Quen se anima a botar unha regueifa?

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo estrea un novo obradoiro de improvisación oral impartido pola poeta viguesa Branca Trigo

É unha posta en valor da regueifa, unha manifestación cultural galega que a Asociación O.R.A.L. leva recuperando en Vigo dende hai case tres décadas

Branca Trigo e Silvia Villar participan nunha xornada de regueifa

Pablo Hernández Gamarra

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Era algo habitual en todo tipo de reunións populares, dende vodas a bautizos, e facendo gala de enxeño, creatividade e rapidez, os regueifeiros xeraban unha controversia en verso para disputar a partición dun molete de pan, unha rosca ou bolo tradicional que precisamente tiña o nome de regueifa e que adoitaba partillarse logo do banquete entre a veciñanza que non fora convidada. É por isto que había que ser áxil na oralidade para botar ese pique que adoptou o propio nome do molete, pois os vencedores da disputa dialéctica terían como recompensa a repartición do dito pan.

Se ben é certo que os últimos vestixios deste tipo de cantigas improvisadas perduraron na zona da Costa da Morte e tamén en Pedrafita, no Courel, e en Vigo «non hai constancia de que houbera estas manifestacións, alomenos no último século», a Asociación O.R.AL. leva case 30 anos traballando pola posta en valor da regueifa na contorna da cidade olívica e, a través do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), vén de iniciar un novo obradoiro de iniciación para favorecer o nacemento de novas e novos regueifeiros.

Xornada de portas abertas do obradoiro de regueifa do CIOV.

Xornada de portas abertas do obradoiro de regueifa do CIOV. / Pablo Hernández Gamarra

Con nova ubicación e nova mestra, o taller que busca animar a cidadanía a coñecer as características deste cantar vencellado á cultura popular galega deu comezo esta mesma semana no Museo Verbum coa poeta viguesa Branca Trigo como docente, quen na xornada de portas abertas convidou á regueifeira Silvia Villar para unha primeira toma de contacto co alumnado.

«A controversia en verso ten a súa orixen naquel pan das vodas, pero unha das alumnas do obradoiro, dun concello do interior da provincia, xa nos contou que na súa zona regueifa era a controversia entre homes e mulleres, que pode facerse individualmente ou en grupo, vemos que tamén había pique entre xéneros, aínda que as mulleres non regueifaban profesionalmente, tan só na cociña ou traballando. Tradicionalmente, a regueifa estaba asociada aos homes», sinalou Branca Trigo, quen á hora de abordar as habilidades necesarias para levar a cabo esta improvisación oral dende cero, afirma que «é posible aprender regueifa con calquera melodía, non só ten que ser música tradicional galega. O obxectivo é cambiar a letra con enxeño e velocidade, e algo moi propio de Galicia é empregar o humor nas letras».

Tamén había pique entre xéneros, aínda que as mulleres non regueifaban profesionalmente

A poeta viguesa indicou que, se ben hai persoas que cren que non son capaces de facer literatura dende cero e botar unhas coplas, o certo é que «unha vez que proban, a xente engánchase» e, neste senso, Branca Trigo apunta que «eu sempre recomendo que se pense no último verso, porque é co que se vai quedar o público. A partir de aí, o truco é rimalo co segundo e os outros dous son un recheo».

A responsable de impartir o novo obradoiro de regueifa en Vigo asegura que calquera persoa pode acudir a estas clases e pon en valor o auxe que está experimentando este cantar grazas a iniciativas como a do CIOV e a talleres que tamén levan estas manifestacións culturais a colexios e escolas infantís, «onde xa existen regueifeiras e regueifeiros nativos».

Hai case 30 anos que nacemos para recuperar estas manifestacións en verso dende Vigo

Pola súa banda, o presidente da Asociación O.R.A.L., Carlos Alonso, explicou que «hai case 30 anos que nacemos para recuperar estas manifestacións en verso dende Vigo. Fixemos un encontro cos regueifeiros de Bergantiños en Valadares e para que non morrera a tradición comezamos a movernos coa xente da música tradicional galega e fixemos talleres informais, ata que logo o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo creou o CIOV e puxo o foco no mundo da oralidade, dividido en dúas liñas: a regueifa, con clases que se imparten durante todo o ano, e os obradoiros de narración oral, con poesía, narración e teatralidade».

Alonso sinala que, no caso do obradoiro de iniciación de regueifa, as clases teñen unha duración de tres horas semanais e celebraranse no Verbum todos os mércores. Así mesmo, o presidente da entidade destaca que son de carácter grauíto e abertos a todo tipo de público e de todas as idades. As persoas interesadas poden inscribirse directamente na páxina web do CIOV.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents