Centralismo e lealdade institucional

Firma do acordo entre universidades coa Xunta en 20215, cos tres rectores e Rodríguez. | X. Álvarez
Manuel Reigosa
Verbo da actual polémica sobre o pedimento da Universidade da Coruña para implantar un novo grao en medicina nunha nova facultade naquela universidade, podemos contemplar diversas opinións que teñen moito interese para albiscar por onde debe establecerse o progreso do sistema universitario galego e tamén da propia sociedade no seu conxunto.
A estas alturas de desenvolvemento da nosa constitución, poucas dúbidas poden quedar de que o estado autonómico supuxo un maior, mellor e máis harmónico progreso do noso país. Aínda sendo de tradición fondamente centralista, a verdade é que ao país sentoulle moi ben que as institucións estean máis preto da cidadanía e que non se intente levar todo o peso institucional a unha única cidade. O desenvolvemento da nosa comunidade autónoma é un bo testemuño deste progreso.
Con todo, asistimos abraiados a debates que adoitan amosar, probablemente de xeito inconsciente, unha mentalidade centralista. Galicia corre o perigo de replicar o tantas veces denostado centralismo estatal, no eixo Santiago de Compostela – A Coruña. Un escoita e le que tres aeroportos son demasiados para Galicia. E déixase caer que podería ser mellor ter un (por suposto, os que pensan que é mellor non descentralizar, sitúan o aeroporto único en Santiago, malia ser unha cidade moito máis pequena que Vigo e que A Coruña). Mesmo semella que estarían dispostos a aceptar que houbese dous: un en Santiago e outro na Coruña. Dous na mesma provincia. O que sobra, para ese xeito de ver as cousas, é o de Vigo. Pouco importa que a nosa sexa a área metropolitana e a cidade máis poboada de Galicia. Tampouco importa que teñamos unha serie de empresas que lideran as exportacións e contribúen decididamente, especialmente no eido industrial, ao PIB galego. Ter un aeroporto en Vigo é, para eles, localismo.
Aparentemente, tamén é localismo aspirar a que a cidade de Vigo teña mellores conexións ferroviarias, que teñamos AVE a Portugal e a Madrid, que o noso porto teña a consideración que merece e gañou de seu, ou incluso que teñamos unha entrada digna da autovía que evite perigos innecesarios e faga cómodo entrar e saír da nosa cidade.
No eido universitario, tamén adoitamos escoitar a mesma cantilena. Para algúns, estaría ben ter unha única universidade en Galicia, que, por suposto, estaría en Compostela. E, xa de ter dúas, pois as dúas na mesma provincia.
No seu día, afortunadamente, ademais da presión exercida pola cidadanía, xuntáronse políticos con visión e un acordo unánime do Parlamento galego, que estableceu un sistema con tres universidades e sete campus que é moi bo para o país, na miña opinión. Daquela houbo xenerosidade e altura de miras, e temos neste momento en Vigo unha universidade da que as galegas e os galegos podemos sentirnos orgullosos porque podemos competir con calquera. Asemade, o Sistema Universitario Público galego é dos mellores de España, estando moi ben considerado a nivel europeo e mundial. As tres universidades do SUG son un bo sitio para estudar, e tamén para desenvolver unha carreira investigadora e xerar novos coñecementos.
Por suposto, aínda que esteamos conformes co sistema universitario, sempre cómpre ilo puíndo, mellorando a súa coordinación e a súa calidade. E levamos tempo traballando sen estridencias para acadar consensos en distintos eidos, pero moi especialmente no financiamento e no mapa de titulacións. En ambos os dous casos, fomos ata agora quen de acadar consensos plenos. E non caben, se queremos seguir acordando cuestións, medidas unilaterais. Todos poderiamos seguir esa mesma liña, tentando obter vantaxes competitivas sobre o resto de actores. A nivel universidade, e a nivel campus, todos podemos querer unha facultade de medicina.
E que ocorre coa Facultade de Medicina, un centro clave para o desenvolvemento do país? Pois que nos acordos sobre titulacións, é un grao encargado á Universidade de Santiago de Compostela. É certo que a Universidade de Vigo pediu impartir esta titulación hai anos, e segue sendo interesante para nós. E que é lexítima aspiración, máxime cando contamos na nosa área de influencia con moitos dos actores necesarios para a súa implantación.
Pero o feito é que as tres universidades e as dúas consellerías implicadas asinaron un convenio en 2015 que establecía as regras de xogo para a descentralización da titulación de Medicina e para o mellor aproveitamento dos hospitais públicos galegos, coa idea de mellorar a formación dos egresados. Este acordo non foi doado, pero está en vigor mentres non negociemos outro, e a Universidade de Vigo está disposta a sentar na mesa de negociación sempre que se abra esa posibilidade. Na procura dun mellor aproveitamento dos recursos que ten Galicia para a óptima formación dos futuros médicos. Hai distintas formas de mellorar a situación existente.
Algunhas informacións que se trasladan á cidadanía non son certas. O convenio asinado no 2015 establece unha facultade única, que pertence á USC, aínda que permite unha certa participación das outras universidades na súa docencia, en determinadas condicións. E marca as regras de xogo para o mellor aproveitamento dos hospitais públicos galegos. Na miña opinión, aínda que non se avance á velocidade óptima nese proceso de descentralización, non se está incumprindo nada do acordado, nada do asinado. Aínda que, despois de 10 anos, ese convenio require unha actualización e unha mellora, conforme á evolución e progreso dos hospitais e das universidades.
A nós gustaríanos avanzar na descentralización, e a nosa institución estará sempre disposta a participar en iniciativas que melloren a formación. Se podemos formar parte da solución, estaremos dispostos a participar. O que solicitamos é que, coma ata o de agora, as solucións sexan globais, dentro dos acordos do mapa de titulacións. Que se priorice o mellor servizo á cidadanía. E que se premie o bo quefacer e non as medidas de forza. Que se busque máis a cooperación que a pura competencia, o acordo que o desacordo e a negociación serena, lonxe de vitimismos e de manifestacións, agora si, localistas.
A Universidade de Vigo aspira a ser unha institución fiable, na cal conflúan os intereses lexítimos da cidadanía e que permita acadar unha sociedade mellor. Unha sociedade máis próspera e competitiva, igualitaria e que non deixe a ninguén atrás. Aspiramos a ser cada vez mellores. Na docencia, formando cada vez mellor os egresados. Na investigación, creando máis e mellor coñecemento nos distintos campos do saber. E na transferencia, conseguindo que esas melloras cheguen á sociedade e ás empresas.
- José Abellán, cardiólogo: «Para saber si has descansado bien el indicador más fiable es cuando terminas de comer»
- Una podológa gallega, contundente con llevar crocs en verano: «Lo ideal es que no las utilices»
- Alumnos sin disciplina que no se esfuerzan ni respetan al docente tensionan las aulas
- El pueblo gallego que no tiene turismo: playas vírgenes y está declarado Conjunto Histórico-Artístico
- Hallan en el pantano de Portodemouros el cadáver del vecino de Arnego desaparecido el sábado
- Una viguesa, «asombrada», tras descubrir que un bar de Pizarro no admite mascotas en su terraza: ¿es legal?
- Soy guía turístico en Galicia desde hace 10 años y estos son los lugares más bonitos que he visitado: «Poca gente los conoce»
- Vigo prende San Juan: todas las hogueras, fiestas y sardinadas de 2025