Un cuarto alternativo para a literatura galega

Vigo continúa consolidándose como capital editora e recentemente vén de sumar ao seu tecido a proposta de Cuarto de Inverno que, en tan só cinco anos de vida, conta cun catálogo no que figuran autores como Antonio García Teijeiro, Luísa Villalta, Antía Yáñez, Emma Pedreira, Teresa Moure ou Antonio M. Fraga.

Andrea Jamardo e Martín Barcia amosando varios títulos de Cuarto de Inverno.

Andrea Jamardo e Martín Barcia amosando varios títulos de Cuarto de Inverno. / Alba Villar

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Foron motivos persoais os que os conduciron a asentarse en Vigo hai escasos meses, logo de cinco anos de traxectoria fronte a un proxecto editorial independente que procura alumear en Galicia libros «novidosos e arriscados, riquiños e coidados, afoutos e combativos». Aterraron na capital editora da comunidade galega tendo presente que nela non só atoparían ás dúas grandes por excelencia, Galaxia e Xerais, senón que tamén poderían ter preto a outras, non tan grandes, pero que si contan cun certo percorrido e un traballo que admiran, e confesan que, dende a súa chegada á cidade, se sentiron moi arroupados polos compañeiros e compañeiras do sector.

Andrea Jamardo e Martín Barcia son os dous profesionais que se agochan detrás de Cuarto de Inverno, a proposta que vén de sumarse á rede editora da cidade de Vigo e que, en tan só cinco anos de vida, conta xa cun catálogo no que figuran autores e autoras de renome como o vigués Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil; Emma Pedreira e Teresa Moure, ambas Premio Xerais de novela; Antonio M. Fraga, Premio Merlín e Jules Verne; Antía Yáñez, Premio de narrativa Illa Nova; así como Luísa Villalta, de quen reeditaron As chaves do tempo con motivo da súa homenaxe no Día das Letras Galegas 2024.

Cremos que os nosos títulos teñen que ser un reflexo de como entendemos o mundo e da nosa forma de posicionarnos nel

Foi no ano 2019 cando Andrea Jamardo, xunto con David Cortizo, con quen viña de traballar noutra editorial, iniciou o deseño deste cuarto alternativo para a literatura galega con «moita ilusión», porén, a irrupción da pandemia apenas tres meses despois de iniciar a andaina do seu novo proxecto foi un golpe inesperado do que lograron sobrepoñerse con duro traballo e grazas tamén á confianza que depositaron neles autoras e autores galegos que, en canto tiveron coñecemento do nacemento de Cuarto de Inverno, agardaron a publicar con eles.

Esta editorial independente conta con tres coleccións diferenciadas de literatura xuvenil, infantil e de adultas, e Andrea Jamardo explica que a filosofía que guía a liña de traballo do selo, ao que despois se sumou Martín Barcia, «no caso da colección infantil, as obras son as que nos gustaría ter lido cando eramos máis novos. Cremos que os nosos títulos teñen que ser un reflexo de como entendemos o mundo e da nosa forma de posicionarnos nel. Para nós publicar unha obra supón un investimento moi grande, pero temos que defender eses libros, hai moito traballo detrás que non se ve, polo que son obras que nos teñen que gustar e que, se non foramos editores, recomendariamos».

Neste senso, a editora pon en valor o gran esforzo que hai detrás dun proxecto como Cuarto de Inverno, que anualmente procura o lanzamento de seis libros novos e á que os lectores poden subscribirse para contribuír á sostibilidade da editorial. Dende a escrita á corrección, maquetación, deseño, distribución, Martín Barcia e Andrea Jamardo velan por todo o proceso, quen afirma que «temos moita sorte porque, malia que hai autores e autoras que teñen as súas editoriais de referencia, gústalles o que é Cuarto de Inverno e é unha aperta que persoas como Andrea Maceiras, por exemplo, nos digan que si, sabendo que somos unha editora pequena e con recursos limitados, que imos con pés de plomo, pero a por todas».

Tracking Pixel Contents