Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Adriana Páramo Cineasta viguesa

Adriana Páramo mudouse de Londres para Vigo e filmou o seu embarazo: «Tras a morte da miña tía sentín o desexo de ser nai, foi durísimo gravalo»

A directora de cine gravou o seu proceso de dó pola perda familiar e a súa gravidez como parte do seu traballo de doutoramento. Este xoves proxecta o resultado en A Morada: o documental ‘Grelei raíces no teu lar’

Adriana Páramo, en dous momentos do seu documental autobiográfico 'Grelei raíces no teu lar'.

Adriana Páramo, en dous momentos do seu documental autobiográfico 'Grelei raíces no teu lar'. / Cedidas

A directora de cine Adriana Páramo (Vigo, 1985) proxecta este xoves en A Morada (19.00 horas), en Vigo, a súa longametraxe ‘Grelei raíces no teu lar’. Tras once anos en Londres, a investigadora decidiu regresar á súa cidade natal en plena pandemia para afrontar a morte da súa amada tía. Foi vivir precisamente á casa dela e é nese novo fogar onde lle nace o desexo de maternidade. Nesta peza audiovisual, a investigadora filma en primeira persoa e cos seus propios medios o día a día deste proceso. «Foi durísimo tanto enfrontarme coas imaxes de arquivo familiar como rexistrar coa cámara como me facía sentir a idea de ser nai», relata a FARO. A obra forma parte do doutoramento de Páramo, que está «a piques de rematar» na escola Royal Holloway da Universidade de Londres.

— Que vai atopar o espectador neste filme?

Trátase dun documental autobiográfico sobre unha parte moi íntima e moi persoal da miña experiencia como muller. Falo do dó pola morte da miña tía e da miña viaxe á maternidade como familia monomarental. Incluso os meus amigos que o viron dinme que é moi persoal e que non esperaban que fose tan íntimo. En canto ao tempo, empecei a gravar na pandemia, en 2020, e a na última imaxe saio eu dándolle o peito ao meu fillo con 3 meses.

— Como xurdiu a idea de crear un documental así?

Eu empecei o doutoramento investigando sobre o proceso creativo da actriz e como iso se reflicte nas personaxes que fai na pantalla. Estiven un ano analizando iso e houbo un punto no que atopei a obra de teatro ‘Anatomía dunha serea’, de Iria Pinheiro. Pareceume idónea para seguir a miña investigación, pero a medida que ía gravando os ensaios e nas reunións de guión deime conta de que o tema da obra me importaba máis que o proceso creativo en si. Iria fixo unha peza sobre as experiencias de violencia obstétrica, as situacións de abuso que sufriu durante o embarazo, o parto e o posparto. Nese momento, eu non quería ser nai, era unha idea que rexeitaba porque eu non me vía aí. Pero, aínda así, sentín moitísima rabia de que algo así sucedese e de que, chegado un momento, tamén me puidese pasar a min.

Páramo, na horta da casa.

Páramo, na súa aldea, en Ourense, xunto coa sua avoa Natalia. / Cedida

— Alén dese cambio na súa vida académica, decide mudarse de Londres a Vigo.

Si, porque en plena investigación, a miña tía morre, e eu estaba moi unida a ela. Somos unha familia pequena e iso tamén cambiou a miña vida. Deixei o meu traballo en Londres e volvín para Galicia. Entón, a raíz desta perda, sentín o desexo de ser nai, foi un pouco de súpeto. Dese xeito, decidín tornar a investigación cara a min e usei a cámara como ferramenta.

A directora Adriana Páramo.

A directora Adriana Páramo. / Cedida

— E como foi ese proceso?

Foi unha maneira de lidar co dó e tamén con ese novo desexo de maternidade, porque para min era moi desestabilizante: eu tiña como 35-36 anos e levaba toda a vida pensando que non quería ser nai. Ao final, do que de verdade vai o documental é sobre un período de transición na miña identidade.

— Emocionalmente, como se afronta algo así?

Durante os anos que estiven facendo o documental, foi moi duro, foi durísimo tanto enfrontarme coas imaxes de arquivo familiar da miña tía como rexistrar coa cámara como me facía sentir a idea de ser nai. Foi duro, foi duro gravalo e foi duro tamén montalo despois. Pero agora, o meu fillo xa ten tres anos e xa son capaz de distanciarme. Dito isto, a primeira vez que o vin na pantalla, que foi no festival Cineuropa, foi moi emocionante e, de feito, tiven que conterme para non chorar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents