Entrevista | Begoña Vila Costas Astrofísica na NASA que mañá será investida «honoris causa» pola Universidade de Vigo
«Avanzaremos na resposta á pregunta de se estamos sós co novo telescopio»
Acompañada da súa nai, as súas irmás e amigos, a científica viguesa será investida en Ourense como a 31ª honoris causa, a sexta muller con este recoñecemento. Enxeñeira principal de Sistemas no Centro Goddar, é responsable de operacións dos intrumentos do Webb e traballa no novo telescopio Nancy Grace Roman

A astrofísica viguesa Begoña Vila, onte, na súa casa familiar de Zamáns. / Pedro Mina

-Ten dúas medalla da NASA e, entre outros premios,o Wonenburger da Xunta. Que supón para vostede este novo recoñecemento?
-Síntome moi honrada. Veño todos os anos e teño a Galicia moi cerca do corazón. Fixen a miña carreira profesional principalmente fóra de España e calquera recoñecemento que veña da nosa terra é especial. E estou moi ilusionada con poder compartilo coa familia e os amigos. Os logros teñen valor cando os compartimos. Cando eu estudei na universidade, só había Física en Santiago. Que hoxe na UVigo xa se imparta un grao en Enxeñería Aeroespacial e que nesta cidade e en Galicia haxa bastantes empresas que se adican a facer pequenos satélites e que colaboran coa ESA e outras axencias espaciais é fenomenal.
-Gracias a esa carreira aeroespacial iniciada pola UVigo hai uns anos, os mozos galegos xa poden formarse aquí e traballar despois en axencias como a ESA ou a propia NASA.
-Efectivamente. Hoxe a ciencia non ten fronteiras e traballamos en equipos moi grandes e en colaboración con outras axencias. O importante é estar preparado e a educación que se está dando aquí é moi boa. E ademais nestas carreiras de Física e Enxeñería Aeroespacial prepárante moito en moitas cousas relevantes para o futuro, dende buscar combustibles máis ecolóxicos para a aviación ata viaxar ao espazo. Este soño que agora parece ciencia ficción será realidade como pasou antes coa chegada á Lúa.
-Precisamente, o novo telescopio Nancy Grace Roman no que está a traballar podería atopar planetas extrasolares parecidos á Terra.
-O telescopio James Webb xa é un avance incrible porque nos permite coñecer os compoñentes da atmósfera dun planeta e a súa temperatura. E o Nancy Grace Roman, que lanzaremos o ano que vén, vainos dar moitísimos máis candidatos a planetas máis cercanos a estrela. Buscamos planetas onde haxa auga líquida e nunha franxa moi concreta. E son moi difíciles de atopar porque son pequenos. Gracias ao novo telescopio imos poder avanzar nesta búsqueda e responder a esa pregunta que todos nos facemos de se estamos sós.
-Participar nun proxecto como o do James Webb xa é un hito na carreira dun científico, pero vostede vivirá en breve o lanzamento do seu segundo telescopio.

Begoña Vila. / Pedro Mina
-O Webb é un deses proxectos que chegan unha vez na vida. Levo case 19 anos e espero seguir moitos máis. Participar no seu lanzamento desde a Guaiana francesa nun Ariane 5 foi superespecial. E ademais puiden facer a transmisión en español para a NASA sabendo que a miña nai, a familia e os amigos me podían entender e desfrutar comigo. E agora será incrible estar no lanzamento deste novo telescopio desde cabo Cañaveral a bordo dun Falcon Heavy de SpaceX. Non sei se será posible, pero desta vez faríame ilusión que a miña familia puidera estar alí comigo. Ademais o Roman vai ir ao punto de Lagrange 2, onde está o Webb, estarán os dous alí.
-Detrás de cada lanzamento hai moitísimos anos de traballo.
-O de Webb, despois de tantos anos de traballo nun proxecto tan complicado, foi incrible. E este tamén o será. E ademais teño a oportunidade de estar involucrada no periodo de comisión, cando o calibras, acendes os instrumentos e comprobas que está todo ben. Cada semana temos unha reunión de operacións pero tamén nos visitan os científicos que están usando os datos de Webb, que está ofrecendo ciencia moi ampla, tanto do noso sistema solar como de estrelas, planetas ou das galaxias iniciais. Todos eles están asombrados pola calidade dos datos e dan gracias ao equipo. Son unha inspiración para todos nós.E co Román será igual. Estamos desexando recibir os seus datos. Un dos seus instrumentos ten 18 detectores para ofrecer un campo moito más amplo que o Hubble e o Webb. E a intelixencia artificial vainos permitir analizar o enorme volumen de datos que recibimos de maneira continua, arquivalos e que sexan accesibles para calquera científico.
-Veñen anos moi apaixonantes.
-Si. O lanzamento será a finais de setembro-outubro. Tiven a sorte de ser a directora da proba fría, que se fai ao vacío e na que se replican as temperaturas en órbita. Foron 65 días de traballo continuados e de 24 horas. Era a máis complicada, na que demostras que o telescopio está ben aliñado e vas poder enviarlle instruccións, e acabamos de terminala. Agora temos por diante un ano de traballo para facer os últimos compoñentes e probas, pero estamos optimistas. E ademais no 2026 tamén se lanzará a misión Artemis 2. Vai ser un ano bonito e especial.
«As nenas deben seguir as carreiras que lles gusten, sen outras consideracións»
-É o primeiro telescopio que leva o nome dunha muller. Roman abriuse camiño nun mundo moi masculinizado, pero hoxe hai máis expertas detrás destes proxectos e incluso en postos de liderado como o seu.
-É moi bonito que se empece a recoñecer a todas esas mulleres que traballaron en condicións dificilísimas, cando non daban facilidades para estudar estas carreiras e, se as facías, non recoñecían para nada o teu traballo. Nancy Grace Roman foi a primeira astrofísica xefa na NASA na época en que se estaba construindo o Hubble. De feito, a ela chámaselle «a nai do Hubble». Sen sacarlle mérito aos homes, é moi importante recoñecelas. As mulleres pensamos de maneira distinta e está demostrado que isto supón un beneficio para calquera empresa ou proxecto, porque as discusións son distintas e atopas solucións dferentes. Agora hai máis mulleres, a situación é mellor, pero aínda estamos nun 25% en certas carreiras como a miña. As nenas deben seguir as carreiras que lles gusten, sen outras consideracións. Todos queremos poder traballar no que nos gusta.
-Sen dúbida, vostede é unha inspiración para elas.
-Cando ves a alguen que se parece a ti, a unha muller no meu ou en calquera outro campo, aínda que non sexas consciente, dentro de ti vai calando a idea de que ti tamén podes facer iso.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Oceanográficos tiran «cientos de kilos» de pescado al mar por el veto al quiñón
- Fortaleza de Chocolate en Portugal: la tentación más dulce de Valença regresa por Navidad
- Detenido un vecino de Vigo que estaba lanzando botellas de cristal desde una planta de Vialia hacia la plaza de los cines
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Caballero responde a Augas tras la fuga en Eiras: «Quisieron que Vigo se quedara sin agua, es una negligencia»
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- El encendido de las luces de Navidad de Vigo en primera línea: aforo limitado y solo cuatro accesos a Porta do Sol