Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In Memoriam

Miguel Anxo Murado García, un sabio do mar e da alma humana

Miguel Anxo Murado García, nunha recente entrevista

Miguel Anxo Murado García, nunha recente entrevista / CSIC

Antonio Figueras

Antonio Figueras

Profesor de Investigación CSIC Instituto Investigaciones Marinas

Dicir adeus a Miguel Anxo Murado García é despedir a un home irrepetible, un auténtico home do Renacemento do século XX. Naceu en Lugo, o 1 de maio de 1945, o mesmo día no que Europa comezaba a saír da escuridade da guerra. Desde entón, a súa vida pareceu guiada pola vontade de reconstruír, de comprender e de atopar harmonía entre a razón e a beleza.

Fillo de José Antonio Murado López e Ángela García Ouro, e neto de Manuel García Blanco, Miguel mostrou desde moi novo unha curiosidade insaciable e unha sensibilidade pouco común. Estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, onde se doutorou en 1972 cunha tese pioneira sobre a degradación de insecticidas no solo. A súa traxectoria científica desenvolveuse principalmente no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, ao que dedicou décadas de traballo e paixón, exercendo como director, e como profesor de investigación do CSIC e colaborador do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela.

Baixo o seu impulso, o Instituto viviu unha etapa decisiva de consolidación e apertura. Miguel foi un pioneiro na valorización dos residuos procedentes da acuicultura e da pesca, moito antes de que se falase de economía circular. A súa visión era fondamente galega: aproveitar os recursos do mar sen esgotalo, e procurar o equilibrio entre o coñecemento científico e o benestar das comunidades mariñeiras.

Durante a catástrofe do Prestige, demostrou un compromiso exemplar. Traballou arreo para poñer o coñecemento ao servizo de Galicia, achegando serenidade e razón nun momento de angustia colectiva. Aquel esforzo, discreto pero esencial, é recordado con gratitude por quen compartiron con el aquelas horas difíciles.

Nunha entrevista recente, lembraba con humildade os seus primeiros anos de traballo no CSIC: «A investigación mariña non é só observar o mar, senón comprender a escala humana que hai detrás de cada dato». Dicía tamén que o máis gratificante non eran as publicacións, senón «ver medrar aos novos investigadores coas túas ideas, coas túas preguntas». A súa maneira de ensinar era xenerosa, próxima e libre de xerarquías.

Mais Miguel non vivía só para a ciencia. Era un guitarrista clásico de gran sensibilidade, compositor, poeta e escritor comprometido coa lingua galega. En obras como A cantiga da burata (Medulia Editorial) plasmou o seu amor pola cultura e pola palabra. Para el, a ciencia e a arte non eran mundos opostos, senón dous camiños que se atopan na busca da verdade. «A melodía e a fórmula», decía, «son só formas distintas de achegarse ao misterio do mundo».

Aos seus amigos déixalles o recordo das conversas infinitas, do humor intelixente, da tenrura discreta. Á súa familia, o orgullo dun home que viviu con coherencia e plenitude, que nunca renunciou a Galicia nin á súa lingua, que soubo unir coñecemento e emoción, rigor e beleza.

Miguel Anxo Murado García ensinounos que a ciencia sen paixón é só técnica, e que a vida sen arte é unha vida a medio facer. Nel convivían o investigador minucioso, o músico inspirado e o home bo, comprometido coa súa terra e co seu tempo.

Descansa en paz, Miguel.

O mar que tanto estudaches seguirá gardando a túa memoria.

Tracking Pixel Contents