Entrevista | Xabier P. Igrexas Voceiro do BNG no Concello de Vigo
«Non somos o grupo máis numeroso da oposición, pero si somos a verdadeira oposición en Vigo. Imos dar un gran salto adiante»
Convencido de que o BNG é unha forza á alza e co ollo posto xa nas próximas municipais, o líder nacionalista no Concello vigués desde 2019, Xabier P. Igrexas (Vigo, 1984) asegura que a formación ten un proxecto «sólido e robusto» preparado para liderar un cambio de ciclo

Xabier P. Igrexas, voceiro municipal do BNG, co Concello ó fondo. / Alba Villar

— Estamos xa en ano preelectoral. Como está o BNG?
— Pois nun grande momento, acumulando nos últimos anos un apoio crecente, unha onda de simpatía que non deixa de medrar en todas as eleccións, con logros sen precedentes como ser a primeira forza na maior cidade do país nas eleccións galegas. Cada vez máis xente confía no proxecto en positivo do BNG para transformar a cidade e lograr que Vigo sexa ese motor de cambio para toda Galiza. O BNG é moito máis que os tres asentos no pleno.
— Salvo adianto electoral en España, semella que a próxima cita coas urnas serán as municipais do 2027. Dou por sentado que verémoslle como cabeza de cartel do BNG.
— O candidato do BNG quen o vai decidir é o BNG, porque somos unha organización radicalmente democrática, na que estou moi orgulloso de militar. Aquí non hai dedazos por arriba nin autoproclamacións. Como no 19 e no 23, será unha decisión colectiva da militancia.
— Pero hai unha bagaxe de dous citas, co partido en progresión, e sería desaproveitala, non? Hai desexo pola súa banda de repetir?
— Eu estou a disposición da organización como xa estiven neses anos, co agradecemento pola confianza que se ten depositada na miña persoa, nos outros dous compañeiros do grupo municipal e coa satisfacción de que hai unha valoración positiva no seo da organización practicamente unánime, dun traballo político que ten permitido referenciar o BNG na cidade como a verdadeira alternativa. Certo é que non somos o grupo máis numeroso da oposición, pero si somos a verdadeira oposición. E non de contraste ou disputa, senón construtiva.
— Instito en dar por feito que será o cabeza de cartel en maio de 2027. Ou ten no futuro outras aspiracións políticas?
— No BNG somos distintos. Para min, os desempeños institucionais e os cometidos de voceiro ou candidato non son unha carreira persoal, profesional, é un desempeño de representar un proxecto colectivo. Podo dicilo con absoluta certeza e sinceridade, non hai ningunha ambición persoal, eu busco contribuír dende o meu papel a facer avanzar o proxecto político do BNG. Creo que temos un reto moi importante, interesante de lograr ese salto adiante, aí estou.
«O candidato do BNG será unha decisión colectiva, eu estou a disposición da organización»
— Por que cre que o BNG é a única oposición? O PP non fai ese papel?
— Bueno, é evidente que o PP non lle ten nada que ofrecer ós vigueses e viguesas, o seu desempeño redúcese a eser esa especie de comisariado de propaganda da Xunta para defender o indefendible, intentar xustificar as políticas de abandono e maltrato que padece Vigo desde 2009. Non teñen máis que ofrecer máis alá de estar instalado nese constante cambio de caras, con xa tres persoas diferentes na portavocía, trala deserción da súa candidata á Alcaldía (Marta Fernández Tapias) e do recente relevo de Miguel Martín.
— Que cambiou do Xabier que chegou no 2018 ó actual? Cre que é coñecido pola cidadanía?
— Creo que hai un avance importante no coñecemento social e a visibilidade e, dende logo, o que se gaña tras todos estes anos e que hai que poñer en valor é a experiencia. Hoxe, o BNG é unha proposta aínda máis robusta, máis sólida do que xa eramos en 2019 e témolo demostrado con feitos, en cada debate, en cada cuestión, xa que non nos dedicamos unicamente a formular a crítica e alimentar esa lea permanente partidista na que outros chapotean, a cada denuncia acompañamos unha proposta. O BNG ten un proxecto de cidade e o que gañamos neste tempo foi enraizalo, fortalecelo cun contacto permanente co tecido asociativo e con algo fundamental, patear a cidade. Eu, que son un vigués de barrio, da contorna de Balaídos, creo que o importante é entender que a cidade non acaba no distrito electoral 1, no centro, senón que Vigo é esa vistosa confederación de barrios e parroquias.
— A política do goberno local de Abel Caballero remata no centro?
— Eu que creo que acaba nos anuncios, nas promesas. Pode parecer un titular fácil, pero non o digo eu, aí está a liquidación do orzamento do 2025, que reflicte un dato moi claro, o goberno de Caballero deixou de gastar 136 de 420 millóns e no capítulo de investimentos, o grande elemento, apenas executou o 20%. Que demostra iso? Que temos un goberno reducido a un único concelleiro, o alcalde, o concelleiro de propaganda e autobombo. Promete, anuncia, publica e fai chegar un número importante de infografías, mais logo non executa porque non hai xestión. O Vigo real dista moito dese parque temático, ilusorio, que Abel Caballero quere vender.
