O último concerto do verán no emblemático auditorio vigués
Fillas de Cassandra cumpren o seu soño de actuar en Castrelos: así se viviu dende dentro
Levaban tempo esperando este momento e o pasado domingo foi unha realidade. O dueto musical formado por María Soa e Sara Faro, coñecido como Fillas de Cassandra, subiuse ao escenario de Castrelos na última actuación da programación estival. Era «o soño» da súa vida e FARO acompañounas ao longo da experiencia

Jose Lores / Jose Antepazo / Pedro Fernández
Non era unha actuación calquera. Subirse ao emblemático escenario de Castrelos era «o soño» da súa vida, tal e como proclamaron Fillas de Cassandra a FARO antes do concerto. O dueto musical formado por Sara Faro e María Soa, ambas viguesas, puxeron o broche de ouro á actual edición de concertos de verán da cidade olívica. Fixéronno o pasado domingo no festival FNAC Live Vigo, xunto a Eladio y Los Seres Queridos, DJ Bea Fernandes e The Rapants.
«Este momento estivo no imaxinario de Fillas desde que naceu e hoxe vólvese tanxíbel», entonaba ilusionada Sara antes da tan esperada función. O lugar gardaba diversas lembranzas para as viguesas. «Estamos ao lado do parque que nos viu crecer, no que xogamos tantas veces e onde estivemos escoitando tantos concertos coas nosas familias e amigos. Hoxe, tocamos nós», comentaba pola súa parte María.
Teñen moitos concertos, pero sabían que este ía ser especial. Levaban tempo cos preparativos para ofrecer un espectáculo singular, á altura dun recinto como Castrelos. Perseguindo esa perfección, as artistas fixeron cambios na súa proposta «ata o último momento». Unha constante adrenalina vivíase enriba do palco na proba de son, tan só unhas horas antes de dar comezo ao show. «Estamos moi apuradas, a min case non me deu tempo de saludar a Sara», expresou a maior das vocalistas.

Proba de son, xunto ao equipo de baile, antes do concerto en Castrelos. / Jose Lores
Ambas amosábanse emocionadas por poder compartir ese momento tan significativo coa calor das súas amizades e familias, destacando a presenza das avoas, que «non podían faltar». «O concerto vai estar adicado ao meu pai, que xa non está», asegurou Soa.
A dimensión da cita tamén se reflectía detrás do escenario. Ao equipo habitual de Fillas de Cassandra, formado por máis de vinte persoas, sumáronse outras tantas entre equipo de baile, músicos, técnicos e resto de persoal que fixeron posible que o ansiado día fose unha realidade.
Un espectáculo a medida
A coreografía, preparada específicamente para o recinto vigués, foi outro dos retos. «Foi unha proposta de María e Sara a de preparar esta actuación exprés e especial. Non é unha coreografía que estea dentro do concerto, senón que é xerada para este momento en concreto e acaban de aprendela», afirmou Daniel Rodríguez, coreógrafo e director de movemento.
«Foi un reto xuntar a xente en agosto porque estamos todos de vacacións, foi un reto aprender e ensinar a coreografía nunha hora e vai ser un reto defendela», concluíu Rodríguez. Entre os bailaríns —a maioría pertencentes á escola de danza Media Punta— estaba Dani Barros, que apuntaba que María é amiga súa dende que ían xuntos ao Colexio Martín Códax, polo que tamén era todo un soño para el.

Sara Faro (esda.) e María Soa (dta.), vocalistas de Fillas de Cassandra. / Jose Lores
As tres sorpresas da noite
Nun concerto tan especial non podían faltar as sorpresas. Neste caso foron tres. A banda Rebeliom do Inframundo sumouse á festa para aportar «paixón, lume e moita beleza» na canción Contra vento e marea. Según manifestaron, a colaboración «surxiu da amizade, dos bares e do amor mutuo», esperando «disfrutar infinito» e vivir «unha tarde máxica e perfecta». «Son unhas rapazas que arriscan mogollón. Desde o principio son distintas a todo o que se fai e teñen un talento abismal. Estamos moi contentos de velas aquí petar na súa cidade», valoraron os vocalistas do grupo.
A Agrupación Musical do Rosal tampouco pensaba perderse a noite. A súa relación con Fillas viña de atrás. Concretamente, dun concerto organizado no Rosal no ano 2024 coa banda ao completo, sumando máis de 80 persoas sobre o escenario. O acto encheu a Praza do Rosal por primeira vez con máis de 6.000 persoas, tal e como describiu Javier Alonso Pérez, director da agrupación.
Tamén marcou o inicio dunha colaboración artística e dunha amizade que continuaría coa participación da formación instrumental na gravación do tema Tertúlia, que dá nome ao seu segundo disco e que tocaron en directo coas artistas. «As expectativas para hoxe son poder disfrutar a tope da música de Fillas de Cassandra e tamén da mística deste lugar tan marabilloso como é o auditorio de Castrelos», reflexionou Pérez antes do concerto.
Por último, tamén Caamaño & Ameixeiras participaron na celebración con «moitas ganas e moita ilusión». «Para nós é unha alegría inmensa que nos chamaran porque son amigas e artistazas. Estamos hipercontentas de poder acompañalas nunha noite tan especial para elas. Creo que vai ser apoteósico que toquen na súa cidade arroupadas pola súa xente querida, merécenno todo», relataron as músicas, antes de interpretar xunto a Fillas o tema Arderse.

