ELECCIÓNS NA UVIGO
Tres líderes para propulsar o motor da Universidade de Vigo ata o 2032
Belén Rubio (H2040), Carmen García Mateo (Nós Universidade) e Jacobo Porteiro (ConSenso) expoñen en FARO os seus proxectos para afrontar os retos do próximo goberno: xubilacións masivas, excesiva burocracia, vivendas estudantís ou negociación do novo plan de financiamento coa Xunta

Alba Villar

A poucas horas de arrancar a campaña electoral, FARO recibe aos tres candidatos á Reitoría para que compartan e confronten as súas visións sobre o futuro da UVigo. Os retos para os seis anos do próximo goberno pasan polas xubilacións masivas e a reordenación do persoal, a redución dunha burocracia que afoga a todos os colectivos, a búsqueda de solucións de aloxamento para os estudantes, a integración da IA, a negociación do novo plan de financiamento coa Xunta e as outras universidades galegas ou a descentralización de Medicina.
Modelo
Jacobo Porteiro (J.P.). A UVigo é unha universidade excelente e de calidade na docencia, na investigación e na transferencia. Non se pode confundir a mención dos retos que identificamos cunha idea de que a institución teña graves problemas ou unha disfuncionalidade. Hai que empezar recoñecendo o traballo feito previamente por todos os gobernos que nos levaron a unha universidade excelente, pero que queremos mellorar. E que cremos que debemos aspirar a ter no futuro desde ConSenso? Pois unha institución máis áxil, máis humana, que avance na excelencia e cunha maior vida universitaria. Esta UVigo que queremos require de moitísimas actuacións e temos unha serie de medidas, algunhas pequenas, outras de máis calado, espalladas en moitísimos ámbitos.
Belén Rubio (B.R.). Somos a universidade das persoas e as nosas primeiras accións irán adicadas a mellorar tanto a carreira académica do noso estudantado como a profesional do noso persoal. Falamos de conciliación, de teletraballo e de estabilidade. A segunda medida irá orientada a conseguir unha maior conexión coas empresas da contorna, as administracións e os axentes sociais para poñer en valor o coñecemento e a nosa capacidade de transferilo. A terceira medida sería facer unha universidade máis áxil e dinámica. Mellorar os procedementos e axilizar esa burocracia que temos ás veces tan inmensa. A cuarta medida sería preservar a identidade galega e,ao mesmo tempo, facer unha universidade aberta ao mundo, con titulacións internacionais. E tamén nos interesa resaltar a responsabilidade social, o papel transformador.
Carmen Gª Mateo (C.G.). Presentamos un modelo baseado nun alegato colectivo por unha universidade pública moderna e inclusiva, igualitaria e, sobre todo, moi orgullosa de si mesma. A UVigo naceu hai máis de 30 anos como unha universidade moi innovadora, con moito empuxe, e nos últimos anos perdemos folgos. Queremos recuperar esa ilusión, especialmente do persoal, para volver á senda de conexión coa sociedade e de modernidade. Baseámonos en tres principios. O primeiro é que todas as persoas contan. O segundo é pasar do minifundismo a un proxecto compartido, cun liderado sereno e firme. E o último principio é non improvisar, ter unha folla de ruta baseada na solvencia. Precisamos unha nova organización en clave interna para poder desenvolver ben as nosas misións de docencia, transferencia e investigación. E encararemos desde o primeiro día esa reorganización para ser máis áxiles, para desbotar do noso vocabulario esa palabra tan manida que é a burocracia. E tamén, respecto a modernidade, temos que deseñar e despregar un marco de uso da IA na docencia e na investigación.
Persoal
B.R. Temos un plan de remuda xeracional que atende tanto ao persoal docente e investigador (PDI) como ao persoal técnico, de xestión, administración e servizos (PTXAS). A idade media do PDI está en 54 anos e, aínda que xa levamos un tempo con esa renovación, temos que continuar porque nos próximos 6 anos vai haber moitísimas xubilacións. Imos manter os contratos-programa cos departamentos para impulsar a convocatoria de prazas de axudante doutor, que tamén nos permite reequilibrar os ámbitos de coñecemento. E temos o Plan 70, que consiste en facer un desconto nas horas docentes ás persoas maiores de 60 anos para que sexan substituidas por un axudante. Iso permite tamén unha transferencia de coñecemento. E queremos facer o mesmo no caso do PTXAS mediante xubilacións parciais con contratos de relevo que ademais permitirán compensar necesidades entre servizos.
«Queremos unha universidade máis dinámica e axilizar esa burocracia ás veces tan inmensa»
C.G. Este momento pode verse como unha crise institucional pola perda de coñecemento e de persoal altamente cualificado e con moita experiencia, pero tamén como unha oportunidade. Temos que reactivar aspectos bastante mellorables como o plan de formación do PTXAS para que sexa por itinerarios, organizado e moi vinculado á carreira horizontal. É dicir, que o persoal teña incentivos. Esa remuda xeracional ten que vir por promoción interna e que as novas incorporacións entren desde a base. E todo este proceso ten que estar moi ben organizado, en diálogo permanente cos representantes dos traballadores para que as medidas se tomen por consenso. No caso do PDI, non pode haber dúas vías, a de axudantes doutores e as prazas posdoutorais máis centradas na investigación. Todos os posibles itinerarios teñen que tratarse dun xeito centralizado e con transparencia e para iso poñemos en marcha unha vicerreitoría que levará todos os recursos humanos de docencia e investigación. Reter talento é unha prioridade, pero coidar aos investigadores máis.
