Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O galego de Vigo é unha lingua viva»

De palabras como «fariñoque» a frases feitas como «a chorar a Canghas», o lingüista Xosé Henrique Costas retrata unha cidade que conserva na súa lingua unha identidade propia e en movemento

Parroquia de Valadares.

Parroquia de Valadares. / Alba Villar

Vigo

Se paseas pola parroquia de Matamá e pos a orella nas conversacións veciñais, quizás escoites alguén empregar «calamete» para referirse a un amante secreto. Non é un erro, tampouco un invento. É a confirmación de que a lingua sigue creando. Así o demostra o lingüista Xosé Henrique Costas González no libro «A fala de Vigo». Un traballo que saíu á luz en 2024 co obxectivo de «ensinarlle aos vigueses e viguesas máis novos como falamos sempre aquí». Xa vai pola segunda edición e con perspectivas de publicar máis. Costas teno claro, para coñecer o galego de Vigo «hai que ir ás parroquias». É alí onde a xente fala con total liberdade. «Moitos cambian cando montan no Vitrasa e chegan ao centro», asegura. As do sur, Valadares, Bembrive, Beade e Coruxo, son as que rexistran unha maior porcentaxe de persoas que falan en galego.

«Existe medo a falar galego»

Xosé Henrique Costas González

Vigo é a cidade de Galicia con menos galegofalantes, segundo os datos rexistrados polo IGE. Costas engade un halo de esperanza ante esta situación. Entre ser galegofalante e non selo, existen diferentes casuísticas. Hai quen só emprega o galego ao conversar coa familia, quen o fai cando alguén previamente lle falou na lingua. Algúns sempre o utilizan salvo en contextos administrativos. A maioría, por estigmas herdados do franquismo. «Existe medo a falar galego», recoñece. Porén, puntualiza que, na fala destes vigueses, o castelán está moi interferido. Por exemplo, usar a palabra tojo para referirse a toxo. «É unha castrapada, en castelán sería aulaga». Non é a única, hai expresións tan arraigadas que se empregan sempre, dá igual a lingua na que fales. Como furancho, rapante ou xouba.

Unha lingua viva cambia, muta, evoluciona. Ás veces as palabras adquiren novas acepcións. Sucedeu con fariñoque. Designaba o burro que levaba fariña ao muíño. Xa case non hai, agora emprégase para referirse ás persoas que venden droga. «Isto non é o deserto, aquí camellos non temos, pero si que hai fariñoques», razoa Costas. Na nova edición d´A fala de Vigo incorporou máis termos. Testeiro é un lugar onde da moito o sol. Parrumeira, outra forma de chamar á néboa.

O catedrático de la UVigo Xosé Henrique Costas.

O catedrático de la UVigo Xosé Henrique Costas. / FdV

No seu traballo, Costas recolle os principais trazos fonético-fonolóxicos, morfolóxicos e léxicos do Val do Fragoso, algúns deles trazos exclusivos, outros compartidos coas falas do suroeste de Pontevedra. Hai espazo, tamén, para recoller as frases típicas. Moitas delas fan referencia a lugares de Vigo. «Vaia cousas, ir de Vigho pra Bousas», para cando se di una obviedade. «A chorar a Canghas», díselle a alguén que se queixa sen motivo. Con este libro, Costas pretende que a Real Academia Galega inclúa o vocabulario típico do concello no seu arquivo dixital. O resultado demostrou que o galego, efectivamente, segue a ser parte da cidade. Vigueses dende diferentes partes do mundo escribiron a Xosé Henrique Costas para pedirlle o libro. Non está á venda, pero si se distribuíu por diferentes librarías e no concello. «Dende Cartabón enviaron exemplares a Australia ou Hong Kong», recorda.

Pero, para el, o verdadeiro recoñecemento son as colaboracións. «Teño ducias de persoas, de moitas parroquias de Vigo, enviándome recorrentemente palabras», asegura. É aí, nesa cadea de voces que pasan de xeración en xeración, onde está a clave. Non nos despachos nin nas estatísticas, senón nas cociñas, nas tabernas e nas rúas. Porque mentres haxa quen a escoite, a recolla e a comparta, a fala de Vigo será, tamén, futuro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents