Cantareiras viguesas, habelas, hainas
Con botellas de anís, tixolas, latas de pemento, pratos e mesmo sachos, as mulleres mantiveron melodías, letras e o idioma botando man de utensilios cotiás
A viguesa Leni Pérez leva dende os 13 anos percorrendo Galicia para compilar cantares populares e conta con rexistros propios de Vigo

Leni Pérez, primeira á esquerda, cos Trécolas, da Asociación dos Veciños O Carballo, en Sárdoma. / Jose Lores
Bembrive, ano 1997. Canta Marina Rodríguez: «O cura de Candeán/ foi caghar entre as cañotas/ se non escapa dalí/ cómenlle o cu as ghaivotas». Dous anos despois, pero na parroquia veciña de Valadares, a que está botando unha cantiga é Marina Ramilo: «As cintas da túa blusa/ xa non se usan vaia demonio/ xa non quero a túa riqueza/ quero a pobreza do meu Antonio». E aínda queda unha terceira para configurar un repertorio local, nesta ocasión, recollida en Freixo e entoada por Anuncia Comesaña: «Mociña de Fraghoselo / con que lavas o cabelo / cunha herba que hai no monte / que lle chaman tromentelo».
Son só tres mostras en chave local do valioso arquivo que garda a pandereteira, compiladora e intérprete viguesa Leni Pérez, veciña de Bembrive quen con tan só 13 anos de idade iniciou un periplo por distintas aldeas de Galicia na procura daqueles cantares populares que as mulleres conservaran de xeración en xeración en foliadas e seráns, pero tamén a carón do lume de lareiras e cociñas, onde practicaban os ritmos con todo tipo de utensilios cotiás.
Con motivo do Día das Letras Galegas 2025, a Real Academia Galega renderá homenaxe o vindeiro 17 de maio ás cantareiras e en Vigo, malia a emigración e a industrialización, habelas, hainas.
Se ben este recoñecemento estará personificado en sete mulleres, o certo é que é extensible a todas aquelas galegas que se ocuparon, e seguen ocupándose a día de hoxe, de transmitir ritmos, melodías, letras e tamén a propia fala, pois tal e como afirma Leni Pérez, «sempre foron elas as que puxeron música aos seráns e foliadas, logo dos traballos comunais no campo, porque aos gaiteiros había que pagarlles e tan só ían á festa, pero elas foron as que conservaron os cantares de tradición oral».

Leni Pérez, á esquerda, coas alumnas do grupo de pandereteiras «De raís», da A.C.D. Xestas, na parroquia de Bembrive. / Jose Lores
Pandeiretas feitas de nada
Con botellas de anís, tixolas, latas de pemento, pratos, culleres, cunchas e mesmo con pedras e sachos, ao longo da historia de Galicia, as mulleres preservaron os cantares botando man de calquera utensilio cotiá que lles permitira un acompañamento da voz, posto que as pandeiretas custaban moitos cartos para a época e non sempre era doado ter acceso a elas.
Neste senso, Leni Pérez destaca que, «moitas veces, as mozas xuntábanse para mercar entre todas unha pandeireta e había só unha para toda a aldea e para facer a festa».
«Nos anos 80 era estraño ver grupos de pandereteiras e elas foron quen conservaron a tradición oral»
Leni Pérez: de Bembrive a Galicia
Con tan só seis anos de idade, esta veciña de Bembrive comezou baile no colexio Mosteiro nunha actividade gratuíta promovida polo Concello e logo pasou a formar parte dun grupo folclórico da parroquia que estaba capitaneado polo gaiteiro Eugenio Rodríguez, até que con 13 anos, da man da agrupación Xalgarete e da súa mestra María José, comezou a percorrer distintos territorios da comunidade na procura de cantigas populares: «Fomos as primeiras pandereteiras que saímos na provincia para facer estas recollidas», explica Leni Pérez.
A tradición oral que resiste
Logo de case catro décadas de arquivo, Leni analiza que «en Vigo tamén había este espírito, pero perdeuse moito pola industrialización e pola emigración». Así, a modo de exemplo, esta compiladora apunta que rexistrou coplas nas que se fan referencia ás piñas do monte que se levaban a Vigo a vender para traer peixe de volta.
«En Vigo perdeuse moito pola industrialización e pola emigración, pero cheguei a tempo para gravar repertorio propio en varias parroquias»
O auxe da música de raíz
Leni Pérez conclúe facendo alusión ao importante auxe do interese pola música de raíz entre a poboación, pois na actualidade imparte clases en nove escolas que superan as 200 alumnas e alumnos e asegura que «nunca houbo tanta xente querendo aprender a bailar e a tocar a pandeireta».
Suscríbete para seguir leyendo
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Muere Gerardo Huidobro Vence, oncólogo del hospital Álvaro Cunqueiro
- Vuelos ya cancelados y billetes «trampa» en Santiago: despega la operación cierre de Lavacolla
- Devuelve la cartera de un joven de Aldán con el dinero que tenía para viajar a Tenerife: «¡Personas que son ángeles!»
- Antonio Guerrero, gastroenterólogo: 'El cáncer de hígado es asintomático, pero una simple ecografía puede salvarte la vida