Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio G. Teijeiro Escritor

“Tendo a facer unha poesía máis espida”

O autor vigués, Premio Nacional de Literatura, publica “Se falases de min”, un libro de luxosa edición, unha “viaxe polos sentidos” no que se misturan música, pintura e poemas

Antonio G. Teijeiro. Ricardo Grobas

"Dous bloques de poemas, uns relatos poéticos inspirados a partir de letras de cancións, unhas pinturas marabillosas de Xulio García Rivas, un cedé que contén unha canción escrita especificamente e cantada por Paco Ibáñez para o libro, poemas recitados por min, seis poemas musicados e cantados por Alberto Cunha e uns bonus tracks coa actuación con Paco Ibáñez, recitando e cantando comigo o ano pasado no TerraCeo de Vigo”. Así describe Antonio G. Teijeiro Se falases de min (Ed. Elvira) que será presentado o vindeiro 5 de outubro no Club FARO.

-Como xurdiu este libro tan especial?

-Para min a aparición deste libro confirma aquelo que dixo Luis Pimentel de que “a poesía é o milagre do mundo”. Nunca pensei que un libro meu se convertise nun obxecto deste nivel, un artefacto artístico, cultural. Todo naceu precisamente dun poema, o que lle da título, “Se falases de min”, e foi medrando e medrando ata convertirse neste “artefacto” , como me gusta chamalo, que abraza afectos e amosa a verdadeira faciana da arte.

-Non sei se será o seu mellor libro pero, é o libro que lle fixo máis ilusión?

-Cada un dos libros que publico, e con este van xa 82, responde a espazos da miña vida nos que preciso expresarme. Pero si, recoñezo que este é un libro moi especial, e por circunstancias evidentes: hai moita amizade nel, con Paco, con Xulio, con Alberto… E logo é de admirar o traballo que fixo a editorial Elvira, que é marabilloso. Eles tamen o fixeron medrar.

-Os poemas son inéditos?

-Non, pero cáseque se pode decir que si porque inclúo dous poemarios que no seu día tiveron moi mala sorte. Un deles foi publicado dentro dunha colección que naceu morta e, o outro, por unha editorial que pechou cando estaba recén publicado.

-Os que si son descoñecidos son os relatos poéticos que Vde. escribiu a partir de cancións. Está a crear un novo xénero literario?

-Non, non teño tantas presensións. A miña poesía baséase na vida, no que leo e na música que escoito. Porque eu son un melómano tremendo, unha persoa que non pode vivir sen a música. E, dende o meu descobremento de Bob Dylan, na adolescencia, comecei a interesarme polo que din as cancións. De maneira que estas prosas naceron a partir de versos para expresar determinadas situacións e sentimientos.

-Nunca lle tentou compoñer letras para cancións?

-Malia que poesía e música van da man, creo que no sería quen de facelo. Eu fago poemas para rapaces, mozos, adultos, vellos... Baseo o meu estilo nas imaxes, e nomeadamente no ritmo e na musicalidade, pero non os escribo expresamente para que se compoñan cancións a partir deles. Pero, vaia, se alguén o fai paréceme fantástico!

"Busco que a xente note que o que se escribe é cálido, directo e doado de comprender"

decoration

-E a partipación de Paco Ibáñez é outro luxo.

-Coñecémonos dende hai máis de vinte anos e, dende o primeiro momento, prodúxose entre nós unha conexión humana inmediata. Paco é unha das persoas mais moralmente auténticas que eu coñezo. Non se dobrega diante da nada nin de ninguén. E encántame que me diga que elixe poemas meus para facer cancións non porque sexamos amigos, senón porque lle gustan.

-En que etapa poética se atopa Vde. nesta altura da súa vida?

-Vou moi cara a unha simplificación da palabra. Tendo a facer poemas máis espidos, e a que os recursos sexan mais sinxelos, reducindo o número de versos pero que estean moi cheos das mensaxes que quero lanzar. Digamos que practico unha economía das palabras, e iso venme sucedendo a medida que me vou facendo maior, que vou cumprindo anos. Agora o meu obxectivo é chegar ao máis fondo a traveso do menor número de palabras, a condensar sentimentos na miña propia ollada de poeta. E, tamén, busco que a xente note que o que se escribe é cálido, directo e doado de comprender.

Compartir el artículo

stats