Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Belén Rubio Candidata de H2040

«Imos fomentar a relación coa empresa, é unha vía de ter fondos"

«Combinar docencia, investigación e transferencia na ETEA da visibilidade e impacto global»

Belén Rubio, candidata á Reitoría da UVigo.

Jose Lores

Sandra Penelas

Sandra Penelas

Tras percorrer os tres campus, fai autocrítica e asegura que é «hai que facer más esforzo de comunicación» dende o goberno. Pero tamén pon sobre a mesa que os «bos datos» da UVigo e a experiencia dos membros do seu equipo son un aval para gañar as eleccións

—Leva oito anos no goberno, é un hándicap ou unha vantaxe?

—As dúas cousas. Ese continuismo é como unha mochila que levo. Aínda que eu non considero que o sexa porque son unha persoa diferente cun proxecto diferente. Pero tamén teño a vantaxe de que coñezo máis a UVigo porque levo eses oito anos no goberno, que dan unha visión moi ampla.

—Que resultados agarda o día 6?

—Está moi difícil porque non hai enquisas, pero teño esperanza de pasar á segunda volta. Creo que se van a repartir moitísimo os votos, porque os tres equipos levamos xente coñecida e boa. Nós somos un grupo con moita experiencia como vicerreitores ou directores e decanos de centros e estamos moi cohesionados. Cunha mirada común, perseguir a excelencia. A UVigo ten bos datos e iso é froito dun traballo, non vén da improvisación. E espero que a comunidade universitaria tamén o valore.

Belén Rubio, no edificio Redeiras.

Belén Rubio, no edificio Redeiras. / Jose Lores

—Suma unha vicerreitoría máis respecto ao actual goberno coas novidades de Economía e Transformación Dixital.

—Nestes anos puidemos ver que cousas non estaban funcionando de todo ben e os retos que temos. O primeiro é o tecnolóxico. A IA xa está por todas partes e creamos unha vicerreitoría para axilizar todos os procedementos e reducir a burocracia. Tamén vai levar a innovación educativa. Temos que pensar en modelos diferentes de ensinanza-aprendizaxe. E retomamos a de Economía porque calquera plan estratéxico vai ligado a ter cartos. E inclúe Emprendemento para fomentar a relación coas empresas. Son unha vía para ter fondos a través do mecenazgo, cátedras ou doutoramentos industriais. E tamén temos que fomentar proxectos conxuntos e unidades mixtas de I+D.

—Outro desafío é a xubilación de gran parte da plantilla.

—Temos o plan REXE de remuda xeracional do PDI para anticipar esa substitución. Por un lado, considerando aos profesores de 63 anos como se xa estivesen xubilados para adiantar a contratación de axudantes doutores. E, por outro, descargando de docencia aos que están entre 60 e 70 anos. Esta transición máis gradual permite que convivan os séniors e os júniors e a transferencia de coñecemento.

—No programa din que pedirán financiación específica á Xunta para estas medidas.

—Sobre todo, o que precisamos é ter máis masa salarial no capítulo 1 porque estamos un pouquiño xustos. A LOSU contempla que as universidades temos que recibir un 1% do PIB e eu vou a reclamar o que nos corresponde. Creo que a Xunta está pola labor e espero que os orzamentos se incrementen.Temos a porcentaxe de masa salarial máis baixa do sistema universitario galego e tamén estamos por debaixo da media nacional. A UVigo creouse nos 90 e en moitos departamentos practicamente se xubilarán todos os profesores en cinco ou dez anos. Hai que ir afrontando isto de xeito escalado, aínda que precisemos un esforzo económico máis importante, para ter unha continuidade

—E buscando o equilibro entre áreas?

—Xa o levamos anos facendo. Cando entramos no goberno a idade media era de 51 anos, hoxe é de 54. Non conseguimos revertilo totalmente pero non chegamos a 59. O ano pasado sacamos 95 prazas de axudante doutor e tamén imos na dirección de diminuir ese desequilibro que xa estaba cando chegamos. E tivemos unha política de estabilización para que unha persoa que entra como axudante saiba que se fai os seus deberes e se acredita vai ter unha continuidade. Tanto no profesorado como no PTXAS debe haber unha carreira clara e incentivos para que teñan ese afán por facer mellor o seu traballo porque poden ter unha posición mellor.

—Ao contrario das outras dúas candidaturas, Investigación e Transferencia seguen nunha mesma vicerreitoría no seu equipo.

—Aínda que son áreas de moito traballo e moi potentes teñen que estar xuntas. Somos unha boa universidade e moi ben posicionada nos rankings, pero temos que chegar a ser excelentes. Nestes anos gañamos reputación e recoñecemento. Empezamos tendo algúns proxectos europeos e agora son moitísimos porque outras universidades pensan en nós como parceiros en moitos ámbitos.

—É un obxectivo volver a estar entre as 500 mellores universidades do mundo no ranking de Shanghái?

—Non caer xa é positivo. Nalgúns ámbitos estamos moi ben. Somos a 17ª do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e estamos no tramo 200-300 en Ciencias Agrícolas. No ranking global é dificil porque a UVigo é moi variada, hai indicadores moi cambiantes e non temos Medallas Field nin Nobel. Pero en xeral en moitos outros estamos moi ben posicionados. Non son un obxectivo en si, queremos mellorar e se conseguimos entrar iso nos axudará a ser más recoñecidos.

A candidata de H2040, durante a entrevista.

A candidata de H2040, durante a entrevista. / Jose Lores

—Queren implantar máis titulacións internacionais.

—Este ano puidemos solicitar o European Degree label porque xa temos catro titulacións conxuntas con outras universidades grazas a que estamos en varias alianzas europeas. E plantexamos dúas novas. Temos unha vicerreitoría exclusiva de Internacionalización e Cooperación porque cremos que a Universidade debe ser moito máis aberta, con títulos partillados e dobles titulacións con socios estranxeiros. E, ao mesmo tempo, cunha aposta forte polo galego dende a de Comunicación e Normalización Lingüística

—Como mellorarán a empregabilidade?

—Ademais de manter os programas Incuvi de emprendemento, reforzar as relacións coas empresas axudará. Hai que facer máis fincapé nos doutoramentos industriais, temos moito éxito na convocatorias galegas pero rara vez acudimos á nacional. Queremos que as empresas nos plantexen retos para que os estudantes de máster ou doutoramento os resolvan. E tamén hai que dinamizar as prácticas.

—A vivenda estivo moi presente na campaña.

—A prioridade en canto a residencias é Pontevedra. En Vigo ademais de ampliar a do campus, temos que negociar co Concello a construcción doutra nova na cidade aproveitando os créditos do ICO. Permitiría unha integración máis directa porque os 11 kilómetros de distancia, aínda que temos Redeiras, ás veces son unha gran barreira.

—A ETEA incrementará esa presencia, pero os outros dous candidatos non son partidarios de trasladar Ciencias do Mar.

—Estou totalmente a favor. Xa o estiven cando houbo aquel movemento de trasladar centros á cidade pero foi unha oportunidade que se perdeu. Combinar docencia, investigación e transferencia na ETEA, onde tamén vai estar o CSIC, é crear o caldo de cultivo desa Cidade do Mar que sempre soñamos. Teriamos máis visibilidade e impacto global e estariamos preto das necesidades dos sectores galegos da acuicultura, o marisqueo o a enerxía azul. Nalgún momento tivemos cartos para rehabilitar o Faraday, pero como faltaba o PS1 non puidemos empezar. Agora xa está acordado e ogallá poidamos deixalo todo iniciado e xa cun rumbo claro.

—Xa presentaron ao seu xerente, será quen de reconducir a situación co PTXAS?

—Foi unha elección moi positiva. Ten unha experiencia enorme e está tendo xuntanzas que van contribuir a gañar confianza nel.

—Gústalle a estratexia do prompt oculto de Nós Universidade?

—A IA é un tema moi serio. Hai que utilizala pero de xeito honesto e respectuoso. E hai que formar a estudantes, profesorado e PTXAS sobre estas ferramentas. Usalas como estratexia nunha institución de ensinanza non é o máis acertado. Nós fixemos o noso programa con outra IA, a intelixencia académica.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents