Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Premio para o IES Castelao de Vigo no concurso do Día das Letras Galegas

O certame é convocado pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e FP

Exterior del IES Castelao, en O Calvario.

Exterior del IES Castelao, en O Calvario. / Borja Melchor

O instituto Castelao, do Calvario, e o colexio Plurinlingüe de Ribadavia son os gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2026, dedicado a Begoña Caamaño. A Xunta destacou as súas exposicións, nas que poñen en valor «as achegas da homenaxeada á cultura e lingua galega a través do seu labor xornalístico e literario».

O certame, convocado pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ten como obxecto «implicar a comunidade educativa nesta efeméride, que lles permite coñecer máis profundamente a figura da homenaxeada e tamén a época na que viviu».

Destaca a Xunta que «estes traballos amplían a oferta de materiais didácticos e divulgativos en galego ao redor desta efeméride nos centros educativos galegos». O xurado valorou tamén que cada mostra estea acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e época da homenaxeada».

Na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, a proposta gañadora deste ano foi «Begoña Caamaño, un camiño de sementes», elaborada polo colexio Plurinlingüe de Ribadavia. Mentres, na categoría B, destinada á educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada foi «De Circe a Morgana», do instituto Castelao.

Non é a primeira vez que o centro da rúa Aragón protagoniza unha celebración do Día das Letras Galegas nos últimos anos. En 2021, programou varios actos para honrar a memoria de Xela Arias, homenaxeada nesa edición e exalumna do instituto entre 1976 e o curso 1980-1981. Pero os grandes éxitos chegaron en 2023 e 2025, cando se impuxo neste mesmo certame coas exposicións.

«Xa o logramos en 2023, cando as Letras Galegas estiveron dedicadas a Francisco Fernández del Riego, e repetimos éxito en 2025, na edición dedicada ás Cantareiras. Así que podemos dicir, con orgullo, que é a terceira vez que nos presentamos nos últimos anos… e a terceira vez que volvemos co primeiro premio!», destacan desde o IES Castelao, que fai «unha mención moi especial ao alumnado de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato, encargado de realizar os debuxos que acompañaron o traballo»: «O seu talento foron fundamentais para darlle vida ao proxecto».

Premios

Tras a resolución do certame, cada centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación, que será de 30 horas no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto.

Ademais, a colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior e tamén en bibliotecas. Do mesmo xeito, estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola Secretaría Xeral da Lingua e polos equipos de dinamización da lingua galega.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents