Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Carmen García Mateo Reitora electa da Universidade de Vigo

«O ADN do cambio convenceu, a xente entendeu que é o momento. Pero non daremos volantazos»

«Xa empezamos a ser máis reitoras. Os tempos son chegados. Non hai paso atrás»

«É urxente revisar o protocolo para que as vítimas de acoso sexual se sintan máis acompañadas»

Carmen García Mateo, no campus de Torrecedeira, ante a sede de Enxeñería Industrial.

Carmen García Mateo, no campus de Torrecedeira, ante a sede de Enxeñería Industrial. / Pedro Mina

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Sandra Penelas

Sandra Penelas

Sorrí ilusionada cando uns estudantes que se cruzan con ela á saída da biblioteca de Peritos a felicitan. Onte esperteu cunha mensaxe dun dos seus alumnos na plataforma de teledocencia e asegura que os seus parabéns e os das persoas coas que se vai atopando dende o venres a enchen de «enerxía positiva». O luns ten examen na Escola de Telecomunicación e agárdalle unha semana de correccións, pero tamén de empezar a traballar no relevo da Reitoría. E faino convencida de que lidera un proxecto colectivo e «formidable» pola súa envergadura e porque «é unha marabilla». «É coma se acadara un deses proxectos complexos e competitivos, unha oportunidade na túa vida», celebra.

Este venres fixo historia na UVigo ao convertirse na súa primeira reitora e unirse á vintena de mulleres que xa o son neste momento en España. Incluida Rosa Crujeiras, recentemente elixida como primeira reitora da USC e de Galicia. Felicitouna pola victoria?  

Mandoume unha mensaxe por WhatsApp. E tamén Ricardo Cao. É certo que empeza a non ser unha excepción ou algo singular que haxa unha muller reitora. De feito, as pioneiras foron as de hai 20 anos, cando había tres ou catro. Acórdome moi ben delas. Pero agora xa empeza a haber moitas máis. Os tempos son chegados. Facemos historia todas xuntas. Pero é unha historia que se queda. A partir de agora, creo que en poucos anos, haberá igualdade e tantas reitoras como reitores. Non hai paso atrás.

Carmen García Mateo, en el exterior de la biblioteca de Peritos.

Carmen García Mateo, este sábado, no exterior da biblioteca de Peritos. / Pedro Mina

Dixo que os resultados refrendan os da primeira volta e que a Universidade quere cambio.

Si. Hai que analizalos con detalle pero, en grandes números, mantivéronse os resultados do día 6. Isto quere dicir que o noso proxecto, as nosas ideas, o que chamamos o ADN do cambio convenceu. A xente entende que é o momento. Son uns números que nos dan lexitimidade.

Tamén se comprometeu a gobernar para todos, para os que a votaron e os que non.

Iso sempre. As eleccións son un mecanismo democrático para renovar os órganos colexiados. Pero unha vez que unha opción obtén a confianza o seu proxecto, que xa presentou antes, é un proxecto para toda a comunidade universitaria. Polo tanto, ten que poñelo en marcha, sen imposicións, con negociacións, pero é para toda a universidade. Iso téñoo moi, moi claro.

Un dos seus lemas era un proxecto conxunto frente aos minifundismos.

É verdade que a realidade é diversa, os colectivos son diversos, pero hai que partir deses dereitos individuais que debemos garantir para ter un proxecto conxunto, que é o que imos poñer en marcha.

Tras gañar as eleccións, como xa se comprometera en campaña, dixo que a súa primeira decisión como reitora será chamar aos representantes sindicais para comezar a reorganización do PTXAS (Persoal Técnico, de Xestión, Administración e Servizos). Unha das claves da súa victoria foi o apoio maioritario deste colectivo.

É un colectivo que nestes momentos ten unha situación laboral que ten que revertirse e mellorar. O primeiro día traballarei nesas tarefas de forma prioritaria e chamarei aos representantes dos traballadores.

Cando vai revelar o nome da persoa que ocupará a Xerencia?

A partir do luns encaramos o proceso de transición e a presentación do organigrama da Xerencia e das persoas que o van ocupar. Non sei que día concreto, pero será nos próximos días. Agora si, porque esa persoa xa está en condicións de poder dicir que virá á UVigo.

Xerente ou xerenta?

Xerenta. Estamos traballando con ela e tamén internamente no organigrama e iremos presentando ao seu equipo. Pero como todas as cousas que imos facer, cunha folla de ruta, con planificación e transparencia.

Carmen García Mateo foi elixida este venres a primeira reitora na historia da UVigo.

Carmen García Mateo foi elixida este venres a primeira reitora na historia da UVigo. / Pedro Mina

Dende mañá empezaban a traballar no relevo?

Si, si. Teño que dicir que xa varias persoas do goberno actual se puxeron en contacto co noso equipo para empezar a falar. E estou segura de que a transición vai ser suave e desde a colaboración máxima. Non teño a máis mínima dúbida. E tamén nós, lévamolo dicindo dende o primeiro día pero ultimamente máis, non imos dar ningún volantazo. Faremos a transición coa xente que está no goberno e iremos configurando a nosa forma de traballar pouco a pouco, pero sen dar volantazos. O curso arranca en setembro, a PAU está aquí.  Non pode ser unha transición brusca, dramática, nin o vai ser. Están en marcha moitísimos procesos administrativos que non poden parar.

Chamárona da Xunta? En breve empezarán as negociacións do novo plan de financiamento.

Esta mañá chamoume o presidente Rueda para felicitarme e tamén o conselleiro de Educación. Entendo que as negociacións empezarán agora porque estábase a esperar polos procesos electorais de Santiago e Vigo. E traballaremos coas outras dúas universidades e coa Xunta.

Tamén iniciará un diálogo cos concellos?

Tivemos contactos informais durante a campaña. A relación da Universidade coa súa contorna é fundamental para ámbalas dúas. Axudamos a dinamizar as cidades en todo o relacionado coa vida universitaria, as residencias ou a programación cultural. Temos que partillar cos concellos, diputacións e todas as organizacións que sintan que a Universidade é un socio activo e fiel.  

A UVigo ten neste momento varias denuncias por acoso sexual en Filoloxía e Belas Artes. Que decisións vai tomar?

A Universidade ten activo un protocolo de prevención e actuación en caso de acoso. E lamentablemente estase a usar e non só nestes centros, nin só de profesores a alumnas. Non hai máis que ter en conta o informe que presentou a área de Igualdade hai uns meses. Como institución temos moita responsabilidade en non mirar para outro lado, senón ser activos e un exemplo para a sociedade. Temos que revisar o protocolo. É claramente urxente para que sexa máis eficaz e que as vítimas se sintan máis acompañadas e protexidas. E tamén hai que traballar na sensibilización e formación de todos os colectivos sobre estas situacións. Porque pasa moitas veces que non se identifican sinais de que algunha persoa está sufrindo. Temos a función social de educar aos nosos estudantes en temas de sensibilización, prevención e rexeitamento. É un tema complexo, pero non por iso irresoluble. O que dicimos é que a Universidade ten uns mecanismos que teñen que avaliarse e mellorarse.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents