Entrevista | Nuria Vil Poeta e filóloga

«Quería poñer diante da cámara corpos que non están ou que se pensa que non pode estar»

O proxecto audiovisual «Delincuente» opta a finalista nos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real

Nuria Vil no interior do histórico Vitrasa "El Cometa" durante a rodaxe da curta.

Nuria Vil no interior do histórico Vitrasa "El Cometa" durante a rodaxe da curta. / Xiana Quintas

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Logo de acadar o pasado mes de outubro o premio MAV e o do Xurado Novo xurado novo no Festival Internacional de Cine da Coruña Intersección, o proxecto audiovisual «Delincuente», da poeta e filóloga viguesa Nuria Vil, dirixido por Alba Domínguez, é candidata aos Premios Mestre Mateo. Membros da Academia Galega poderán decidir até o 27 de xaneiro se pasa a ser finalista e proximamente estará dispoñible en Filmin.

—Que supón que «Delincuente» sexa candidata nos Mestre Mateo e como foi o proceso?

Se os socios e socias da Academia votan por ela pasariamos a finalista e sería marabilloso. É moi positivo, eu véxoo como unha recompensa grupal, porque somos unha equipa de máis de 20 persoas as que fixemos a curtametraxe. E sobre o proceso, houbo que enviar un formulario e cumprir uns requisitos, neste caso, ten peso que a curta sexa en galego, que estea rodada aquí ou que a equipa sexa galega. No caso de Delincuente foi doado porque toda é galega e son mulleres de identidades disidentes, co cal aí hai unha vindicación forte, pois sempre se escoita iso de que non hai mulleres nas artes ou no audiovisual e sen ser eu experta do audiovisual logrei conformar unha equipa de mulleres. Por outra banda, tamén participan persoas de Apamp, porque parte da intención da curta era poñer diante da cámara corpos que non están ou que se pensa que non poden estar, como persoas discas, racializadas ou LGBTI. De feito, o título Delincuente vén un pouco de aí, de darlle a volta, porque por exemplo pertencer ao colectivo LGBTI é ilegal en moitísimos países ou en España existe ese discurso de que as personas migrantes e con documentación irregular veñen a quitarnos o traballo, pero quen son realmente os delincuentes? Quen está levando os cartos ou que están nos postos de poder? Moitas veces nós non.

—E como naceu a idea?

Delincuente xorde dun poema meu que fala sobre a historia obreira de Vigo, dalgunhas referentes da literatura contemporánea de finais dos 80 e principios dos 90, mesturado co cine quinqui, que é un imaxinario que sempre me gustou moito. Este proxecto foi posible cun crowfunding, no que participaron máis de 150 persoas, e tamén contou coa Bolsa ensaia que dá unha asociación de Vigo como recoñecemento á traxectoria artística dalgunha persoa, en 2022 recoñecéronme a min. O que quería para ese poema era darlle unha dimensión audiovisual.

—Foi gravada integramente na cidade? En canto tempo?

Unha parte da ficción foi rodada en Santo André de Comesaña, que foi a parroquia na que eu medrei, outra en Chandebrito, en Nigrán, e outra gravouse no histórico Vitrasa «El Cometa», que o teñen como un obxecto de museo e a última vez que circulou foi en 2018. Tivemos tamén moita sorte porque Manoel da Costa cedeu o seu arquivo en super-8, e el ten gravados eventos da cidade como reunións do Partido Comunista ou a primeira celebración do Orgullo en Vigo, en Castrelos. Había imaxes moi suculentas e eu conteille a idea e proxecto e dixo que estaba encantado de participar co arquivo. En canto á rodaxe, foron tres días, pero a montaxe foi un ano. Gravamos durante dous días intensivos coa figuración, na que hai poetas como Andrea Nunes Brións, Lucía Aldao, María Lado e compañeiras activistas antirracistas como Aranxa Vicens ou Saya Mohamed, tamén Nee Barros, Éric Dopazo e Nico Elsker ou Leonor Sangrabriel, que son de Vigo e traballan a nivel escénico dende o LGBT e dende diferentes identidades.

Ultimamente vemos como Vigo é escenario de grandes producións, que ocorre coas que non teñen tanto alcance?

-Delincuente non se estreou en Vigo e creo que iso é o máis salientable. Aínda non se estreou e o meu público é vigués. Ademais, ten como base a figura de La Maradona, líder dunha banda de delincuencia xuvenil no Casco Vello Alto de Vigo. Esta base chama ao viguismo, porque a cidade ten unha realidade social detrás, dende a primeira folga xeral do Estado ás manifestacións pola reconversión naval, pero Delincuente non foi a Vigo, non houbo festival que amosara interese na súa proxección. É bastante triste que non poidamos vivir na nosa cidade ou que a nosa arte non se vexa nos espazos de Vigo e todo o que nos queda é financiarnos a través do micromecenado, actuar en bares ou facer cousas pequeniñas. Se temos un espectáculo grande ou non tan grande como o de Rodrigo Cuevas, as oportunidades de que a xente de Vigo poida velo son limitadísimas. Agora estou pendente de estrear nos Norte, pero vai con calma, porque hai que buscar data e a forma de sacar adiante a proxección, que será cunha entrada determinada porque as salas tamén teñen que vivir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents