Entrevista | Jacobo Porteiro Candidato de ConSenso
«A ETEA ten que ser un hub de investigación, pero mover facultades crea ineficiencias e problemas loxísticos»
«Os aforros reducíronse seriamente; unha das primeiras cousas que teremos que facer é analizar como están as contas»

Marta G. Brea
O líder de ConSenso detecta «moitísima ilusión polo cambio» e pon en valor o bo ambiente e a corrección coa que se desenvolveu a campaña. Tamén di contar con «moi boas sensacións» sobre o resultado final aínda que, a falta de enquisas, «ata que as urnas se abran o día 6 non se saberá nada».
—Belén Rubio representa a continuidade e a súa candidatura e a de Carmen Gª Mateo a oposición ao actual goberno. ¿Xa valorou os distintos escenarios dunha segunda volta?, ¿plantexaría algún pacto?
—A miña intención sempre foi ter unha proposta totalmente distinta. O noso proxecto é diferente, cun enfoque persoal e que cremos que é o que a UVigo necesita. Se o día 6 non é o escollido nin está entre os dous máis votados, asumirei que non acertamos coa diagnose ou que non fomos quen de ilusionar e darei un paso atrás. E todas as persoas que o apoien e formen parte del decidirán individualmente o que teñen que facer. De ningunha maneira quero ser visibilizado como un líder de oposición nos próximos seis anos. Darei un paso atrás, ogallá a reitora elixida sexa boa para todos e apoiarei á Universidade en todo o que poida. De feito, non me presentei ao Claustro. A universidade escolle e espero que unha vez que escolla, todos vaiamos a unha.
—Un dos obxectivos é reducir a excesiva burocracia e facer efectivo o principio dunha soa vez.
—Hai urxencias e moitísimas cousas que facer pero o principio dunha soa vez, é dicir, non se volverá a pedir un papel que xa lle conste á Universidade, o que vai facer é poñela diante do espello e empezar a detectar todas as disfuncionalidades internas. Como unha das primeiras medidas, é case algo simbólico pero vai ter moito impacto.

Jacobo Porteiro, candidato á Reitoría, na sede de Industriais de Torrecedeira. / Marta G. Brea
—Vinte xefes de servizo firmaron unha carta para denunciar o deterioro e o colapso administrativo. Como solucionarán este malestar?
—Foi un deterioro progresivo por unha serie de ineficiencias na xestión da plantilla de PTXAS, tardanza na cobertura de vacantes, unha política errática, pouco diálogo e nomeamento de directores de área e estruturas de goberno que invadiron o terreo deses servizos. Reunímonos con eles e temos moitísimo diálogo con todo o PTXAS. O que fai falla é que o goberno ocupe o espazo que lle corresponde na parte da política e na de xestión que se respecte o que lle corresponde ás unidades e servizos. É unha das urxencias que temos que acometer dende o diálogo e o traballo conxunto.
—Isto ten que ver co seu compromiso de reducir ás áreas por vicerreitoría a só unha ou dúas?
—Si. As direccións de área son figuras da estrutura do goberno para asesorar e axudar ó vicerreitor. Pero teñen que ser parte da política, da acción do goberno, non poden facer tarefas dos servizos. O compromiso que temos de reducir o tamaño do goberno ten moito que ver con respectar ese espazo.
—Tamén buscan reducir custos?
—Facer un goberno moi grande, sumado tamén a moitas vicexerencias, ten un coste importante. Se pedimos que a xente teña responsabilidade na parte orzamentaria, temos que dar exemplo e ter unha xerencia e un goberno compacto e que se limite ás funcions que lle corresponden.
—A situación económica e os orzamentos xeraron polémica nos claustros e consellos de goberno nos últimos anos, que esperan atopar se gañan?
—Cando empezou o actual goberno, a UVigo tiña un remanente importante que se foi empregando, entendo que, en parte, ben empregado, en eficiencia enerxética ou modernización de infraestruturas. Pero eses aforros foron reducíndose seriamente. E nos últimos orzamentos parte deles se empregaban para axustar as contas de diario. Iso xa me xenerou máis medo. Diría que a día de hoxe a economía da Universidade é boa, aínda hai remanente, pero temos consumido moito. E hai que comprobar se temos ingresos correntes capaces de soportar os gastos. Unhas das cousas que temos que facer nada máis entrar na Reitoría é analizar como están as nosas contas. Porque moito da política futura vai depender da situación que atopemos e da negociación do financiamento que temos pendente coa Xunta.
—Con que peso vai a UVigo a esas negociacións?
—Debemos ter lealdade entre as tres universidades galegas e pedirlle xuntas á Xunta que vaiamos cara un modelo de universidade pública solvente e con moita capacidade económica porque temos que afrontar grandes retos como a remuda xeracional, ser máis activos na captación de estudantes e seguir sendo excelentes na investigación e na transferencia. Queremos unha universidade pública excelente, competitiva e internacional. Este proceso electoral demostroume unha vez máis que temos moi boa imaxe social. Gozamos de prestixio e temos resultados demostrables e moi solventes que fan que se nos vexa como os mellores formadores para os seus fillos.

