Entrevista | Manuel Ángel Pereira Costas Presidente da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo
«O incremento da litisioxidade civil en Vigo chegou a ser insoportable»
A piques de cumprir 25 anos de carreira profesional, Manuel Ángel Pereira, que en 2006 foi o primeiro xuíz de violencia de xénero en Galicia, sitúase agora á fronte dos maxistrados civís vigueses na nova organización xudicial

Manuel Ángel Pereira, no seu despacho da Cidade da Xustiza de Vigo. / Alba Villar

— Acaba de ser nomeado presidente da Sección Civil do novo Tribunal de Instancia de Vigo. Cal é a súa sensación?
— Quero recoller as propostas dos meus compañeiros e comezar a traballar porque as necesidades derivadas da posta en funcionamiento do Tribunal de Instancia e da súa coordinación coa Oficina Xudicial son inmediatas.
— A Sección Civil está actualmente composta por 13 maxistrados. Que cometidos terá no cargo para o que foi elexido?
— En realidade son bastante limitados e son sobre todo de funcionamento interno, coa finalidade de convocar xuntas para decidir normas de reparto, unificación de criterios ou cuestións que nos afecten ós xuíces civiles. Trátase dunha nova figura que podería ser interesente e moi útil para darlles voz aos compañeiros no trato diario coa Oficina Xudicial. Hai que ter en conta que antes cada maxistrado estaba á fronte do seu propio xulgado, onde tiña un trato máis próximo cos letrados xudiciais e cos funcionarios, e agora, coa reforma legal, esta oficina é unha organización distinta que queda fóra.
— Xa apuntou que o reto máis inmediato é precisamente esta coordinación coa Oficina Xudicial...
— En efecto. Aínda que o Tribunal de Instancia votou a andar en Vigo o 2 de xaneiro, realmente a Oficina Xudicial, que agrupa a letrados xudiciais e a funcionarios, comezou a funcionar na práctica estes últimos días debido a que se acaban de pechar as asignacións de letrados xudiciais, así como de grupos de traballo e funcionarios. É agora cando imos a empezar a notar a nova forma de traballar. Como con calquera cambio, haberá distorsións, pero o importante é detectalas e limalas para acostumarnos á nova organización.
A reforma legal provocará distorsións, pero o importante é detectalas e limalas
— Como valora o cambio? Este modelo xudicial será mellor que o dos xa antigos xulgados unipersoais?
— Xa hai moitos anos que se viña apuntando cara este modelo xudicial, consistente nunha gran oficina xudicial separado do xuíz. Agora entrou en funcionamento de golpe. A Lei de Eficiencia entrou en vigor en abril: os tribunais de instancia arrancaron en xullo nos pobos e agora comezaron nas cidades, que é onde había unha maior concentración de xulgados e onde, por tanto, máis dificultades poden xurdir.

O maxistrado, durante a entrevista. / Alba Villar
— É un cambio difícil de percibir pola cidadanía. Para tentar explicalo graficamente, como se organizará a Sección Civil?
— Antes cada xulgado tiña un maxistrado, un letrado xudicial e funcionarios que se ocupaban de todo tipo de materias. Agora en civil somos unha sección de 13 maxistrados e por outra banda está a Oficina Xudicial dividida en tres grandes servizos comúns. No servizo común de tramitación, por exemplo, hai unha xefatura concreta para a área civil e no que a nós nos afecta hai catro grupos de traballo: o de consumo, o do resto dos asuntos declarativos, o de desafiuzamentos e o de xurisdición voluntaria e conciliacións. Algo semellante ocorre no servizo común de execución, no que existe tamén un grupo que se encargará das execucións hipotecarias e das subastas.
— É positiva esta especialización?
— A idea é boa. Ter funcionarios traballando nun determinado tipo de procedemento debería permitir unha tramitación máis áxil e cun grado de coñecemento maior. Os cambios de partida sempre son complicados e xa dixen que haberá distorsións, pero o plantexamento é bo. Outra vantaxe é que se evitarán as diferenzas que existían entre xulgados en canto a eficiencia e problemas de persoal por baixas, etc. Agora, cunha oficina única e grupos especializados, todo vai en beneficio de todos ou en prexuízo de todos.
— Preside unha sección que foi castigada cun gran aumento de litixiosidade.
— Así foi. Levo nesta xurisdicción desde 2011 e ata 2018 estabamos en torno ós 1.000 asuntos por xulgado. Pero en 2019 houbo unha subida moi grande e, sen volver a baixar, a situación mantívose á alza ata o récord de 2024, cando chegamos ós 1.700 asuntos. A creación do Primeira Instancia 16 ou a recuperación do xulgado que tramitaba cláusulas chan non se notou. Gañamos xulgados, pero en vez de baixar, o traballo seguiu subindo. Chegou un momento en que a situación era insoportable.
— En 2025 houbo un descenso de procedementos.
— Si, creo que polos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC) que entraron en vigor en abril. A incerteza sobre como levar a cabo esas negociacións previas tivo un impacto na entrada de asuntos. Houbo menos que en anos anteriores. A dúbida agora é se seguiremos así ou se o traballo vai volver a subir. Eu creo que, en canto se definan os criterios de admisión de demandas en relación cos MASC, o risco de volver ós números anteriores é moi alto.
— Por que aumentaron tanto os pleitos nos últimos anos?
— Hai dúas causas claras. Por un lado os litixios de condicións xerais, de gastos hipotecarios e tarxetas de créditos, e por outro os de fondos buitre que compraron créditos para reclamalos nos tribunais.
O traballo aumentou sobre todo polos fondos buitre e polos pleitos de gastos hipotecarios e tarxetas
— O Goberno acaba de anunciar que Vigo terá tres novos xuíces na Sección Civil. Resolverá isto o problema?
— Estaba claro que había que adoptar medidas drásticas, porque non foi un aumento de traballo puntual. Tres novos xuíces si que poden ser a solución. Confío en que a situación se estabilice e sexan suficientes.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un colegio de Vigo, entre los 100 mejores de España según la revista Forbes
- «La generación Z consume menos alcohol porque encontró una droga nueva: la tecnología»
- Varios heridos y destrozos en el Twenty de Vigo en una pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Unos padres de Ponteareas ceden la representación legal de su hija con discapacidad a sus hermanos por falta de «competencias digitales»
- Locales de hostelería de Vigo ya exigen consumición mínima a los clientes para poder sentarse y limitan el número de carritos de bebé
- Una madre con una hija de 10 años en O Porriño: «Llegué del trabajo y vimos que ya no teníamos casa»