neses anos debuxaron para o diario os máis grandes humoristas gráficos da época: Carlos Maside, Federico Ribas, Ignacio Vidales Tomé, Eduardo Padín, Manuel Torres e, sobre todo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. En FARO, o rianxeiro continuaría a súa extraordinaria serie de “Cousas da vida”, principiada catro anos antes no diario Galicia, tamén de Vigo. Castelao debuxou para FARO ata 1933 e contribuiu a tinguir de galeguismo o xornal.

Viñeta 1 Agustín Portela

A Guerra Civil rachou bruscamente este período de esplendor do humor gráfico en FARO e na prensa galega toda, dando paso a dúas décadas de censura e mediocridade artística nas que o debuxo de humor apenas aparecía. Non sería ata entrada a década de 1960 cando o xénero comezaría timidamente a resucitar, da man de novos debuxantes como Fernando Quesada ou Pedro Ruiz Bofill. Mais os poucos humoristas que colaboraron co xornal neses anos difíciles tiveron máis mérito do que se podería pensar. Non chega con estar ás maduras; cómpre estar tamén ás duras. Eles estiveron e contribuíron a manter acesa a chama do humor gráfico neses tempos tan escuros.

Un deses resistentes foi Agustín Portela Paz (Pontevedra, 1906-1992), fillo e pai de homes ilustres. O seu pai era Francisco Portela Pérez, quen tivera unha estreita relación co xornalismo: foi fundador dos semanarios La Voz de Helenes (1883) e A tía Catuxa (1889) –o segundo, en galego, xa neses tempos tan temperáns–, ademais de escribir o libro As romerías de Galicia (1889), participar na fundación do primeiro coro galego e da Sociedad Artística de Pontevedra, e asistir ás tertulias da botica de Perfecto Feijoo. O seu fillo é o arquitecto César Portela Fernández-Jardón. Se Agustín Portela foi aparellador –do Concello e da Deputación de Pontevedra, e presidente do Colexio de Aparelladores da provincia durante 22 anos–, César Portela é Premio Nacional de Arquitectura (1999) e Medalla de Ouro da Arquitectura (2023). Só en Vigo, debémoslle o Museo do Mar, o Verbum, o Auditorio Mar de Vigo e a nova terminal do aeroporto de Peinador.

Viñeta 2 A.P.

Alumno de debuxo de Castelao no bacharelato, Agustín Portela colaborou en FARO desde 1949. Durante máis dunha década publicou tanto viñetas de humor como ilustracións. Esta reportaxe rescata algunhas a partir de orixinais –algúns mesmo incompletos e, en todo caso, sen o texto que os debía de acompañar– facilitados ao xornal polo seu fillo César, que lembra que o seu pai lle entregaba a viñeta ao corresponsal de FARO en Pontevedra para que saíse para Vigo no autobús”, algo moi típico na época e mesmo despois. A finais dos anos 60, Quesada mandaba todos os días a súa viñeta aos diarios madrileños Arriba e Pueblo no tren expreso que saía de Vigo á ultima hora.

Como debuxante de humor, Portela tamén publicou en Vida Gallega –a revista viguesa fundada en 1909 por Jaime Solá Mestre e cuxa portada asinaron os mellores humoristas gráficos galegos de antes da guerra, a comezar por Castelao, autor xa da primeira–, Chan –a revista galega dirixida en Madrid por Raimundo García Domínguez, Borobó, entre 1969 e 1971– e La Noche –o xornal vespertino editado en Santiago en 1946-1967 por Compostela Editorial, responsable tamén de El Correo Gallego.

Viñeta 3 A.P.

Como ilustrador, colaborou así mesmo, antes de despois da guerra, con Vida Gallega, Finisterre, Litoral, Alfar, Ronsel –cuxo director artístico era Álvaro Cebreiro–, Spes e Sonata Gallega –fundada por Ramón Peña, quen dirixira Céltiga en Bos Aires–.

Pero tamén fixo ilustración editorial, debuxando en libros de Ramón Cabanillas (Samos), Álvaro Cunqueiro, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, José María Castroviejo ou Pura Vázquez.

Porén, a súa relación cos libros non se limitou a estas ilustracións, senón que ten tamén tres libros de seu. En Pontevedra, boa vila (1947 e edición facsimilar en 1985) ilustra artigos que encomendara a un feixe de escritores amigos como Manuel Blanco Tobío, Prudencio Landín Tobío, Ramón Cid, Enrique F. Villamil, Celso Emilio Ferreiro ou Borobó. En As pontes do Lérez (1987), os seus debuxos dialogan co texto do seu amigo o crego Antonio Rodríguez Fraiz. Mais en O trasno (1992), con prólogo de Ramón Cabanillas, é autor tanto das ilustracións como dos textos.

Viñeta 4 A.P.

Portela Paz deixounos tamén outra obra abraiante: o plano da reconstrución do recinto amurallado da vila de Pontevedra a mediados do século XIX (1980), un traballo cheo de agarimo e precisión.

Agustín Portela foi un home estreitamente comprometido coa cultura: membro fundador do Museo do Pobo Galego, membro dos Padroados do Museo de Pontevedra e do Pedrón de Ouro, e membro correspondente da Real Academia Galega.

Vencellado ao Partido Galeguista e fundador da Liga dos Dereitos do Home en España, aínda en 1963 tivo un susto grande co franquismo, que lle abriu un consello de guerra por insultar a Franco durante unha conversa informal no café Saboy de Pontevedra. Segundo explica o seu fillo, un exiliado cubano proianqui delatouno. Pedíanlle seis anos de cárcere, mais o arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Antonio Puig, intercederon por el e zafouse.

En fin, un artista ao que lle tocou vivir, debuxar e facer humor en tempos duros. Fíxoo e moi ben.

Compartir el artículo

stats