Entrevista | Samuel Merino Poeta
«A pregunta pola construción da identidade é o celme do poemario»
Publicado na colección Dombate da Editorial Galaxia, o poemario «Claustro Corda Comensal» acadou a segunda edición recentemente, unha alegría para Samuel Merino que non chegou soa, pois vén de ser galardoado co Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

O poeta Samuel Merino. / Alba Díaz
Natural de Mos, é habitual atopar o seu nome na escena poética da cidade olívica. Tras publicar en 2023 o poemario Claustro Corda Comensal na colección Dombate da Editorial Galaxia, a obra acadou recentemente a segunda edición, unha satisfacción persoal e profesional para Samuel Merino á que vén de engadirse ter sido galardoado hai escasos días co XIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelos de Montes. O xurado destacou que o poemario presentado polo poeta ao certame destacou por estar "escrito con gran plasticidade escénica e abraiante capacidade evocadora".
-Que supón este galardón?
-Recibo este premio con moitísima alegría, con moita satisfacción e con moita gratitude. Penso que non é tanto un recoñecemento como un froito do traballo feito. Ao longo dos anos fun sementando, pouco a pouco, xunto a outras compañeiras que me axudaron no camiño, porque ninguén fai nada só neste mundo, compañeiras das que aprendo, ás que sigo, ás que leo... Non fago unha lectura de que xa era hora, senón que simplemente cadrou e estou moi agradecido de que a xente que leu este poemario considerase que merecía levar o premio, algo que recibo con satisfacción e que si podo crer que é o resultado de anos de traballo.
-Que atoparán os lectores e lectoras en Manual de camuflaxe?
-Penso que é un poemario no que máis me afasto das miñas teimas de sempre, aínda que están, pero noutra medida. Creo que é un poemario máis fondo e nel hai unha cuestión moi importante que é a construción da identidade a partir dos demais, de como a contorna e as circunstancias ás veces propician que unha persoa sexa o que é. É moi abstracto, pero penso que o celme do poemario é ese. Nunha época na que a cuestión da identidade é algo candente, e non falo soamente da identidade de xénero ou da orientación sexual, senón tamén de como unha persoa constrúe o seu lugar no mundo, de como se visualiza con respecto aos demais, con respecto á comunidade, nun momento no que o foco está moi posto no individuo e nas mensaxes de que cada un ten que construír a súa identidade, era algo que me preocupaba como persoa. Como persoa, vinme, véxome e vereime sempre nesa tesitura de saber quen son, o que non son, de saber en que lugar podo ser eu e en cales non, e incluso que significa ser eu e non outra cousa. Trato unha cuestión universal e penso que a potencia que pode ter o libro é esa capacidade de englobar e tirar polas persoas, de dar a posibilidade de que o leven ao seu terreo, porque non fai fincapé en cuestións demasiado concretas.
-Recentemente, o seu poemario Claustro Corda Comensal acadou a segunda edición, está satisfeito co percorrido desa obra?
-Estou moi satisfeito porque ese poemario para min supuxo un salto cuantitativo no referente a visibilidade. Notei a presenza da obra en librarías, nas lectoras, e que acadase a segunda edición é algo polo que estou moi agradecido. Estou contento co percorrido que está tendo, era un libro arriscado, pero penso que atopei o punto correcto de distanciamento entre a temática, a miña vida persoal, a obra e como lla presentei ás lectoras.
-É un poemario que sorprende na parte final e obriga a unha segunda lectura con nova mirada.
-A iso me refería cando comentaba que creo que o fixen ben atopando o punto correcto. É un libro moi narrativo e, cando o les, atopas unha historia moi aberta, porque o claustro pode ser calquera sitio e incluso unha mesma. Este libro chega moito porque todos temos algo de claustro nas nosas vidas, de corda que nos ata e de comensais e parasitarios.
Suscríbete para seguir leyendo
- Localizan en un albergue de A Coruña a la mujer que se buscaba desde ayer por mar y aire en Rande
- Se busca por mar y aire a una mujer que se arrojó al agua en Rande
- Dos gasolineras de Vigo tiran los precios y permiten un ahorro de más de 20 euros por depósito
- El alcance total del patrocinio del Celta a 'La Revuelta' equivale a casi 17 millones de euros
- Adiós a la antigua GEA de Camposancos
- El furor por el Ozempic para adelgazar vacía las farmacias y los gallegos lo buscan en Portugal
- Los buzos de Gardacostas localizan el cuerpo del pescador de Bueu que se cayó al mar desde su dorna
- Buscan a un marinero que pescaba frente al puerto de Bueu