Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Soledad García Escritora e ilustradora

«Cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro»

«Para un neno un libro é como un tesouro e, se ese tesouro lle conta cousas interesantes, podemos crear adultos mellores»

«A miña última obra, 'Afouteza', recolle todas as obras premiadas nos últimos anos ata maio»

A escritora Soledad García presenta o seu novo libro, 'Afouteza', no Día da Amizade.

A escritora Soledad García presenta o seu novo libro, 'Afouteza', no Día da Amizade. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

Soledad García é unha escritora e ilustradora nigranesa cunha obra caracterizada polo seu compromiso na defensa do idioma galego, do medio ambiente e do patrimonio da comarca do Val Miñor e de Vigo. Recentemente, publicou o seu último libro, Afouteza, que recolle un total de 23 obras premiadas.

Vén de publicar Afouteza, a súa última obra.

Si, quería unha data significativa para facelo e escollín o Día da Amizade. Foi unha presentación diferente na librería Paraísos de Papel, en Nigrán, na que cada persoa me tiña que facer unha pregunta. Foi moi especial. A miña última obra, Afouteza, recolle todas as obras premiadas nos últimos anos ata maio de 2026 e á xente encantoulle.

Forma parte do seu proxecto Emocionaria. Un conto, unha emoción.

Si, é un proxecto de prestixio e de difusión do galego a través de libros divulgativos, como Un paseo por Nigrán, Un paseo por Baiona ou Un paseo por Gondomar. No primeiro divulguei a recuperación do mosaico milenario de Panxón, que estaba en Nova York. No segundo defendín os garranos. Traducímolo ao inglés, A walk in Baiona e levámolo á Feria Internacional de Berlín. No último, defendo as terras raras da Serra do Galiñeiro.

A escritora e ilustradora Soledad García.

A escritora e ilustradora Soledad García. / FdV

Como nace esta idea?

Creo os contos para a miña nena. A min o que me encanta é o medioambiente e quería facer un proxecto de divulgación da nosa lingua, do galego, a través de libros que contribuísen a protexer a natureza, o patrimonio e os animais. Hoxe en día, os nenos son moito de pantalla e de estar na casa e eu quero que coñezan e non se perdan todas esas tradicións que a min me ensinaron. Por exemplo, quería explicarlles o que é o Samaín, a nosa cultura celta: cando chegaba o outono, acendíanse cabazas para darlle forza ao sol e vencer a escuridade do inverno. Entón, escribín Samagostín, para vencer o medo aos seres escuros porque hai moitos nenos que nesa época teñen moito medo a saír á rúa. Sempre me saen cousas da cabeza e cada vez que gaño un premio literario, invisto no seguinte libro. Este ano, estou a ter bastante sorte porque xa levo varios premios. Agora, como a miña filla está crecendo, xa non quere que faga libros infantís e vou facer novelas, pero tamén de defensa.

Cal é a importancia de educar aos nenos a través da literatura?

Os contos son algo moi importante para os nenos. Son o primeiro contacto coas letras. Os meus libros son de divulgación e lles podo ensinar moitísimo sobre a natureza, o coidado dos animais, o coidado do patrimonio... A importancia é enorme. Para un neno un libro é como un tesouro e, se ese tesouro lle conta cousas interesantes, podemos crear adultos mellores. Se creamos nenos que se impliquen no coidado da natureza e dos animais, crearemos futuras persoas máis implicadas coas necesidades do noso planeta.

Hoxe en día, os nenos son moito de pantalla e de estar na casa e eu quero que coñezan e non se perdan todas esas tradicións que a min me ensinaron

Non é só escritora, tamén é ilustradora.

Si. Antes de escribir eu pintaba e este ano pasado animeime a intentalo e fixen varios libros ilustrados por min.

Cal foi o libro que máis lle custou escribir?

Escoller un é difícil. Un paseo por Gondomar levoume un arduo traballo de campo e investigación. O libro invita a realizar experimentos científicos que están recollidos ao final xunto a moitas actividades medioambientais. Tamén mencionaría LOST polo traballo de ilustración, os valores que representa e o peche final da curtometraxe que di «Non somos unha cousa, somos un camiño, o reflexo que deixamos na natureza, na familia e nos amigos». Ese libro explícalle aos nenos a importancia de ser un mesmo porque ás veces se sente un perdido. Fíxeno especialmente para Mauri, un neno de Nigrán que ten unha enfermidade e os seus pais loitan por conseguirlle unha cura nun hospital de Barcelona. Eu pensaba no sentimento que poden sentir uns pais cando che dan esa noticia, o perdido que te sintes.

Cantos libros ten en total?

Teño 48 en total, é unha loucura. 27 son meus e 21 son libros colectivos con outras persoas.

O mercado literario en galego é moi triste porque o autor, que é o que crea a obra, é o que menos leva

Con frecuencia realiza doazóns dos dereitos de autor das súas obras.

Fago esas doazóns para que moitos deles cheguen aos nenos. Este ano, por exemplo, donei os dereitos de autor de 3.000 copias ao Concello de Vigo do Herbario do Solsticio do Verán para difundir nos colexios e nas entidades colectivas e que a tradición de San Xoán siga. Fixen a campaña «Adóptame en Vigo», co libro URCO. Unha historia reciclada. Está feito todo con lixo para demostrar como se podía converter nunha obra de arte e que os animais do refuxio merecen unha segunda oportunidade. Levamos xa 9.000 copias no Concello de Vigo, 3.000 cada ano, e tivo moitísimo éxito. Os nenos teñen un QR a través do que acceden aos gatos e cans do refuxio, entón adoptan moitísimo. Está a funcionar moi ben. Tamén donei Misión para unha formiga, para explicarlles por que non hai animais no zoo.

Participou na Residencia Literaria de San Simón. Que proxecto desenvolveu?

Si. Nesta terceira edición presentáronse 50 proxectos e escolleron 24. Consiste en compartir espazo con outros escritores na illa durante quince días. O meu proxecto chámase Poetandactianimalfabeto, un libro de debuxo no que vou tratar temas como a psicomotricidade, en colaboración coa Federación de Persoas Sordas de Galicia. Temos un proxectazo para lanzar e xa o teño rematado.

Considera que escribir en galego está en desvantaxe con respecto ás obras en castelán?

Seguro. Hoxe en día o mercado literario en galego é moi triste porque o autor leva o 10% do precio de venta do libro, sen IVA. De dez euros, leva un e, se ten ilustrador, o ten que compartir. É dicir, 50 céntimos. Imaxínate cantos libros tes que vender para poder vivir da literatura. O autor, que é o que crea a obra, é o que menos leva. Polo que vexo, se algún dos meus libros estivera traducido tería moita máis difusión.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents