A globalización e Internet impulsaron a chegada masiva de novas palabras á lingua. Xosé María Gómez Clemente, profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, é un dos autores do primeiro Diccionario de Neoloxismos Galegos, que inclúe unha escolma de 1.200 termos das ducias de milleiros que leva recollidos o Observatorio de Neoloxía Léxica da UVI nos seus sete anos de vida. Neste volume pioneiro pódense atopar palabras como mancontro, picadiscos, e-correo, bioterror, ciberserie...

- ¿Que outros termos curiosos podemos descubrir?

- Pois por exemplo, cando se vulgariza a política fálase de karaokización, e os seguidores do rock duro en Galicia son hevycheiros. O noxonauta está obrigado a usar as novas tecnoloxías aínda que está en contra, o filoeuro é amante desta moeda, e a desgonzalización, o proceso polo que o PSOE abandona o pensamento de Felipe González.

- ¿Son autóctonos?

- Si, todos eles. Igual que o paifoquismo, de paifoco (pailán); a minicentralización, o proceso de crear minicentrais nos ríos; ou outro curioso de autor, o bushismo, que significa parvada. Neste apartado temos tamén corruptodemocracia e impaís, referido a un país que non é recoñecido como tal.

- O ámbito da informática tamén dará cancha.

- Si. Aí temos, por exemplo, ó blogeiro, autor dun diario ou vitácora en Internet; portatextos, un aparello para visualizar textos; chatrevista, unha revista electrónica; ou cibervoluntariado, referido ás persoas que se ofrecen a cooperar en proxectos a través da rede, entreo moitos outros.

- ¿Cantos neoloxismos aparecen cada ano en galego?

- Preto de 2.000.

- ¿É o galego unha lingua activa e rica na creación de novas palabras?

- O nivel é relativamente alto, pero aínda que hai moita creación interna, o número de préstamos é elevado, e falla o procedemento de sustitución por creacións autóctonas.

- Hai un antes e un despois de Internet.

- Antes o uso do galego era literario e periodístico cun control normativo grande. Internet é o mundo da liberdade, e iso ten cousas boas e malas. Hai moito castelanismo, e entran palabras referidas a novos conceptos que o galego rapidamente adapta. Esa aceptación débese controlar un pouco.

- ¿Dase unha invasión de castelanismos e de léxico anglosaxón?

- Falta un criterio. Non hai que rexeitar os préstamos, pero a Real Academia Galega ten que dicir se un neoloxismo debe aceptarse, adaptarse ou substituirse. É moi importante que haxa unha guía.

- ¿Hai unha excesiva lentitude da Real Academia á hora de responder ós retos que plantexan os neoloxismos?

- Si. A Real Academia é indispensable. O goberno, e incluso o financiamento privado, debería apoiala para que se acabe modernizando. A min dame envexa como está a Real Academia de la Lengua Española, que agora é unha institución punteira. A RAG debe estar continuamente observando o uso do galego, que está tendo problemas de calidade.