Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Letras Galegas

A Deputación chama a fortalecer o galego desde a escola e a vida cotiá

Luis López e Luisa Sánchez destacan na sede viguesa da institución o legado de Begoña Caamaño como referente de compromiso coa lingua e coa cultura galegas

Luis López, con Sánchez, Curbela, Marcos Calveiro, Albe Stilton e a irmá de Begoña Caamaño e o alumnado do colexio vigués Amor de Dios.

Luis López, con Sánchez, Curbela, Marcos Calveiro, Albe Stilton e a irmá de Begoña Caamaño e o alumnado do colexio vigués Amor de Dios. / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, defendeu este xoves en Vigo o uso diario do galego e o reforzo do seu prestixio entre as xeracións máis novas como dúas liñas de acción fundamentais para garantir o futuro da lingua. Fíxoo no acto institucional de conmemoración do Día das Letras Galegas, celebrado na sede viguesa da institución provincial e centrado este ano na figura da escritora Begoña Caamaño.

López estivo acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e por alumnado do colexio Amor de Dios de Vigo, que participou nunha actividade didáctica deseñada pola Editorial Galaxia arredor da autora homenaxeada nesta edición das Letras Galegas.

Durante a súa intervención, o presidente provincial incidiu no valor do idioma como principal elemento de identidade colectiva. «Falar galego non é unha moda. Tampouco é unha ferramenta para discriminar ás persoas que non coñecen a nosa lingua, nin moito menos pode ser motivo para menosprezar a ninguén. Falar galego é un sinal de respecto pola nosa historia, de unión entre galegos e galegas e, por suposto, de amor pola nosa terra», afirmou.

López quixo ademais trasladarlle ao alumnado a dimensión emocional e cultural da lingua, vinculándoa coa memoria da emigración e co sentimento de pertenza. «Falar galego é dicirlle a todo o mundo que somos de Galicia, esa terra á que todo o mundo quere vir», resumiu, antes de lembrar tamén que o galego é a lingua que emprega a diario desde a súa infancia en Rodeiro ata a súa actual etapa á fronte da Deputación.

Luisa Sánchez puxo o foco na pegada de Begoña Caamaño e presentouna ante os estudantes como un exemplo de valentía, talento e compromiso. «Begoña era unha muller viguesa, valente, brillante e profundamente comprometida coa lingua e coa cultura galega. Hai futuro en vós como houbo en Begoña», sinalou a vicepresidenta, que animou a mocidade a continuar o camiño aberto pola autora viguesa.

Sánchez insistiu en que Caamaño non debe ser vista como unha figura distante ou abstracta, senón como unha persoa próxima, vencellada á propia cidade e ao seu tecido educativo e cultural. Na súa intervención reivindicou tamén a cultura como unha ferramenta para pensar, cuestionar e transformar a realidade, igual que fixo a escritora desde o xornalismo, a radio, os libros e a defensa do galego e da igualdade.

Tras a conversa institucional, os escolares participaron nunha actividade dirixida polo editor de Galaxia, Marcos Calveiro, e pola ilustradora Alba Stilton, que lles permitiu achegarse á traxectoria de Caamaño da man do libro «Bego e o mundo do revés», de Iria Collazo, ademais de seguir un vídeo para aprender a facer ilustracións.

Tracking Pixel Contents