J.P. A remuda xeracional do profesorado ten que abordarse xa cunha planificación axeitada para os próximos seis anos. Temos que empezar a traballar desde agora cos departamentos para facer un plantexamento de como atraer talento para que haxa continuidade na calidade docente e evitar interrupcións, desequilibrios ou improvisacións. Hai que acompañar aos departamentos para que empreguen todos os mecanismos que teñen á súa disposición e tamén temos que traballar a parte da canteira. Debemos facilitar que os nosos estudantes colaboren con grupos de investigación, teñan mecanismos para facer o doutoramento e vexan aí unha posible saída ou futuro profesional. Temos que atender a captación desde fóra e desde dentro. E outros retos son innovar na docencia, integrar a IA e as novas ferramentas, e reconectar co noso estudantado. Así como todos nós cumprimos anos, eles sempre entran coa mesma idade. E, por último, temos que conseguir que os docentes adiquen menos tempo a papeleo e poidan dedicar máis ao que realmente ten valor, que é a acción docente en si mesma. E para todo iso contamos con moitísimas medidas que poñen o foco na modernización e o recoñecemento da labor docente.
«A oferta académica debe ser completa e apostar tamén pola formación ao longo da vida»
B.R. Gustaríame aclarar que ata agora xa había unha planificación. Non estamos vivindo unha crise. Por exemplo, no 2025 convocáronse máis de 90 prazas de axudante doutor. É dicir, xa había uns contratos-programa para esa remuda, pero temos que acelerar un pouco máis. Tampouco entendo o das dúas vías porque a LOSU establece que hai un 85% das prazas para necesidades docentes e un 15% para investigadoras. ¿Falamos da desaparición dalgunhas estructuras ou servizos?
C.G. O que propoñemos é unha planificación integral de todo o PDI, que ten distintos perfís. Non pode haber esa fenda que se percibe desde distintos ámbitos e, por suposto,sempre tendo en conta a legalidade.Todas as persoas teñen que sentirse ben tratadas e que todas as vías estén ben claras.
J.P. Ese 15% utilízase máis nuns ámbitos ca noutros, hai que facer unha tarefa de pedagoxía e acompañamento cos departamentos que non están tan acostumados.
Estudantes
C.G. O paso pola universidade ten que ser unha experiencia completa. Temos bos estándares en canto a calidade da docencia pero resaltaría, por exemplo, a necesidade de facer das nosas bibliotecas auténticas casas do estudantado. Que haxa máis postos e que as instalacións estean abertas máis tempo. En Ourense estase a reducir o horario. É unha demanda real. No tema da vivenda seremos parceiros cos gobernos das cidades, aproveitando tamén o plan estatal, para facer unha residencia en Pontevedra ou incrementar en Vigo as dotacións habitacionais. Tamén temos que prestar a atención que merece ao cuarto ciclo, a universidade sénior, e camiñar cara a súa plena integración cun ou varios centros propios e a súa entrada no Claustro. O contacto interxeneracional é moi enriquecedor para todos.
«Reter talento é unha prioridade, pero coidar aos nosos investigadores máis»
J.P. O primeiro é colaborar de forma máis próxima cos institutos e cos formadores dos nosos potenciais estudantes. Iso tamén é captar talento. Por suposto, temos que garantir que todo o estudantado acceda a unha universidade pública en igualdade de condicións, con independencia da súa capacidade económica. Hai que revisar e manter as bolsas, incrementalas se é posible, e tamén buscar solucións habitacionais. Temos excelentes docentes e boas instalacións, hai que seguir nesa dirección, e ter unha oferta académica completa, apostando tamén pola formación ao longo de toda vida a través de microcredenciais para que os profesionais adquiran novas competencias e dese cuarto ciclo. Tamén propomos casas do estudantado en cada campus, unha oferta cultural e deportiva e o fomento do asociacionismo. A universidade é moito máis que ir ás aulas e se lle damos ferramentas para que pasen máis tempo nos campus, estes terán máis vida.
B.R. En moitas cousas coincidimos. O transporte e as residencias son dúas das nosas prioridades. Queremos promover titulacións moito máis variadas e flexibles, con ferramentas como a IA ou cun carácter dual, porque cremos que é unha maneira de que os nosos estudantes consigan emprego máis facilmente. Tamén queremos reorganizar as biliotecas, consensuar horarios cos estudantes e incluso facer un control do uso. E queremos promover a vida universitaria nos campus, sobre todo en Vigo, con máis actividades deportivas e de lecer.
Suscríbete para seguir leyendo
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde
- Muere un conductor al caer al vacío desde el viaducto de la A-52 en Melón cuando su camión hizo la tijera
- Nuevo paso para que se pueda viajar en AVE desde Galicia a otras comunidades del Norte sin pasar por Madrid
- La reapertura del policlínico Cíes lleva ocho meses paralizada a la espera de una autorización de la Seguridad Social
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo