Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ricardo Cao Reitor da Universidade da Coruña

Ricardo Cao: «O relevo no persoal de Medicina ten que darse, e na Coruña e Vigo hai persoas acreditadas»

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, reflexiona sobre o proceso de negociación da descentralización de Medicina, dende o seu anuncio de implantar o grao ata o acordo entre as tres universidades e a Xunta; un pacto naufragado polas reticencias internas da Facultade de Santiago. Tamén aborda cuestións como o financiamento da institución académica coruñesa

Entrevista al rector UDC Ricardo Cao Abad

Entrevista al rector UDC Ricardo Cao Abad / Iago López

A Coruña

A última vez que falou con LA OPINIÓN -diario do mesmo grupo editorial que FARO- estaba ao inicio do proceso para implantar Medicina. En que estación está agora?

Non vou dicir nunha estación dun vía crucis, pero si que, ás veces, parece un pouco longo. Tense traballado moito no acordo que está enriba da mesa, pero están xurdindo atrancos que están poñendo en risco a súa validez. Estamos no tempo de desconto. Agora a Universidade de Santiago ten que dicir claramente se apoia o acordo, que foi consensuado con ela e levado ao Consello de Coordinación de Docencia Clínica de Galicia, e aí houbo unanimidade. Nós aprobámolo no Consello de Goberno, tamén por unanimidade. Antes do Nadal temos que saber que decisión se toma.

Neste tempo movéronse os marcos. Da imaxe de unidade da USC, a Uvigo e a Xunta perante a «unilateralidade» da UDC á admisión pública de que o acordo era necesario. Sente certa satisfacción?

Non sei se satisfacción é a palabra. É evidente que, nalgunha das cousas que nos diciamos, despois de desencadear unha fortísima reacción en contra, fóisenos dando a razón, como o moi feble cumprimento do acordado en 2015. Tamén no de que o nudo gordiano estaba no que agora está volvendo a suceder, en que haxa unha vontade real da USC, e sobretodo, da Facultade de Medicina, desa descentralización. Nós fomos moi claros dende o principio. Cremos e seguimos crendo que o mellor para a UDC, para o sistema sanitario e para o universitario, sería ter un título propio na nosa universidade. Pero, como dixen dende o principio, estamos dispostos a dialogar ata a extenuación para resolver o problema que hai con esa cantidade de estudantes que ten a USC, e que descentralizar é o lóxico para poder impartir unha docencia de maior calidade, utilizar os recursos das outras dúas universidades e dos hospitais. Cumprimos totalmente o que dixemos, e, froito de tantísimas horas de traballo, chegouse a este documento. Quero dicilo porque iso nos fai xustiza. En canto foi acordado, foi levado ao grupo de traballo, porque foi unha cousa moi traballada, sobre todo entre os tres reitores, e tamén logo cos dous conselleiros.

As posturas semellaban inamovibles ao comezo, pero chegouse a un acordo «satisfactorio» para todas as partes, que agora estoupou. Como foi esa negociación?

Os tres reitores reunímonos moi frecuentemente para falar de moitas cousas. Foi moi intenso o calendario de reunións en setembro, outubro e novembro, e é certo que, aínda que falabamos doutras cousas, o tema de Medicina monopolizou as reunións. Chegamos a unha situación na que todos, cedendo algo, pero polo ben común da titulación, da única que existe agora mesmo en Galicia, ofrecemos unha solución importante. Se cadra os grupos pequenos dialogan mellor que os grupos máis grandes. Non é que o grupo de traballo fóra enorme, pero eran nove membros. Cada un representaba a un organismo, pero é certo que, pola idiosincrasia do grupo, de nove persoas, cinco son profesores da USC, aínda que non estaban aí por ese motivo. Penso que si condiciona un pouco. Eu coñezo o feito dende aquí, pero cónstame que nas outras dúas universidades fíxose moito traballo tamén. O acordo enriba da mesa é un documento xurídico moi ben pensado. Un pode estar ou non de acordo, pero o importante é que di cousas moi concretas, e é moi fácil que sexan vinculantes, que esa é unha das eivas que tiña o acordo do 2015: era un acordo de boas intencións, pero non dicía as cousas tan claras, seguramente.

Compromete a negociación o clima preelectoral na Reitoría da USC?

Obviamente, o feito de que estean nun proceso electoral ten as súas implicacións, pero cómpre tamén ver as cousas con perspectiva. O acordo de 2015 leva máis de 10 anos dende que se asinou. Non quero levar méritos que non teño, pero en canto eu fun reitor, e fun convocado por primeira vez para o Consello de Coordinación de Docencia Clínica de Galicia, volvemos poñer enriba da mesa, e así está nas actas, que había que facer algo para que o que non se fixo durante estes 10 anos se fixera. Iso provocou a existencia dun primeiro grupo de traballo. Vós sabedes o que faciamos, publicastes unha pequena intrahistoria. Agora estase producindo no momento das eleccións á Reitoría de Santiago, pero nisto levamos traballando dende hai ano e medio. Estamos vivindo unha especie de bis do xa acontecido.

Entrevista al rector UDC Ricardo Cao Abad

Cao, na entrevista / Iago López

A Facultade de Medicina xulga que a descentralización compromete a excelencia, debido a que o 50% do profesorado deixa de estar vinculado a Santiago. Hai risco real de que as «cotas» no reparto da docencia entre as universidades comprometan a calidade académica?

Totalmente ao contrario. Polos números que eu coñezo, a USC chegou a ter 100 profesores en prazas vinculadas, que son as que teñen a dobre condición, funcionario da universidade e tamén funcionario da parte sanitaria. Agora mesmo ten como 50, este ano xubiláronse nove e o ano que vén outros oito, máis ou menos. No 2030, deses 50 estarán xubilados 35. En catro anos, deses 100 que chegaron a ter, van ter 15 profesores nesas prazas vinculadas. É obvio que a renovación do persoal docente e investigador na Facultade de Medicina é algo que ten que ser si ou si, e que iso se ten que facer con xente nova que estea acreditada. As leis orgánicas foron cambiando. A última é a LOSU, pero isto xa estaba dende antes. Para acceder a unha praza, tanto de funcionario como de docente permanente, tes que ter unha acreditación. Iso significa que tes que ter amosado que a túa experiencia a nivel de investigación e docencia cumpre uns mínimos. Neste momento, no ámbito da saúde, e sobre todo de Medicina, xa non é tan doado ter esa acreditación, porque teñen outra ocupación, tamén principal, que é a puramente sanitaria.

En que se traduce isto?

Pois que na Coruña temos persoas acreditado para esas prazas, en Vigo outras tantas, en Santiago tamén, e é moi natural que esas, eu que sei, 60 persoas con acreditación, sexan candidatas naturais a cubrir as prazas que van dar o relevo xeracional. Ten algunha diferenza, dende o punto de vista da peor calidade docente, que sexan contratados pola UDC, pola USC ou pola UVigo? Non é así. O que supón é que nos seriamos corresponsables da impartición desa docencia, e non só xa das persoas novas que se contraten. Sempre o di o reitor de Vigo, e ten moita razón: dos actuais profesores e profesoras. Temos de exemplo á Premio Wonenburger deste ano; unha inmunóloga fantástica, África González, que sería unha magnífica docente da súa especialidade na Medicina impartida dende Vigo, e ela non ten esa praza vinculada. É un exemplo de que hai persoas que non teñen praza vinculada, pero están impartindo docencia nunha área na que é moi natural que dende esa universidade se lles permita impartir docencia. Nós temos tamén varios exemplos. Hai que entender a descentralización como unha descentralización non só sanitaria, senón tamén universitaria.

A UDC está nun proceso de axuste económico. Como están as contas da Universidade? Dan para incorporar un título coma ese?

A impartición do título de Medicina, como calquera, non ten que ver coas contas da UDC, no sentido de que os plans de financiamento das Universidades teñen que reflectir as titulacións que impartimos, por suposto. Se nós poñemos enriba da mesa a nova titulación, como faremos se non hai acordo, en canto iso se aprobe no Consello Galego de Universidades, vai ter un reflexo no plan de financiamento. Ese custo é moi diferente en caso de telo descentralizado con títulos diferentes ou non. Depende de cantas persoas se estean formando. Nós creemos que ten moito máis sentido que existan titulacións, non de 400 estudantes que entran en primeiro, senón de moitos menos. Multiplícase o custo? Non, se se dá a a docencia en grupos de tamaño razoable a nivel clínico. Temos a Lei de intimidade do paciente, que nos impide ter un acto médico con moitas persoas arredor. Calquera titulación ten que ser financiada, pero o outro ten máis que ver coa situación na que estamos, que vén do infrafinanciamento na parte estrutural Iso estanos obrigando a ter uns plans de reaxustes moi severos, onde estamos sacrificando moitas cousas, e iso é insostible . Podemos apertarnos o cinto ata extremos insospeitados durante un curto espazo de tempo, porque senón imos afogar.

184 millóns de orzamento, máis da metade para persoal. Que se está a sacrificar?

Levamos moito sacrificado, por exemplo, no mantemento das infraestruturas e a nivel de persoal, como a carreira horizontal do persoal técnico de xestión e administración de servizos, que é un dereito que teñen. Todo isto haino que reverter. É importante ter un financiamento acorde ás necesidades da Universidade. Non estiramos máis o pé que a manta, ao contrario. Precisamos que ese financiamento sexa estrutural, nunha situación na que estamos tendo moito éxito na concorrencia de convocatorias competitivas na captación de fondos, como manifesta o propio orzamento: son perto de 25 millóns de investimento en investigación, porque estamos concorrendo a moitas convocatorias, a proxectos de European Research Council, ou o acordo co Concello para a Cidade das TIC. Iso está moi ben, pero cando ti tes a parte estrutural, o músculo, tan infrafinanciado, podemos morrer de éxito.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents