Entrevista | Javier Cacheiro Director científico de One Health Data Space, do Cesga
«Teremos un superordenador de 52 millóns de euros; nunca houbo esta infraestrutura dispoñible nesta área»
Galicia terá a única factoría europea de intelixencia artificial deseñada especificamente para buscar solucións no ámbito da saúde humana, animal e medioambiental

Pedro Mina
Galicia será un dos poucos territorios europeos en albergar unha factoría de intelixencia artificial. A One Health AI Factory é un proxecto do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), que conta cun investimento de 82 millóns de euros e está apoiado pola UE, o Gobierno de España e a Xunta de Galicia. Xa está en marcha o seu paso previo, o One Health Data Space. Onte presentouse nos Galicia Biodays 2026, que se celebraron esta semana no Auditorio Mar de Vigo.
—Que é One Health?
É un enfoque diferente do habitual sobre a saúde. Trátase de ver a saúde como un todo. Engloba a saúde humana, animal e medioambiental. Por que? Porque todo inflúe na humana; depende da saúde animal e, á súa vez, todas dependen do medio ambiente. Trátase de unilas todas de forma que estean interconectadas.
—E que é o One Health Data Space?
É un ecosistema para traballar e producir resultados a partir de datos. Facilitamos todas as ferramentas necesarias sen ter que mover os datos a outros lugares nos que perdes o seu control. Esa é a idea fundamental.
—Na práctica para que serviría?
O que buscamos non é a infraestrutura, senón as solucións que se poden desenvolver con ela. Temos distintos casos de uso que, cada un, céntrase nun problema concreto. Por exemplo, temos un asistente clínico para axudar os médicos a tomar decisións en saúde gastrointestinal. Teriamos os datos; sen necesidade de que saian fóra, utilízanse para adestrar o modelo; e obtemos uns resultados que poden axudar a un médico a tomar unha decisión. Os espazos de datos convencionais baséanse só no dos datos: ti podes descargar datos doutro participante, se tes os acordos correspondentes. Neste caso, a esa funcionalidade de base, engadimos a capacidade de procesar eses datos e obter resultados.Hai un estudo do impacto que ten un parque eólico mariño; outro de busca de fármacos fronte á resistencia bacteriana, de César de la Fuente...
—Non só é descargar os datos, senón traballalos dentro desta plataforma?
Xusto. Esa é a idea, porque imaxina que tes os datos e queres desenvolver unha solución real con eles. Vas a precisar analizalos. Se son un volume moi grande, probablemente non sexas capaz. Entón, necesitarás unha plataforma de big data. Témola. Despois podes necesitar computación para, por exemplo, facer un modelo. Terías o mesmo problema para facelo en local. Ademais, ao ser One Health, non poderías utilizar un modelo externo, porque son datos sensibles. Nós incluímos todo iso para que non sexa só compartir os datos; iso é so a base. O importante é a capacidade adicional para que nunha soa plataforma poidas facelo todo: obter datos e computación. Un único lugar para poder resolver o problema concreto.
—Cantos participantes teñen agora?
Temos 19 casos de uso, ou problemas específicos aos que buscamos solución. Cada un pode ter un ou varios participantes. Os participantes poden vir para ver que información hai e que poderían facer coas capacidades que hai, ou poden vir cun problema real e querer un lugar para resolvelo. En total, hai 22.
—De onde son?
Dos sete casos iniciais, seis procedían de Galicia e un de Asturias. Os que se foron engadindo son, na súa maior parte, de España, e un de Estados Unidos. Algúns dos que están entrando agora son de Portugal.
—De onde saen os datos? Dos participantes?
Os participantes achegan os datos e deciden con quen os comparten. En moitos casos, os participantes teñen os datos, pero non teñen como analizalos nin facer todo o proceso. Cando xa tes moitos participantes, poderían vir para consumir os datos doutros e resolver un problema.

Javier Cacheiro, ayer, en el Mar de Vigo / Pedro Mina
—É ao que queren chegar?
Queremos chegar a ese punto. O One Health Data Space é o primeiro paso cara á One Health AI Factory, para a que aínda faltan uns anos. Trátase de crear ese ecosistema que permita ás entidades aproveitar estas capacidades, porque se non, non vale de nada.
—Que é a IA Factory?
É algo moi similar ao que se está construíndo agora. O Data Space é a base do que será a IA Factory, que aínda non comezou. Os participantes actuais pasarían a IA Factory.
—Pero achegará algo a maiores?
O que cambia é o hardware, pero o importante non é infraestrutura. Agora temos o superordenador Finisterrae 3. Na segunda metade do ano, pasará a estar operativo Finisterrae 4, que son 13 veces máis capacidade de cómputo. Son 25 millóns de euros. E o coa IA Factory teremos un superordenador de 52 millóns. Entón, será cando menos tres veces máis potente, pero probablemente máis. É un investimento moi grande só para One Health. É enorme para o que adoitan ser os investimentos que temos en superordenadores.
—Por que este apoio tan grande?
Vai ser a única IA Factory de Europa que vai estar dedicada exclusivamente a One Health. Hai outras que inclúena entre varias áreas.
—Esta visión One Health é un reto para Europa e por iso recibe este apoio?
O CESGA apostou por enfocarse nesa liña. O Ministerio tamén apostou por ela, porque o Data Space é do Ministerio. A IA Factory é europea.
—Que supón isto para Galicia?
Para o sector One Health en concreto supón un investimento enorme. Ata agora nunca houbo esta infraestrutura dispoñible. Ademais, vai haber a posibilidade de contratar entre 40 e 50 persoas dedicadas para dar soporte aos servizos que se van a desenvolver. As entidades que traballan nesta área van a ter unha capacidade adicional para resolver os problemas que teñen.
—Por exemplo, os proxectos de investigación que se están a desenvolver no Cunqueiro de investigación poden acceder a supercomputación?
Agora que está a IA tan evolucionada e, sobretodo na parte médica humana, se utiliza para moitas cousas, isto permite que teñan acceso á capacidade necesaria para poder empregala. A IA ten dúas dificultades. Unha é o custo da infraestrutura, porque as unidades de procesamento que se utilizan son servidores moi costosos. Un normal pode valer 250.000 euros e precisas varios. E, por outra banda, está o tema do control dos datos. Non podes enviar os datos a ChatGPT, porque non sabes o que fai a IA con eles. A única opción é que uses os modelos locais, pero con este tamaño é complexo desde o punto de vista técnico e do custo da infraestrutura. Con isto van a ter acceso a todo iso. Debería ser unha axuda enorme para o sector One Health. O importante é que isto produza resultados útiles.
—Neste primeiro ano están a ter resultados?
Os casos de uso están agora finalizando. Están traballando para ter solucións a curto prazo. Haberá algúns que traballen a máis longo prazo.
—Teñen varios proxectos da zona sur de Galicia.
Temos catro proxectos do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur: un observatorio de sarcopenia, un observatorio de microbiota intestinal, un asistente asistente clínico para gastroenteroloxía (GIFT), e outro de xeración de datos sintéticos a partir de datos médicos para, por exemplo, crear modelos. Outro é da UVigo: un asistente conversacional para xente maior que se chama Serenia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Una ganadería de Rodeiro, entre las diez más productivas de vacuno frisón de toda España
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- Se abre uno de los carriles de la AP-9 en Mos donde volcó un camión cisterna con 32.000 litros de gasóleo
- Más de 270.000 inmuebles gallegos deberán adaptarse a las exigencias de eficiencia energética de la UE
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital