Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Andrea Vázquez Produtora de Miramemira

“Escollo temas que sinto que teñen que ser contados”

A viguesa que está detrás de “O que arde” ou “O Corno” gaña o premio Chano Piñeiro do Ourense Film Festival

Andrea Vázquez

Andrea Vázquez / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

A sala do instituto Coia II onde o indio adoitaba proxectar documentais da súa materia de Historia chamábase “Chano Piñeiro”. Curiosa, ela buscou quen era ese home. “Un dos meus primeiros momentos de afinidade co cine foi ligado ao seu nome”, lembra. Por iso faille especial ilusión que o primeiro galardón que recibe a nivel individual leve o nome do director de “Sempre Xonxa”. O Ourense Film Festival recoñece con el a figuras do audiovisual que se caracterizan polo afán emprendedor desde Galicia.

–Que supón o premio?

–Faime moitísima ilusión porque é o meu primeiro premio a título persoal; sempre son ás producións e traballos. É diferente. Pos un pouco o foco en ti e é unha excusa para facer balance, que sempre vén ben.

–Por que decide ser produtora?

–Levaba moitos anos no audiovisual, pero dende outro lado. Son historiadora da arte e facía audiovisuais para museos. Óliver Laxe estaba a buscar unha produtora en Galicia e propúxome facer “O que arde”. Contoume a idea e quedei alucinada. Parecíame unha tolemia, pero tiña unha espiña cravada co cine e vin a oportunidade.

–E ,en concreto, que supuxo esa faceta de produtora executiva?

–A produción ten moitísimas ramas. A executiva, en España e Europa, ten un valor máis creativo. Se Oliver é o pai da película, a produtora é a nai. Un di o que e o outro, o como. É unha labor moi creativa e de seguimento desde o xerme. Cando decido meterme nun proxecto, ás veces son simples ideas ou primeiras versións de guións. Estás nalgo desde que nace e rematas cando chega ás salas de cine. Estar nun proxecto de tanto tempo fascíname.

–Como elixe un proxecto? Que ten que ter ese xerme?

–É unha mestura de cousas. Ten que ser un tema que me interesa persoalmente. Non teño unha elección moi de industria. Pode soar un pouco iluso, pero de entrada non vexo tanto os fins económicos. É tanto o esforzo, o risco e o traballo que para min ten que ser algo que me aporte a nivel persoal. Temas que me sensibilizan ou que sinto que teñen que ser contados. Logo hai un tema de talento, que os directores sexan xente afín e que os traballos anteriores me gusten. E, logo, teño que ver que sexan viables.

–E parece que deu coa clave. Chegaron ao gran público, con proxectos de autor, en galego, con actores non profesionais. Cal é o secreto?

–Hai unha parte de intuición, pero logo é traballalo moitísimo. Cada cousa que vemos na pantalla está superpensada, superdecidida, supersentida. É facer as cousas a lume lento. As producións rápidas e economicamente viables por outros factores non dan os mesmos resultados que cando pos o corazón e o tempo que precisa.

–Estreouse en cine coa produción galega máis grande da historia, “O que arde”, e coa seguinte recolleron a Concha de Oro, “O Corno”. Cal é o reto agora?

–Non me vexo como unha produtora que queira ter todos os premios ou chegar a todos os festivais. O reto é seguir aí e facer películas que teñen que ser contadas e que chegen ao público. Iso é o importante. Poñerse ambicioso pode romper a naturalidade de que as cousas funcionen.

–Como ve o cine galego? Está nun momento de esplendor?

–Agora non é que sexa un momento especial, senón a consecuencia natural de moitos anos de traballo. Hai unha industria forte e competitiva a nivel de España. Sempre ten unha película que se mete nun festiva e, fóra, todo o mundo pregunta “¿Cómo lo hacéis?”, porque temos recursos máis pequenos. É froito do traballo de anos.

–Cando veremos “San Simón”?

–No primeiro semestre de 2025.

–Que tal foi a experiencia?

–Moi potente porque estabamos no lugar real do campo de concentración. Había un posicionamento por parte do equipo moi de respecto, de estar no lugar real do feito histórico. Cando traballas en ficción, colocarte nese lugar real é un traballo creativo moi interesante para todos.

–Unha das cousas que resalta o xurado para concederlle este premio é a súa reivindicación de “contornas propias de empresión e debate a prol da igualdade de xénero”. Que cre que aínda se necesita para esa igualdade de xénero?

–Que se acabe normalizando, que sexa común que nos lugares de liderado dos proxectos haxa tanto mulleres coma homes. Que non sexa preciso estar a poñer o foco. Aínda non é así. Hai dous días sairon as películas preseleccionadas [para os Oscar] da Academia de Cine e temos tres títulos dirixidos por homes. Somos a metade do mundo; ten que ser equitativo. Obviamente, son defensora de que os proxectos teñan a calidade e creatividade precisa, pero si temos que ter a conciencia de que nos postos principais estean tamén representadas as mulleres.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents