Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ecolectivo promove en Vigo comunidades máis resilientes a través da permacultura

En Castrelos un grupo de voluntarios levan a cabo proxecto multidisciplinar no ámbito ecolóxico, comunitario e cultural, cuxa base principal é aprender a convivir coa terra e xerar unha sociedade máis xusta.

Aprenden a producir comida de forma rexenerativa, empregar a auga de maneira circular e deixar de consumir para comezar a usar e aproveitar mellor os recursos

Obradoiro de plantas bioindicadoras

Obradoiro de plantas bioindicadoras / FdV

As veces as cidades absorben. Ruído, tráfico e un ritmo frenético que acaba consumindo. Está comprobado que ter tempo e un espazo de desconexión, lonxe do asfalto e dos edificios, aporta beneficios na saúde mental e física das persoas. En Vigo este oasis é o Ecolectivo. Trátase dun proxecto multidisciplinar no ámbito ecolóxico, comunitario e cultural, cuxa base principal é aprender a convivir coa terra e xerar unha sociedade máis xusta. Actúan baixo a filosofía da permacultura. Como eles a chaman, «caixa de ferramentas». Marta Pernas, coordinadora dos proxectos educativos, destaca que é un concepto tan amplo que podería ser una ciencia de deseño, un movemento ou unha forma de vida.

A permacultura é, en esencia, unha proposta de reorganización da maneira na que habitamos o mundo. Xurdiu nos anos setenta da man de Bill Mollison e David Holmgren como alternativa da agricultura industrial. Os seus piares son: coidar a terra, coidar as persoas e repartir de maneira xusta. «Ten moitos beneficios, dende producir comida de forma rexenerativa e empregar a auga de maneira circular, ata deixar de consumir para comezar a usar e aproveitar mellor os recursos», resalta Pernas. Non son os únicos puntos ao seu favor. A permacultura axuda a crear comunidades máis diversas e inclusivas. Propón repensar as relación humanas e fomenta a participación en grupo. «A maior parte dos xoves que acoden tiveron experiencias de grupo bastante negativas. Veñen traumados do sistema educativo en xeral», confesa a coordinadora. O Ecolectivo busca romper eses medos. Xeran un espazo que acolla diferentes intelixencias e formas de expresión. «A xente se sinte comprometida co proceso de aprendizaxe, porque non é dende una imposición, se non dende unha invitación». Os resultados foron «moi positivos», especialmente «nestes momentos de crise ecosocial».

Rede de proxectos

Ecolectivo naceu hai doce anos cando un grupo de doce mozos e mozas alugaron un terreo en Vigo coa finalidade de experimentar modelos alternativos de vida. Co paso do tempo, o colectivo transformouse nun espazo que acolle diferentes proxectos. Entre eles está Naturoteca, un lugar de acompañamento á crianza. Defenden que o cambio social ven da man da educación. Desenvolven, tamén, programas formativos en cooperación coa asociación RaizameVivo.

Dende 2019 levan a cabo un proxecto de transformación dun monte de acacia a un bosque biodiverso. Unhas xornadas de reforestación no Monte da Serra dirixidas a persoas menores de 29 anos. Combinan voluntariado, investigación e intercambio internacional a través do programa ERASMUS +. O obxectivo é recuperar o equilibrio ecolóxico, ao mesmo tempo, fortalecer o vínculo da mocidade co territorio. O exemplo máis recente da súa aposta pola formación é Permaplus. Un proxecto integral dirixido a xoves que durante oito fines de semana profundaron nos principios da permacultura. «Foi a formación máis completas neste ámbito que houbo en Galicia», destaca Pernas. O alumnado tivo que desenvolver un traballo final. Cada un se levou a permacultura ao seu terreo. «Hai un rapaz que traballa con persoas con problemas de saúde mental e está tratando de aplicala no seu día a día», explica a coordinadora.

De cara ao futuro, Ecolectivo quere consolidar o proxecto da reforestación e seguir impulsando programas formativos. Pero reclaman «máis financiación» para saír adiante. «A maior parte é de base voluntaria, que está ben, pero necesitamos financiación, xa que o monte é un ben común». Van paso a paso, porque seguindo a súa filosofía a transformación comeza sempre no pequeno.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents