O auténtico selo vigués da fala galega
Malia que é a cidade máis castelanizada de Galicia, o galego non é algo alleo a Vigo e boa mostra é a publicación que vén de lanzar a Universidade na que, grazas ao traballo de Xosé-Henrique Costas, foron compilados máis dun cento de refráns e 400 palabras que definen a propia fala do municipio.
Non se contempla en ningún diccionario de lingua galega e, malia non existir no galego común, para os vigueses e as viguesas ten até cinco significados distintos. O termo pello é unha palabra que outorga un auténtico selo vigués á fala galega da zona, pois «pello é un disco de ferro que se lanza no xogo da chave ou a pedriña que soltas no chan para xogar á mariola, pero pello tamén é unha tesela dun mosaico. Pello é un anaco de louza que se lle rompe a unha tarteira, a unha vasilla... E pello tamén é unha persoa fea. Ademais, ‘ter pello’ é ter sorte. Esta palabra tan nosa non está en ningún diccionario galego».
O catedrático e director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas, explica con este exemplo tan significativo como é unha falacia iso de que «en Vigo non se fala galego», pois malia ser a cidade máis castelanizada da comunidade, non só resulta que o idioma non é algo alleo á cidadanía, senón que foi quen de compilar máis dun cento de refráns e expresións, así como 400 palabras, que definen a propia fala do municipio vigués na publicación que vén de lanzar a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo: A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal.
Estamos recibindo moitísimos correos con novas palabras e expresións
Se ben é certo que non todos os termos recollidos son exclusivos do municipio, si son característicos e existen significados únicos da zona, ao igual que tamén hai palabras que tan só son empregadas en Vigo. Neste senso, Xosé-Henrique Costas fai referencia a vitraseiro, que loxicamente é específica do concello ao estar vencellada ao transporte urbano, pero tamén sinala outras coma bica, pois «cando se popularizou a bica de Valdeorras, lembro que un tío meu de Matamá dicía: ‘Malamente imos comer a nosa, como para comer a doutros’. Porque bica en Vigo é un ratiño pequeno negro».
O catedrático da institución universitaria apunta que «o obxectivo deste libro é que a xente se recoñeza neste falar, que non é peor nin mellor, nin máis correcto ou menos que outro calquera, pero é que en Vigo, a pesar de ser a cidade máis castelanizada de Galicia, aínda somos como mínimo 40.000 falantes habituais de galego. O galego non é algo ausente no concello de Vigo e está vivo».
Neste senso, a mellor constatación non só é que esta publicación pioneira amparada pola Universidade foi posible, senón que, tal e como sinala Costas, «na páxina 49 do libro indicamos que este é un traballo inacabado, unha primeira impresión de como é a fala de Vigo, e que as persoas interesadas poden enviar outras palabras e expresións viguesas que coñezan ou escoitaran a faladoirosgalego@gmail.com, e estamos recibindo moitísimos correos con novas palabras e expresións». Así mesmo, o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, conta que están aparecendo «algunhas divertidísimas. Por exemplo, grazas a que unha muller maior nos comentou que outra tiña ao marido no mar e un ‘calamete’ na Citroën, descubrimos que ‘calamete’ é o que en castelán sería follamigo, porque cala e mete. Esta é unha palabra característica que amosa como se poden evitar castelanismos».
Microzonas dialectais
No marco deste estudo, ademais de expresións curiosas como Mandar Baiona, para referirse a unha casa na que manda a muller e que probablemente ten a súa orixe no municipio veciño porque as mulleres mandaban nos fogares debido a que os homes estaban todos ao mar, ou Plantar un pexegheiro como equivalente a un «simpa» en castelán, Costas tamén recolle as microzonas dialectais presentes dentro do propio Val do Fragoso: «Dentro do galego de Vigo hai dúas zonas diferenciadas, a parte norte e a sur. Hai distintos acentos, distinto léxico e, mentres no norte existe unha gheada forte e un seseo apical, no sur está unha gheada aspirada e un seseo predorsal», explicou o catedrático.
Se ben o libro non pode comercializarse, as persoas interesadas en adquirir un exemplar poden dirixirse á Área de Normalización Lingüística da UVigo para solicitar un. A este respecto, Xosé-Henrique Costas comentou que «esta publicación nace dunha petición que me fixo no seu día a Asociación de Faladoiros de Vigo, para preparar unha charla sobre a fala propia. Logo propuxéronme recollela nunha publicación e foi ofrecida ao Concello, que non quixo colaborar, así que foi levada á Universidade. Penseo que o Concello debería reconsiderar a súa decisión de cara á segunda edición».
Suscríbete para seguir leyendo
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- No era Carlo Costanzia: el miembro de la familia Campos que podría fichar por 'Supervivientes 2025
- Portugal lanza una alerta por lluvia, viento e inundaciones que llega a Galicia
- Retiran la incapacidad absoluta a un operario del Náutico de Vigo con mieloma: «Puede trabajar en ambientes sin contaminación»
- Quitan la indemnización a una mujer que se cayó al salir de un céntrico hotel de Vigo
- Aparece muerto flotando en el muelle de Aldán
- Un buque de Grimaldi pide asistencia entrando en Vigo al quedarse sin motor frente a Monteferro
- Cierra uno de los locales más míticos de Churruca