Entrevista | Lois Blanco Director de "Síbaris"
“Botamos de menos a Domingo á hora de escoller os sombreiros do protagonista”
Con practicamente as entradas esgotadas, Vigo acolle esta fin de semana a obra de teatro póstuma do autor vigués

Lois Blanco, director da obra de teatro "Síbaris".
Con practicamente todas as entradas esgotadas para as dúas funcións, Vigo acollerá esta fin de semana a estrea de “Síbaris”, o primeiro texto dramatúrxico de Domingo Villar, quen designou a Lois Blanco como director para levalo ás táboas do escenario. Tras ofrecer un pase VIP na Illa de Arousa para uns amigos, Lois Blanco achega as súas sensacións de cara á estrea na cidade natal do escritor, finado en 2022.
–Quedan un par de días para o inicio de xira, como están os nervios?
–Estamos contentos, a verdade. Fixemos o primeiro pase con público onte (polo luns), algo privado para uns amigos que non poden vir esta fin de semana, e aproveitamos para ensaiar detalles. Foi a primeira toma de contacto co público e foi moi divertido, pasámolo moi ben. Temos moitas ganas, esa é a sensación.
–Trátase do primeiro texto teatral de Domingo Villar e a título póstumo; como director, como toma esta responsabilidade?
–Nunca o vin como unha responsabilidade, en realidade. Foi un proceso longo dende que Domingo chamou ao meu pai (Carlos Blanco) e tomamos as decisións en equipo e que eu ía dirixila. O tempo foi máis longo do habitual, primeiro polo COVID e logo pola morte de Domingo, e resultou moi estraño que nun proceso teatral contes co autor nunha primeira metade e o resto teñas que facela sen el. Máis que unha responsabilidade, para min hai un respecto, é un respecto que se vive con cariño porque a parte do principio con Domingo foi moi potente. El estaba aberto a aprender, era moi consciente de que era a primeira obra de teatro que escribía e é algo que se nota, pero entre todos conseguimos facela medrar. Na primeira reunión, na que estivemos Belén Constenla, meu pai, Domingo e máis eu, xa falamos do que se podería mellorar e el xa fixo os cambios. Logo, nós continuamos respectando o que el quería e intentando facer achegas para que funcionara o mellor posible. Creo que o conseguimos.
–E cales foron esas achegas?
–Eu creo que o que se cortou era unha póla que Domingo quería abrir. El ía formar parte do elenco da obra, asumindo o papel de Marcus, o axente literario do protagonista, Víctor Morel. El ía formar parte total do proceso e vivir nos ensaios o que funcionaba ben e o que non, e co esixente e traballador que era, seguro que lle daría voltas para melloralo. Pola nosa banda, adaptamos dous aspectos claves: Domingo escribiu un texto longo e meu pai e máis eu recortamos páxinas, non porque estiveran mal, senón por ritmo escénico. A primeira vez que o lemos, sen música nin acción, fomos a case dúas horas, polo que decidimos sacar fragmentos de texto. E o outro cambio son os detalles, aspectos moi concretos que Domingo pensou na casa, pero que escenicamente sobraban, como por exemplo, algunhas referencias ao público. Son pequenos detalles que consideramos que melloran o que Domingo quería contar, xa que é unha historia divertida e entretida de base. No que máis notamos a súa ausencia foi no tema dos sombreiros. É un rasgo moi importante do personaxe e no texto di: “Moi singulares”. Nós tivemos moito debate con Marta Villar, que foi a escenógrafa, sobre como eran estes sombreiros. No proceso de traballo, botamos moito de menos a Domingo á hora de escollelos e mercamos de todo tipo, temos moitísima variedade e moitos non se van ver. A nivel de trama non tanto, porque estaba todo escrito e tiñamos claro o que el quería, pero no outro punto si pensamos: “Domingo, podías estar para dicirnos como son os sombreiros” (risas). Tería sido máis doado.
–Domingo Villar tiña acostumados aos lectores á novela negra e aquí atopan un texto divertido, cun pouco daquela esencia, pero comedia. Non é un xénero doado.
–Si, nada doado. Hai que ser conscientes de que é unha comedia coa idea de que el escribía de xeito clásico. A min lévame á comedia de finais do século XX, máis que do século XIX. Diría que é unha comedia antiga e nós intentamos, sempre respectando o texto, que fose o máis contemporánea posible.
–Atrévese a aventurar a reacción do público?
–Eu agardo que pase o mesmo que nese primeiro pase privado. Pasóuselles rapidísimo e foi un momento agradable e divertido. Tamén penso que as persoas que lle tiñan cariño a Domingo Villar van descubrir unha faceta súa máis descoñecida.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una profesora es expulsada de un instituto de Vigo por acoso al claustro
- Un vigués gana a su comunidad: le pagan íntegra una nueva galería aunque la deteriorada tenía 30 años
- Uno de los acusados por las coacciones a Jenni Hermoso reconoce que tuvo negocios con Rubiales
- El conductor que arrolló a dos guardias civiles en Vigo casi triplicó la tasa máxima de alcohol
- El conselleiro de Sanidade defiende atender en casa: «Los mayores manejan la app del Sergas que te cagas»
- Dieta cetogénica y cáncer: ¿qué dice la ciencia?
- El truco para ahorrar más de 300 euros al año en la AP-9
- Un amigo de Anabel se sincera acerca de la desconfianza de su entorno sobre David Rodríguez: «Cosas tan horrorosas y feas...»