Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena Escritor, doutor en Filoloxía

“Escribir é soñar con vidas que nunca tiveche”

O próximo mércores presenta no Club FARO “En tempo de desconto” (Galaxia), un cuarteto de relatos protagonizados por personaxes que “se xogan os seus destinos a todo ou nada”

O escritor Xosé Ramón Pena. Eli Regueira

Cal é ese tal “tempo de desconto” ao que se refire no título do seu libro?

-É o nexo que relaciona todas as historias e a todos os personaxes principais dos relatos. Nese “tempo de desconto” é cando se resolven, para ben ou para mal, as traxetorias vitais dos protagonistas; son tempos nos que, ou ben poden quedar definitivamente derrotados, ou ben redimirse. Daquela, son momentos cruciais, non necesariamente cronolóxicos, pero aos que chegan os seus respectivos trens da vida.

-Acerto se digo que estas historias seguen a liña que emprendeu cun seu libro anterior, Todas as vidas (Xerais), con historias salpicadas de perdedores, de outsiders, de esquecidos…?

-Si que a seguen, pero creo que no caso de En tempo de desconto acentúase unha actitude vital dos protagonistas que consiste, nunha altura determinada das súas vidas, en xogarse os seus destinos a todo ou nada.

-Que o que lle atrae dos “perdedores”?

-Sinceiramente, non é que eu teña querencia polos perdedores, é que as historias saíronme así, con eses perfís de sombras e lados escuros. Pero iso non é algo que manexe de xeito previo, senón do que me decato despois, mentres as escribo. De todos os xeitos, eu non creo que estes personaxes sexan só perdedores nin outsiders, que tamén, senón, por enriba de todo, individuos que seguen o seu propio camiño e teñen, e manteñen, a súa propia mirada sobre a vida, por iso nunca tiran a toalla.

-En 'Making off' semella que ten Vde. unha pelea coa trama para que ningún lector identifique a Teddy Puga cun personaxe real, que podería ser Andrés Dobarro, Xoan Rubia ou ata Pucho Boedo. De onde sae Teddy Puga?

-Confeso que isto da pelea coa trama que aprecias sorpréndeme, pero debe ser porque no relato altérnanse personaxes reais e ficticios, coa particularidade de que os reais fan cousas que nunca fixeron, é decir, que están inventadas por mín. Dito isto, que quede claro que Teddy Puga é un personaxe totalmente ficticio que, iso si, nútrese e está construído con datos, circunstancias e rasgos de personaxes reais. Supoño que esa mistura que argallo, á que se engade a miña propia experiencia personal, debe ser a pelea a que ti te refires.

  • PENA, Xosé Ramón, En tempo de desconto, Galaxia, 2022, 236 págs.

-En 'Rabuñada nas costas' vólvese a poñer na pel de mulleres, algo que fixo en anteriores novelas, nomeadamente en Fado de princesa. Como se prepara un autor-home para entrar na psicoloxía dun personaxe-muller?

-A Gustave Flaubert adoitábanlle preguntar quen era en realidade Madame Bovary, e el sempre respostaba: “Madam Bovary c’est moi (son eu)”. Nesta liña, eu teño que decir, como autor, que, para min, dende o punto de vista literario, poñerme na pel dunha muller non é moi distinto nin máis difícil de cando me podo meter na pel dun boxeador, un militar, un toureiro, un cura…Escribir é, entre otras cousas, soñar con vidas que nunca tiveche, travestirse, vaia! O que resulta moi reconfortante, dende logo, é que unha muller te diga “acertáche!” e abofé que iso pasoume sobre todo con Fado de princesa. Espero que aquí me pase o mesmo.

-En 'Triunfador na feira' debuxa un personaxe co que o lector simpatiza malia que non sexa precisamente un modelo a seguir.

-Confeso que a este personaxe construíno en base a dúas das miñas (agora confesadas) devocións: a fascinación por aquel Juncal, personaxe inolvidable que tan maxistralmente interpretou Paco Rabal, e a atracción que dende neno sinto polo mundiño das feiras, coas súas tómbolas, caballitos, cochitos eléctricos, tiros…Pero si, tes toda a razón: este é un home que, dende logo, é de todo menos un exemplo a seguir, pero malia iso, resulta que é un tipo ao que non eres quen de odiar, que te cae ben ou que, como canta Julio Iglesias, compatibiliza moi ben aquelo de “soy un truhán, soy un señor”.

-Como debemos interpretar o último dos relatos: 'Mala de culebrón'. Como unha crítica aos culebróns de TV, un eloxio ou un exemplo de ascensión e caída dunha estrela do entertaiment?

-Para min é unha especie de retrato do tempo que estamos a vivir no que prácticamente todo se transforma nun culebrón ou nun “Sálvame” de turno. Daquela, por exemplo, estamos a vivir a guerra de Ucrania mediante unhas transmisión televisivas que, ás veces, ún ten a sensación de que estamos vendo un “Sálvame”, ou sexa, de tratar a vida concibida como se fora un espectáculo.

"No tempo que estamos a vivir prácticamente todo, ata a guerra de Ucrania, se transforma nun culebrón ou nun 'Sálvame' de turno"

decoration

-Neste conto hai un ár na estructura narrativa que recorda a A esmorga de Blanco Amor.

-Lóxico. Non en balde eu considero a Eduardo Blanco Amor o mellor narrador galego de todos os tempos.

-Cal é a clave para atrapar aos lectores nun relato breve?

-Básicamente, hai tres claves que son as mesmas que as da novela: contar unha historia o mais potente posible, que teña acción e na que as cousas se movan, e que teña tensión na linguaxe. Non digo que sexan as tres condicións indispensabeis da boa literatura, pero si as que a mín máis me gustan como lector e as que intento reflectir nas miñas obras como escritor.

Compartir el artículo

stats