Entrevista | 9Louro Cantante
9Louro, cantante: «Cóntanche a película de que tes que ir a Madrid para facer contactos na música»
O cantante de 21 anos, a nova sensación da música urbana en galego, fixo sold out ás horas de anunciar o seu concerto o sábado na Fábrica de Chocolate

9Louro / Juan Rodríguez Gómez
Martín Louro (2004) é o nome que agocha o artista 9Louro, un novísimo cantante que enche todo o que anuncia. Nos seus escasos anos de traxectoria, o muradano abriuse paso na escena urbana en galego ata erixirse coma un dos nomes autóctonos máis solicitados nas salas e festivais. O éxito acadouno cun ordenador e unhas letras nas que calquera rapaz pode mirarse no espello.
Sold out en Vigo, onde é a primeira vez que actúa. Agardaba esta acollida?
A verdade é que non tiña un barómetro para medir como era o público en Vigo. Tocara unha vez con Dirty Suc, que é un compañeiro co que teño temas, e alí a xente xa coñecía as cancións e estaba moi receptiva. Pero nunca dera un concerto propio aquí como banda, e sorprendeume moitísimo.
Tamén fixo pleno en Madrid este fin de semana. Sorpréndeo a resposta do público nun sitio onde non se fala galego?
Si, paréceme algo surrealista. Comentábao no propio concerto: parecía un soño estar nunha sala en Madrid, lonxe da miña casa, e ver a toda esa xente cantando os temas e apoiándonos así. Mesmo o técnico de son me dicía que o que estaba pasando era moi raro. Son recordos que quedan para toda a vida.
Como empeza na música?
Empecei grazas a un amigo meu, Juan, que xa facía música. Xuntabámonos entre colegas para facer «cyphers», temas nos que cada un cantaba unha estrofa. A partir de aí fun meténdome máis nese mundo: comprei unha tarxeta de son, un ordenador e comecei a facer cancións pola miña conta. Ao principio facía música en castelán porque todas as referencias que tiña eran así. Pero pouco a pouco fun vendo que non me sentía tan cómodo e empecei a probar en galego. Tamén tiven a referencia do meu irmán na casa, facendo música en galego (Xanma Louro, cantante de The Rapants). Daquelas estudaba un ciclo superior de electrónica e cando todo empezou a coller forza, tiven que decidir entre seguir traballando nese ámbito ou apostar de cheo pola música. Decidín darlle unha oportunidade e, por sorte, agora podo vivir disto.
Tiña formación musical dalgún tipo?
Non, para nada. Nunca fun a clases de música nin a actividades relacionadas. Aprendes moito da xente que tes ao redor facendo música. Comparado co que sabía hai dous anos, agora entendo moitísimas máis cousas. Aínda non teño unha formación musical como tal, pero xa podo construír un tema desde cero sen depender doutra persoa. Gustaríame no futuro aprender a tocar instrumentos e seguir formándome.
Que xénero diría que fai?
O que estamos facendo agora podería definirse como música urbana en galego. Pero a min gústame facer de todo: rap, trap, bachata, reggaeton, salsa… Escoito moitos estilos e gústame experimentar. Quero que cada persoa que me escoite poida atopar un tema co que conectar.
Emerxeu unha nova escena musical en Galicia, capitaneada por rapaces coma ti que facedes xénero urbano. Que a caracteriza, ademais das numerosas colaboracións?
Que estamos todos unidos. Somos amigos, temos un grupo no que falamos das cancións que imos sacar, dos concertos… Axudámonos entre nós constantemente. Non hai esa sensación de ir cada un pola súa conta. Creo que iso é o que fai que todo estea collendo tanta forza. Creo que a xente conecta con esa naturalidade e con que todo se fai desde o cariño.
Saen cada pouco estatísticas que reflicten un aumento das ideas de extrema dereita entre a xuventude, non é especialmente significativo que a música en galego viva un gran momento?
Eu non fago música pensando en política nin transmito iso nas letras, pero si creo que o que estamos facendo vai marcar un antes e un despois para moitos nenos e nenas que medren escoitando música urbana en galego.
Que música escoita 9Louro?
Escoito de todo. Música vella, música nova… Hai artistas que me marcaron con 15 anos e agora xa non me representan tanto. Pero sempre digo nomes como Cruz Cafuné ou o meu irmán, ademais de rapaces da escena que admiro moito.
É anticuado pensar que para triunfar hai que marchar a Madrid?
Xusto estamos no momento no que estase empezando a desmitificar. Creo que aínda queda traballo por facer, pero si penso que se pode conseguir desde aquí. Eu mentres poida seguir facendo música desde Galicia e organizar a miña vida arredor disto, non sinto a necesidade de marchar a Madrid para cumprir os meus soños, ao final tamén é unha película que che contan.
A atracción pola música urbana en Galego está clara entre os novos pero, tamén hai oíntes de máis idade?
Moitísimos máis da que parece. O outro día en Santiago había xente bastante maior que estaba entregadísima. Ás veces veñen pais cos fillos e son os pais os que me piden a foto antes ca dos nenos. Iso faime moita ilusión.
Presentas o teu novo disco, Amorrer, como foi o proceso creativo?
O concepto do disco xorde desa decisión entre seguir coa electrónica ou apostar pola música. “Ir á morte” era iso: lanzarme de cheo e probar sorte. Fixémolo xunto con Yuly, que é produtor. Cada un traballaba desde a súa casa: eu escribía letras e melodías, el mandábame instrumentais e iamos construíndo os temas entre os dous. Foi un proceso moi natural.
Proxectos de futuro?
Agora mesmo estou moi centrado nos directos. Teño moitas datas por diante e quero desfrutar desta etapa. Claro que vou seguir sacando música, pero sen marcarme presión nin datas concretas. Quero deixarme levar polo momento.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una boda celtista hasta las lágrimas: la sorpresa de Iago Aspas y Claudio Giráldez que emocionó a Valeria y Alberto
- El personal del Meixoeiro, en taxi a trabajar
- El perro más bello del mundo es de Vigo y se llama Hugo Boss: «Lo mejor que tiene es la expresión de la cara, es precioso»
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Muere a los 78 años María Isabel Fraga, la hija de Manuel Fraga Iribarne, durante un viaje humanitario en Madagascar
- La Xunta acelera, con varios camiones, la mudanza de la Casa do Mar al nuevo centro de salud de Moaña que abre sus puertas el lunes
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- Aduanas incorporará a su base de Vigo una patrullera de casi 40 metros incautada el pasado verano en el Estrecho