Jose Lores / Jose Antepazo / Pedro Fernández
Hora de cumprir un soño!
E finalmente chegou a hora. Tras realizar o ritual saludo entre os membros do equipo para saír con ánimo e darse unha última aperta, uns minutos pasadas as 21.30 horas María Soa e Sara Faro cumprían o seu soño pisando con firmeza o escenario. Xusto antes, amosábanse listas e con ganas. Mandaron un bico aos seguidores de FARO e preparáronse para vivir a noite que levaban tanto tempo imaxinando. «Agora si, mui boa noite. Que fuerte, estaba aquí diciendo ‘Boa noite Castrelos’ e flipando», expresou Sara.
«O espectáculo novo de Fillas de Cassandra, Tertúlia, é un espectáculo moi traballado. Un directo moi innovador e sorprendente», describía Manuel Tarrío, manager do dueto vigués. O representante expresou a súa ledicia por como estaba evolucionando a xira.

O ritual de saúdo entre o equipo para pisar o escenario con enerxía / Jose Lores
«Cremos que é un proxecto máis que consolidado en Galicia, pero o que nós atopamos neste ano é que tamén está consolidándose fóra das nosas fronteiras. Non só a nivel peninsular, que están indo a festivales moi grandes e facendo concertos moi importantes por toda a xeografía española, senón que tamén están tendo datas europeas», destacou Tarrío, argumentando que van tocar en Roma e veñen de actuar en África, Praga ou Marrocos. «A verdade que máis contentos non podemos estar, tanto coa recepción do disco como coa recepción da xira», concluíu o manager.
O directo é como é. Non está libre de complicacións. Xusto na metade do concerto, as Fillas tiveron un problema técnico na mesa de son que obrigou a parar temporalmente a función. O público non lle deu maior importancia ao sucedido e, máis ben, dedicouse a animar ás cantantes. «Temos unha cidade que acompañou con moito humor», agradeceu María. Tras sons de pandeiretas, corrillos formados na platea para bailar muiñeiras e un Castrelos iluminado polos móviles dos alí presentes, o espectáculo chegou ao seu fin.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitando a Fillas de Cassandra despois do concerto. / Jose Lores
«Foi moi emocionante cando cantamos Tataravoa. A xente estaba cantando con nós», valorou Soa ao baixar do escenario. Esperando estaba o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que saudou ás viguesas e transmitiulles a súa felicitación polo concerto.
Tras conquistar Castrelos e cumprir o seu «soño vital», Fillas de Cassandra teñen un novo desexo: «Oxalá actuar unha segunda vez, pero con todas as horas posibles para facer aquí o que queiramos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Las zonas de bajas emisiones ya son una realidad en Vigo: así funciona la primera fase y vehículos afectados
- Una joven denuncia una agresión sexual en Vigo por parte de cinco hombres
- El norte de Portugal reclama 300 millones en infraestructuras y pone el puente con A Guarda entre sus prioridades
- Abel Caballero reprende a Rafael Louzán por sembrar dudas con la sede de Vigo para el Mundial 2030: «Estamos mejor que otros»
- Povisa, 53 años después: del hospital de los médicos vigueses a la incertidumbre de Vivalto
- Un coche impacta contra un céntrico supermercado de Vigo y hiere a una empleada
- Radio Taxi Vigo traspasa toda su clientela a otra operadora por falta de liquidez y «para contener las deudas» con sus abonados
- Kailua baja la verja tras 36 años haciendo historia en el surf gallego: «No ha sido solo una tienda, hemos hecho comunidad y familia»