Entrevista | Nervo Cantante de Rebeliom do Inframundo

“É marabilloso que se traia a xente internacional, pero tamén hai que meter a xente de Vigo a tocar”

O grupo de rap ofrecerá o vindeiro 24 de maio no Festival TerraCeo o seu último concerto na cidade da xira de “Amor ou barbarie”

Os integrantes do grupo de rap Rebeliom do Inframundo.

Os integrantes do grupo de rap Rebeliom do Inframundo. / FdV

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Con voces e letras críticas que parten dunha rabia xusta contra o sistema para crear rap político e consciente, Rebeliom do Inframundo é na actualidade un dos grupos punteiros do panorama do hip hop galego e o vindeiro 24 de maio, no Mar de Vigo, prometen dar “gherra” no Festival TerraCeo.

–En dez días chega o último concerto de Amor ou barbarie en Vigo, que balance facedes da xira?

–O balance é espectacular, sold out nas salas, con recibimentos brutais nos festivais... Estamos nunha nube.

–Este álbum marcou un punto de inflexión para Rebeliom.

–Si, totalmente. É dicir, viñamos xa dos anteriores traballos medrando de forma orgánica, o cal é moi positivo, porque ao final é un medrar real. Xa con Ilegal estabamos notando un pico grande e con Amor ou barbarie xa foi profesionalizarse directamente, tanto coa nosa forma de traballar como á hora de actuar e no equipo, agora estamos cun staff de doce persoas.

–E cun xénero musical non precisamente de masas. Como valorades a escena actual do rap galego?

–A música sempre está en forma, calquera tipo de música. O que acontece é que hai épocas nas que se leva máis o rock, o ska, agora mesmo estamos nun punto no que a música urbana está en auxe. Eu valoro que cada vez está saíndo xente con máis calidade e que o están currando moito. A miña valoración é positiva.

–Cando se anunciou o cartel do TerraCeo, faciades referencia a que vos gustaría ver o espazo cheo porque nunca se conta con bandas como a vosa para este tipo de festivais, que barreiras tedes atopado?

–Moitas veces, gástanse os cartos públicos en traer xente de fóra, pero non en dar cabida á xente de aquí. Debería haber un equilibrio. É marabilloso que traias a Vigo a calquera destes grupos internacionais, pero mete a xente galega ou da cidade a tocar tamén, porque son cartos públicos. É xenial e fundamental que veña xente internacional, pero ese espazo debería compartirse con xente de aquí para darlle máis oportunidade e un premio á súa traxectoria. Para nós, ir ao TerraCeo, onde grupos reivindicativos e leñeiros coma nós non teñen cabida, e tamén sendo de aquí, pois poder ter ese espazo, é brutal.

–Iso contrasta con que o público, cada vez máis, está demandando bandas da terra.

–Efectivamente, non hai máis que ver as salas cheas ou o Revenidas do ano pasado, que tiña un cartel da hostia, con grupos galegos, e foi sold out. Aí está o exemplo de que hai unha escena galega potente.

–Estades de estrea con Contra vento e marea, como naceu a colaboración con Fillas de Cassandra e como foi a experiencia conxunta?

–A acollida está sendo moi chula e, con respecto ao tema, xa levabamos tempo traballando nel, no Revenidas fixerámolo en directo. Cando Fillas sacou o tema de Varre vasoira, eu non as coñecía e ao escoitalas, que isto nos pasou a todas, quedeime... Que é isto? Como mola! María e Sara son de Vigo e sinxelamente foi quedar, falar, e de forma orgánica, que eu sempre fago moito fincapé nisto, porque creo que é moi positivo facer así as cousas, acabamos creando o tema, quedando no estudo con sesións de seis, sete e oito horas que pasaban voando. Estivemos escribindo, rindo e fixemos unha amizade máxica para sempre, de feito, creo que esa simbiose, esa unión e bo rollo están reflectidos no tema.

–Unha canción que ten o valor engadido de fusionar estilos completamente distintos.

–Claro, é que ao final a música son cores. Un cadro non ten por que ir sempre pintado na mesma cor e é xenial mesturalas, porque xorden paisaxes distintas. Estamos moi moi contentos co resultado.

–Volvendo ao TerraCeo, sendo o último concerto da xira que daredes en Vigo, haberá algunha sorpresa especial?

–Intentaremos que haxa sorpresas, pero en canto ás colaboracións, estamos todos a tope e vai ser complicado. Con Fillas, por exemplo, vai ser imposible porque non están aquí. A sorpresa en si vai ser que imos dalo todo e que imos facer o bolo de salas, dúas horas e media dándoo todo. Nós case morreremos, pero imos dar ese concerto. Se estivésemos en mellor forma, por nós os fariamos de sete horas (risas). Vai ser un concerto moi emotivo e enérxico, tennos moi nerviosos, a verdade, porque queremos que saia ben, dalo absolutamente todo e encher ese espazo de luz.

Suscríbete para seguir leyendo