Porteiro, durante a entrevista. / Marta G. Brea
—A transferencia contará cunha vicerreitoría propia para facer énfase nesta misión.
—A universidade é moi complexa vista desde fóra e temos que traballar moito e que isto non sexa un impedimento para quen pode ter unha necesidade que temos capacidade de resolver en calquera ámbito. Hai que crear eses espazos, facilitar esa conexión, porque temos investigadores excelentes e ás veces as persoas ou institucións que poderían beneficiarse simplemente non teñen os mecanismos.
—Que medidas implantarán para reter e captar investigadores?
—O que máis atrae é a solvencia, é dicir, infraestruturas e grupos punteiros e unha universidade e investigadores de prestixio recoñecido. Iso xa o temos e debemos apoialo para incrementalo aínda máis. E o que máis pode axudar é dar a coñecer o potencial que temos, ubicar á UVigo no mapa internacional e logo establecer os contactos para que exploren a posibilidade de vir aquí a seguir coa súa carreira investigadora.
—Propoñen bolsas de alugueiro para estudantes e incluso acordos con propietarios.
—Estamos facendo contactos con concellos e propietarios de edificios que poderían ser residencias. E, en paralelo, tamén estamos falando con posuidores de vivendas de alugueiro. Seguimos un modelo que está a funcionar en Granada. A Universidade xestiona unha bolsa, facendo de intermediaria e axudando a garantir uns prezos regulados e xustos. Por suposto, se non entramos no goberno, todo este traballo se lle cederá a quen o faga. A vivenda está sendo xa un impedimento para captar alumnos. Temos titulacións de calidade e moi punteiras e se xogamos ben esas bazas poden ser un argumento para captar estudantes de Galicia e de fóra. Hai zonas en España moi tensionadas e vir a estudar á UVigo pode ser un atractivo pola calidade de vida e académica e unha vivenda asequible.
—Ademais de dudar da conveniencia de trasladar a Facultade de Ciencias do Mar á ETEA, propón incorporar outro tipo de tecnoloxías.
—A ETEA é un polo de investigación en ciencias mariñas cun potencial tremendo que imos apoiar. É unha aposta decidida. Pero teño moitísimas dúbidas no traslado da facultade. Cando desprazas un centro fóra do campus, creas duplicidades en laboratorios e movementos no mesmo día do profesorado, e aparecen ineficiencias e problemas loxísticos. A nosa idea é fomentar a ETEA como un hub de investigación no que tamén estén outras tecnoloxías como a cuántica ou a fotónica. Pero mover unha facultade, ademais de complexo, vai nunha dirección contraria á nosa intención de reavivar os campus. Non romperemos ningún compromiso previo, pero entendo que todavía hai marxe de maniobra.
—Revitalizar un campus alonxado como o de Vigo é un reto. Reigosa chegou a plantexar mover facultades á cidade. Retomaría esa idea?
—Non. Quedou claro que o campus quere manterse onde está. E temos que tratar de humanizalo, sacar a vida que está concentrada nos centros e crear espazos de encontro.
—A IA plantexa un gran reto para a docencia e incluso a xestión.
—Queremos unha universidade moderna, por iso temos que integrar a IA a todos os niveis. Xa a estamos aplicando con toda a normalidade na investigación, pero temos que incorporar e regular o seu uso polo estudantado e o profesorado e na xestión. E hai que facer formación e un marco ético.
—Que lle parece a estratexia de campaña de Nós Universidade de introducir un prompt oculto no programa para fomentar o pensamento crítico?
—Empregar instruccións ocultas para incitar á mentira non é unha mera ‘gamberrada’. Se o obxectivo era pedagóxico, evitar o uso da IA para comparar ou que se lese un programa completo, o prompt non debería estar oculto e podería ter sido diferente, por exemplo, indicando que aconsella unha lectura, e non provocar unha resposta falsa que garanta que a comparación é favorable para ese programa. E a advertencia debería estar moi visible desde o primeiro momento e aínda hoxe non é así. Apostamos por un uso das IAs dende a ética e fomentamos a comparativa confiando na intelixencia humana da nosa comunidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde
- «Las primeras medidas para reducir las bajas laborales irán este mes. Estoy seguro de que bajarán las cifras»
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- Nuevo paso para que se pueda viajar en AVE desde Galicia a otras comunidades del Norte sin pasar por Madrid
- La reapertura del policlínico Cíes lleva ocho meses paralizada a la espera de una autorización de la Seguridad Social
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo
