Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manoel da Costa Docente asociado da UVigo

“A narración oral non debería morrer; esta entrega baséase no gusto pola conversa”

O enxeñeiro e mestre da universidade presenta a terceira e última entrega do proxecto literario “Crónicas dun filósofo tabernario”

Manoel da Costa. FdV

Primeiro imaxinou unha taberna, como unha derradeira trincheira da cultura popular na que poder conversar e cantar, e alí un vello mariñeiro relataba as súas desventuras no Gran Sol. Mirequelledigo foi o primeiro libro do proxecto literario Crónicas dun filósofo tabernario, do enxeñeiro eléctrico e profesor asociado do Departamento de Enxeñería Eléctrica de Universidade de Vigo, Manoel da Costa. Continuou despois compilando as historias de Sefa, dos seus amores e desamores, en A taberna do Mincha, e agora vén de presentar a última e terceira entrega daquelas crónicas.

–Escoite e verá pecha un proxecto que deu comezo en 2017 con aquela primeira entrega que transcorría nunha taberna de Bouzas, que novidades atoparán os lectores neste último libro?

–Este terceiro libro pecha unha andaina que comecei sen intención de que se convertera nunha triloxía, pero ás veces este tipo de proxectos medran sós e foi evolucionando co paso do tempo. Así como no primeiro libro non había intención de que me levase a outro, considerei que tiña historias compiladas nos últimos anos que daban para continuar relatando esas crónicas do filósofo tabernario, naquela calella de Bouzas, que mellor non buscar porque non existe, pero que é unha taberna na que non hai televisión, na que podes falar cos demais tranquilamente, na que podes escoitar e non está de fondo a televisión dando a vara.

–Pon o foco entón no poder e no valor da palabra falada.

–Exactamente. Este libro de relatos está baseado no gusto pola conversa, por eses relatos que antes nos contaban as nosas avoas a carón do lume e que tamén nos contan os nosos avós a carón dunha cunca de viño. Ao principio, cando comecei o proxecto literario eran relatos que eu mesmo me inventaba, pero cando publiquei a primeira entrega, os lectores fixéronme chegar as súas propias historias e eu penso que a narración oral non debería morrer, se temos a sorte de que algunas persoas a seguen transmitindo, sería unha mágoa que se perdera. É por isto que, neste novo libro, recollo unha páxina completa de agradecementos ás persoas que me achegaron eses relatos. Nel aparece unha fábula da miña infancia sobre a primeira vez que escoitei falar galego, porque eu son neofalante, practicamente non foi até chegar á mili cando tomei conciencia cara a lingua, aí percateime de verdade da importancia do idioma, que forma parte da nosa identidade cultural; e tamén hai un agradecemento especial a Xavier Moreda, quen me achegou historias do seu avó, que foi fusilado no Castro, e en xeral a todos eses narradores orais que, ben a carón das lareiras ou a través do cinema ou da poesía, son capaces de darnos toda esa memoria que non debería morrer.

–Procura a inspiración para os relatos nas vivencias das persoas da súa contorna?

–Tanto é así, que lle estiven insistindo moito á miña compañeira, Loli, coa que levo máis de 55 anos falando, que todas esas historias que ela tiña na memoria había que poñelas por escrito para non perdelas. É por isto que, nesta nova entrega de Crónicas dun filósofo tabernario, hai moitos contos da avoa Lola, de feito, na ilustración da portada aparece a fachada da súa casa na baixada á estación, esa foi a casiña na que naceu. Este é un dos aspectos máis especiais para min deste libro. Todos teñen algo especial, pero este está marcado porque foi escrito a catro mans e a dúas cabezas, eu achegando a literatura e a miña compañeira as lembranzas.

–Agarda unha boa acollida con esta nova entrega literaria?

–A nosa cultura é unha culturiña, estamos moi reducidos, somos unha cultura moi minorizada. Dalgunha forma, mantense unha especie de “autoodio” que nos fai que, en xeral, todo o de fóra nos pareza mellor que o noso. En xeral, temos poucos lectores, aquí gañan as mulleres por goleada, porque son as que máis libros len, co cal, salvo que teñas un libreiro ou libreira que recomende, o público merca libros de autores coñecidos ou daqueles que son premiados, e eu non son dos que se presentan a premios. Como nesta nova entrega os contos son atemporais, historias que se poden ler en calquera momento, non é algo que me preocupe, xa que poderá ser lido tamén dentro de moitos anos.

Compartir el artículo

stats