— Pero o respaldo cidadán está aí e vese nas urnas.
— Un respaldo minguante, porque hai que lembrar que a pesar de perder un só concelleiro nas últimas eleccións, perdeu case o 20% dos votos. En todo caso, o resultado electoral é sempre a expresión da vontade da cidadanía e o BNG sempre foi moi respectuoso con todos os resultados, agraden máis ou menos. Pero, en todo caso, hai que non entende que eses resultados non son un cheque en branco. Penso que ningún vigués votou a un Caballero que en 2007 prometeu 6.000 vivendas públicas en catro anos e non fixo ningunha en 19 anos, para que reducise 250 frecuencias diarias de autobús, fixese desaparecer 20 programas culturais ou pechase a práctica totalidade da política para a mocidade ou para que barrios e parroquias estean abandonados. Non temos un goberno que se encargue porque hai un alcalde máis preocupado e ocupado da súa viralidade e paseos mediáticos que de atender as necesidades dos vigueses.

Xabier P. Igrexas, durante a entrevista. / Alba Villar
— Cos resultados do 2023, ve posibilidades de gobernar ou hai que fixarse un resultado máis realista? Teñen un teito?
— En política non existen os teitos nin os solos, contrariamente ó que a veces se nos fai ver. Botando a vista atrás, en 1991 o BNG entrou cun único concelleiro, en 1995 pasamos a cinco asentos e en 1999 ese mismo concelleiro que entrou no 91, Lois Pérez Castrillo, converteuse en alcalde. O 30 de maio do 27, Caballero e o BNG imos ter exactamente o mesmo número de asentos no pleno, ningún, e van ser asignados polo voto libre e directo dos cidadáns. Por tanto, temos a certeza de que imos estar en condicións de dar un gran salto adiante e de que imos ser unha forza determinante, o que será moi positivo para a cidade, porque sempre que o BNG foi determinante, a cidade avanzou. Fixémolo liderando o goberno, participando del e tamén dende a oposición. Fronte a un PSOE que só ofrece máis do mesmo e un PP que nada lle ten que ofrecer á cidade, nós defendemos que en maio do 27 imos estar en disposición de construír un novo Vigo e abrir un novo ciclo político despois de 20 anos cun goberno instalando na inercia. É o momento de colocar os inmensos recursos que ten o Concello a servizo dos veciños.
— O candidato soe ter un papel relevante nunhas municipais, pero cre que o contexto político estatal pode influír?
— Bueno, os contextos defínense no momento, é difícil predecir agora, pero é certo que as dinámicas xerais sempre teñen algunha incidencia pero o claro é que os vigueses saben perfectamente a quen votan en cada convocatoria e confío en que tomen a decisión pensando no mellor para a cidade. Frente a esa política de grandes anuncios, de viralidade que bordea e supera a fronteira do meme, do que se trata é de se queremos que o Concello se reduza a iso ou poña en marcha políticas para atallar os problemas.
— Que sería o primeiro que faría o BNG de chegar a ter mando na cidade?
— Hai tres grandes prioridades, o máis grave é o acceso á vivenda, un problema agravado diante dun goberno municipal cos brazos cruzados que anuncia unha empresa pública que nin ten data aínda. O Concello pode e debe despregar políticas diante da nefasta política de vivenda pública da Xunta e o PP, dos que non podemos agardar nada. A segunda prioridade é dotar Vigo dun servizo de transporte á altura dunha cidade de 300.000 habitantes e o goberno quere dilapidar a oportunidade de nos ceibar da hipoteca nefasta que foi a concesión de Vitrasa con máis do mesmo e que non permitirá revolucionar a mobilidade e ter as persoas no centro, non os vehículos privados. E, en terceiro lugar, hai que poñer en marcha medidas que permitan a democratización institucional do Concello, revitalizando a participación, facer tecido asociativo e non perseguilo.
«O Vigo real dista moito do parque temático, ilusorio, que Caballero quere vender»
— Aglutinar ese voto do espazo das mareas, Podemos, é un obxectivo claro do BNG?
— Non, do que se trata é de buscar a todos os vigueses que non se resignan, os que cren que Vigo merece algo máis, que saiban que teñen no BNG unha alternativa sólida, un proxecto aberto e en positivo. Tendémoslle a man a esas máis de 56.000 persoas que nas pasadas eleccións galegas colleron a papeleta do BNG para que fagan de Vigo o motor de cambio deste país, empezando por transformar esta cidade e extendemos esa man a todo aquel que non se conforma, porque o maior problema é o que podendo facer, négase, Nunca un goberno municipal manexou tantos recursos e nunca se fixo tan pouco para mellorar a calidade de vida dos veciños. Vigo ten que converterse en motor de toda Galiza.
— Non o é?
— Hai quen reduce Vigo a catro letras, a quen practica unha política de falso viguismo. Frente a quen leva moitos anos intentando reducir Vigo a unha especie de cidade estado medieval, amurallada, enfrentada con todos, sen ser capaz de tecer acordos e incapaz de liderar a súa propia área metropolitana, nós cremos que Vigo ten que xogar ese papel decisivo, non avanzando só en ser unha cidade de servizos, senón ter un futuro produtivo, sendo a capital galega da innovación, tecnoloxía e comunicacións, ser un grande polo de desenvolvemento da rexión Galicia-norte de Portugal. Hai que pensar un Vigo en grande, non cara adentro.
— Ve oco para Vox na política viguesa?
— Estou enormemente orgulloso de que en Vigo e Galiza sexamos unha magnífica excepción e non teña representantes. Vox non existe na cidade, en todo caso presentarán algún franquiciado de Aliexpress. Non creo que teñan ningún tipo de percorrido.
«Temos tres grandes prioridades: o acceso á vivenda, un transporte á altura e a democratización do Concello»
— Se se mantén a actual configuración de tres partidos no Concello, as alianzas de cambiar os resultados non parecen moitas. Pactaría por exemplo con Caballero?
— As alianzas son sempre despois das eleccións. A nosa alianza é cos vigueses, mesmo aqueles que no seu momento apoiaron o PSOE e que ven un proxecto esgotado. O único seguro é que o BNG é garantía de cambio e temos demostrado que cortamos o paso a calquera opción da dereita e de políticas que están deixando atrás a cidade e non atenden as necesidades dos veciños.
— O BNG nunca pactaría co PP para botar a Caballero?
— É difícil conseguir un acordo entre forzas antagónicas e o resultado nas Galegas foi moi esclarecedor, O BNG é a alternativa política ó PP no conxunto de Galiza e temos posicións diametralmente opostas, o PP nunca é unha solución, é parte importante do problema. Padecémolo dende a Xunta ou cunha instrumentalización tipo caciquil na Deputación facendo a súa particular campaña.
— O resultado en Vigo pode ser chave para esa configuración da Deputación en 2027. É un obxectivo do BNG?
— Estou certo de que o voto de Vigo vai ser chave para desaloxar o PP da Deputación e a experiencia destes anos ratifica a necsidade de impedir que continúen utilizando a institución de maneira caciquil, unha estrutura, a da Deputación, que no BNG dicimos abertamente que ten que desaparecer. Mentres, hai que avanzar no desmantelamento práctico, sendo un órgano que basicamente redireccione e transfira recursos, non destinalos de maneira discrecional. Hoxe, para o único que serve é para que algunha vicepresidenta faga a súa campaña particular en Vigo.
«Pactar co PP para botar a Caballero? O PP nunca é a solución, é parte importante do problema»
— O BNG quere que Vigo sexa sede do Mundial 2030?
— O que nos gustaría é coñecer o proxecto da candidatura, explicarlle á cidade en que consiste, o custo, o retorno. Que eu, como membro da Corporación, non o coñeza, demostra que non hai unha candidatura de Vigo, senón de Abel Caballero. Sen datos, non podemos valorar. Por que Caballero se queixa da opacidade da Federación e el non é transparente? Hai que poñer seriedade nos debates, non facer política de clickbait. Se o alcalde ten plena confianza en que Vigo ten que ser sede si ou si, o primeiro sería presentarlle o proxecto á cidade e a partir de aí discutimos.
— E en clave galega, ve a Ana Pontón con forza e respaldada para liderar unha vez máis nas vindeiras eleccións autonómicas?
— Eu creo que está no seu mellor momento, nun escenario no que seguimos avanzando e medrando en apoios. Vai ser a próxima presidenta da Xunta e o cambio galego é imparábel.
— Non hai tensións internas, peticións de virar certas extratexias para ser máis agresivos?
— Somos unha organización diversa e plural e o que para outros é un problema, para nós é unha vantaxe. Pero o certo é que o BNG está nun momento de elevadísima cohesión, que nace dun debate honesto. Temos un Bloque máis bloque que nunca e estamos en condicións de liderar este país.
Suscríbete para seguir leyendo
- Cierra la cadena de panaderías Porto, con obrador en Vigo y media docena de despachos
- EE UU se afianza como el gran vendedor de petróleo y gas a Galicia con una factura de 1.200 millones, a costa de México, Libia y Rusia
- Una jueza de Vigo avala que las comunidades de propietarios prohíban las mascotas
- Gaiarooms compra el Hotel Ipanema y lo transformará en el primer «alojamiento digitalizado» de Vigo
- Una viguesa denuncia a su hija por okupar su piso que tiene en condiciones insalubres: su hijo la sacó de ahí «por su salud»
- Rías Baixas quiere congelar la producción de uva ante el desplome del consumo
- De escapista a solidario: Pinki, el perro gallego que se hizo viral por plantarse en la plaza del pueblo
- Muere un trabajador tras caer desde una escalera en Mos