Eleccións á reitoría
«A Universidade de Vigo debe ter canles sostibles de colaboración coas empresas»
«A improvisación crea desafecto e incertezas, non coidamos ben á nosa xente»

Pedro Mina
Arrancou a campaña cun acto multitudinario en Económicas, «o auditorio máis grande da UVigo», que encheu ao equipo de «forza e ilusión». E defende que o seu proxecto é «o cambio» real.
—Plantexáronse algún acordo de cara a unha segunda volta?
—A realidade é que nós somos a alternativa, o cambio. A nosa candidatura sae practicamente de cero, empezamos a traballar hai ano e medio. A de Belén Rubio é claramente continuista, cun equipo no que unha porcentaxe moi grande son membros do goberno actual. E a de Jacobo Porteiro xorde dunha crise de goberno de hai dous anos. Anticipar o resultado do día 6 é moi arriscado. As sensacións son boas, pero a comunidade universitaria é moi numerosa e non hai sondeos. Temos moita esperanza de pasar a primeira volta e incluso máis. En canto a pactos, non hai conversas nin achegamentos. Non toca.
—Ten sido moi crítica coa xestión económica do goberno e un dos seus compromisos é unha auditoría económico financiera nos primeiros cen días na Reitoría.
—Nos orzamentos, polo menos nos dous últimos, vemos unha tendencia a empregar en conceptos estruturais fondos non estruturais. Isto implica un risco moi elevado de que as políticas do goberno non sexan sostibles. O mesmo Consello Social da UVigo alertou sobre isto. Os aforros non están para ser invertidos en gastos estruturais. E tamén nos preocupa moito a execución real porque hai indicadores que penalizan se non é a suficiente. Non dramatizo nin son alarmista, simplemente digo que temos que saber exactamente cal é a situación e despois recuperar a senda de orzar e executar de forma transparente, sensata e saudable. E teremos no equipo de goberno a un vicerreitor que lidere e deseñe o orzamento traballando con todos os servizos correspondentes e coa Xerencia.

Carmen García Mateo, durante a campaña. / Pedro Mina
—Algúns dos seus lemas de campaña son moi definitorios dos problemas que atopan na UVigo: gobernar con datos fronte á improvisación ou acabar co minifundismo e os parches.
—É unha diagnose compartida. Basta con seguir as actas dos consellos de goberno, continuamente se volven a elevar acordos ás mesas de negociación porque non estaban ben preparados ou non se ten en conta a normativa. Hai unha falla de rigor, solvencia e preparación que é intolerable e non vai cos estándares que debe ter unha universidade. Por exemplo, aínda non conseguimos adaptar os estatutos, que son a nosa carta magna, á LOSU.
—A súa candidatura é a única que aínda non anunciou a suá proposta para a Xerencia, que será clave para desconxestionar a conflictividade co PTXAS.
—Xa expliquei no debate co PTXAS que temos unha persoa para a Xerencia con experiencia en xestión universitaria, recursos humanos e función pública. Non podemos anunciar o seu nome porque nestes momentos está ocupando un cargo de alta dirección e libre designación. A Xerencia é unha peza moi importante e o currículo da persoa que a ocupa é unha información relevante pero non indispensable. Porque non debemos perder de vista que é a reitora e o seu equipo os que marcan as súas liñas de traballo. Digo máis, se un equipo xerencial non funciona, a reitora ten que tomar cartas no asunto e buscar reemplazo. Cousa que igual tería que ter pasado nestes últimos anos.
—Fala de crise institucional ante as xubilacións masivas de PDI e PTXAS.
—É unha crise no sentido de que se non as planificamos ben, corremos o risco de que a transmisión de coñecemento sexa comprometida. No caso do PTXAS, fálase dun terzo dos efectivos nos próximos 5-6 anos. Pero tamén vemos a remuda xeracional como unha oportunidade para facer a reorganización dos postos de traballo, deseñar a carreira horizontal, a promoción e a incorporación do novo persoal. Faremos do problema unha virtude.
—No caso do PDI, un dos eixes é establecer unha carreira estable, con itinerarios xa dende a etapa 'predoc'.
—É moi necesario. Nalgúns ámbitos están moi claros os pasos, pero non en todos. Hai improvisación e cousas como que se está chamando á xente os domingos pola noite para dicirlle que a súa praza vai saír. Ten que haber unha planificación plurianual da plantilla e as persoas teñen que saber cales son as etapas, os prazos e os requisitos. Estar mudando de forma non controlada crea desafecto e incertezas. Non estamos coidando ben á nosa xente.
—Tamén queren modernizar a xestión e acabar coa burocracia.
—Nós falamos dunha administración moito máis áxil, moderna e eficiente. E iso pasa por revisar todos os procesos, adecuar normativas e dixitalizar. O que queremos non é só reducir a burocracia, senón unha transformación.
—Defende unha UVigo máis útil e presente en Galicia, perdeu peso social?
—Non. O que creo é que podemos facelo mellor. Vimos dunha universidade que arrancou nos 90, moi puxante. E hai un sentemento de que deberíamos recuperar eses impulsos ou iniciativas rompedoras. Queremos primar a excelencia e extender as boas prácticas por toda a institución.
—Unha das medidas en I+D+i é a Oficina 360º.
—Os investigadores principais temos que saber demasiado de administración para poder xestionar o día a día dos proxectos. Ademais de axilizar procedementos, necesitamos unha canle de entrada única. E na parte de transferencia queremos ser un motor de Galicia e que as nosas investigacións e desenvolvementos cheguen á sociedade, ás empresas. E aí temos que facer moito para darnos a coñecer. Non é unha cuestión de portais, senón de canles de colaboración sostibles no tempo. Temos a iniciativa 'A UVigo responde' para que os futuros colaboradores poidan achegarse a nós por unha única porta e ser dirixidos aos grupos ou centros máis acaídos.
—Plantexan bolsas de alugueiro para estudantes e novas residencias.
—Priorizamos unha residencia en Pontevedra, que é unha demanda histórica, pero tamén sabemos do interese do Concello de Vigo por aproveitar o plan estatal de vivenda e traballaremos a reo por iso. Tamén temos detectado que os estudantes ás veces se sinten desamparados e indefensos cando teñen algún problema cos seus arrendadores e queremos darlles un servizo de microasesoría xurídica.
—Fala da «necesidade imperiosa» de mellorar infraestruturas de cara á negociación do novo plan de financiamento coa Xunta.
—Temos que traballar conxuntamente coas outras dúas universidades públicas porque, en moitos casos, temos as mesmas necesidades e prioridades de investemento. O plan de financiamento é unha das primeiras tarefas que teremos.
—Os novos edificios da ETEA tamén precisarán fondos. E non é moi partidaria da mudanza da Facultade de Ciencias do Mar.
—Son unha peza importantísima do puzle do noso ecosistema de docencia e investigación mariña, que está distribuido entre o campus, Toralla e eventualmente a ETEA. Trasladar unha única facultade que comparte instalacións docentes con outras titulacións e cuxos estudantes teñen acceso no campus á bibliotecas e outros servizos non entra nas nosas prioridades. Pero si reforzar as capacidades de investigación con eses edificios. Sempre que haxa financiación específica, non a detraeremos nunca dos orzamentos ordinarios.
— O prompt oculto no seu programa como estratexia de campaña ten xerado certa polémica.
—A IA xa está nas nosas vidas ordinarias, os estudantes e profesores usan ferramentas e cómpre deseñar un marco común de uso ético. A estratexia comunicativa de incluir este prompt no PDF do noso programa, tal e como explicamos, é para que sexa lido e non comparado con outros utilizando IAs. Non vexo ningunha polémica con base, aínda que xenerar debate sobre os usos permitidos tamén é bo. Pero neste caso, non hai un uso non ético da IA, para nada.
Suscríbete para seguir leyendo
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde
- Muere un conductor al caer al vacío desde el viaducto de la A-52 en Melón cuando su camión hizo la tijera
- Nuevo paso para que se pueda viajar en AVE desde Galicia a otras comunidades del Norte sin pasar por Madrid
- La reapertura del policlínico Cíes lleva ocho meses paralizada a la espera de una autorización de la Seguridad Social
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo
- Dos jóvenes de Cangas denuncian por estafa al propietario del piso que habían alquilado en la villa
