A mediados do século XIX, a chegada do editor e impresor compostelán Juan Compañel marcou un antes e un despois na cidade de Vigo. Tras situarse á fronte da imprenta da Rúa Real para sacar adiante o xornal ‘La Oliva’ e tomar o pulso cultural da urbe galega, Compañel rematou converténdose no principal editor do Rexurdimento, xogando un papel protagonista no renacer das letras galegas e logrando gran relevancia coa publicación de ‘Cantares Gallegos’, de Rosalía de Castro, en maio de 1863.
O feito de que a cidade olívica, por tradición histórica, mantivera un estreito vínculo coa literatura galega e coa súa resistencia en períodos de escuridade, foi un dos motivos que concluíu en 1950 coa fundación dunha das editoriais máis emblemáticas a nivel autonómico, a Editorial Galaxia, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo e co obxectivo de recuperar o idioma e a cultura propia. Así mesmo, case tres décadas despois, os vigueses puideron ser testemuña do nacemento doutra das grandes firmas no sector, Edicións Xerais, e malia que a lingua galega se atopa en cifras dramáticas en canto a falantes, o certo é que en Vigo seguen agromando novas apostas editoriais que levan a produción propia por bandeira.
O director de Galaxia, Francisco Castro, manifesta que “é moi positivo que o ecosistema editorial vigués e autonómico continúe medrando con novas propostas” e destaca á cidade olívica como capital editora en Galicia. Porén, tanto el como o actual responsable de Edicións Xerais, Fran Alonso, son conscientes de todo o camiño que queda por percorrer aínda, da necesidade de acadar unha maior recepción da literatura galega por parte das lectoras e dos lectores vigueses, así como logar unha maior implicación por parte das administracións no eido cultural, dun maior apoio ás autoras e autores locais e da prioridade de reformular a feira do libro de Vigo.
Con motivo do Día do Libro, FARO vén de reunir a cinco editoriais afincadas na cidade para poñer en valor o seu traballo cotiá e analizar o estado actual do mercado do libro galego.
“A situación do libro e da literatura galega é excepcional, pero o mercado é máis cativo”
Cando a Francisco Castro se lle pregunta se a literatura galega está vivindo na actualidade un momento de esplendor, o director da Editorial Galaxia asegura que “a situación do libro e da literatura galega non é boa, é excepcional, pero o mercado galego cada vez é máis cativo, cada ano custa máis chegar aos niveis de facturación”. A súa reposta dá conta das dúas caras dunha mesma moeda e non dubida á hora de sinalar que a explicación radica “na gran traxedia que está vivindo Galicia, que é a perda do seu idioma” e é contundente afirmando que “un mercado que ten que ver unha lingua en retroceso está abocado á extinción”.
“As editoriais estamos facendo ben o noso traballo, o papel fundamental para reverter a situación é das administracións"
Ante esta realidade constatada por diversas institucións, tales como o INE, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, Francisco Castro reivindica que “as editoriais estamos facendo ben o noso traballo, o papel fundamental para reverter a situación é das administracións e precisamos dunha maior implicación por parte dos medios de comunicación. Non se entende que esteamos perdendo falantes e que non sexa emerxencia política, que non provoque algunha clase de reacción seria por parte dos que gobernan. É descorazonador”.
A cara amable para o responsable de Galaxia é que “os dous últimos premios nacionais de narrativa en toda España foron Marilar Aleixandre e Xesús Fraga, con dous libros da Editorial Galaxia, temos máis do dobre de premios nacionais que a literatura catalá, temos traducións a moitísimas linguas e recoñecementos internacionais, e tecnicamente as nosas traducións non teñen que envexar nada a outros países”.
Foi no 2016 cando Francisco Castro tomou o temón da editorial e destes sete anos ao mando destaca a inclusión de novas voces femininas, así como a apertura de novas seccións como a de memoria histórica ou a de ensaios feministas. Castro conclúe sinalando que “non somos unha editorial estritamente comercial, non pertencemos a un gran grupo, somos unha editorial galega que só responde ao servizo de Galicia”.
“Traballamos cos valores da economía social e a ecoedición é o noso obxectivo”
Ecoloxía, consumo responsable, economía social, dereitos humanos e crianza e educación alternativas son os cinco eixes que vertebran os títulos que, dende o ano 2016, Catro Ventos Editora vén lanzando ao mercado do libro galego. O seu catálogo acada hoxe 36 obras traducidas e de produción propia e, malia que tenden á publicación de ensaios, o seu responsable, Isidro Dozo, afirma que “estamos abertos a calquera xénero que xire arredor dos nosos valores”.
Dentro da filosofía da economía social, esta editorial naceu na cidade de Vigo partindo da premisa de que non atopaban nas librarías obras que se axustaran aos seus principios, de maneira que emprenderon a aventura de apostar pola especialización. Neste senso, Isidro Dozo comenta que “este era un xeito de diferenciarse. Dentro do noso catálogo temos obras que convidan á reflexión, como ensaios feministas e anticapitalistas, até outros que funcionan como manuais de consulta como poden ser os títulos de Limpeza creativa ou Podas e inxertos, que tiveron moi boa acollida entre os lectores e as lectoras. Nós botabamos de menos este tipo de publicacións en Galicia e había que acudir a outros mercados para atopalas. Non tiña sentido”.
Outro dos aspectos que destaca o responsable de Catro Ventos Editora é que, á hora de levar a cabo a produción dos libros, “traballamos cos valores da economía social e ecoedición é o noso obxectivo”. Así, Isidro Dozo fai referencia a que os criterios que o equipo da editorial valora á hora de levar a cabo as publicacións, tamén os aplican no cotiá, de maneira que a impresión a realizan a tres quilómetros da súa sede, situada nun espazo colaborativo, e a distribuidora está tan só a cinco; ademais de xerar un impacto económico positivo na cidade apostando pola produción local, tamén procuran axustar as tiradas para reducir a pegada ecolóxica.
Respecto ao mercado actual do sector, Dozo sinala que “hai unha fragmentación froito da especialización e cantas máis editoras, mellor, pero a política lingüística ten que mudar de rumbo e hai que incluír o idioma nos eidos de socialización”.
“Un reto pendente é visibilizar o libro galego nas librarías”
Coincide co director da Editorial Galaxia en que o libro galego goza, a día de hoxe, dun excelente estado de saúde, tanto pola produción literaria como pola calidade da mesma, e tal e como apunta, “os premios acadados así o demostran. Temos unha literatura moi potente, capaz de conseguir os premios máis prestixiosos”. Porén, o director de Edicións Xerais, Fran Alonso, asegura que “cada vez temos máis dificultades no momento da visibilización. Vivimos nun mundo onde a competitividade é moi forte e un reto pendente é visibilizar o libro galego nas librarías, especialmente ese libro medio”, ao que engade: “Isto está moi vencellado á situación do noso idioma e da aposta pola cultura propia, son factores que están indirectamente relacionados e que teñen unha capacidade de influencia moi grande”.
“Estamos publicando moita máis poesía que hai cinco anos, hai un auxe relevante e debemos centrarnos tamén nela”
En contraposición á perda de falantes, o responsable de Xerais analiza que no eido literario existen nichos como o do libro infantil e xuvenil ou a poesía que están experimentando un auxe importante. Alonso destaca que “repasando a concesión dos Premios Lazarillo dos últimos 20 anos, dez eran en lingua galega, cifra asombrosa tendo en conta que concorren orixinais en catalán, euskera e castelán”. Asemade, no eido poético, o director de Xerais indica que, “estamos publicando moita máis poesía que hai cinco anos, hai un auxe relevante e debemos centrarnos tamén nela”.
Coa mirada posta no futuro, para Xerais continúa sendo prioritario artellar un tecido literario e cultural “forte” e, a este respecto, Fran Alonso entende que hai que “continuar elaborando un catálogo editorial cunha oferta ampla e potente. A nosa posición líder no mercado é algo que nos avala e que nos leva a seguir apostando pola cultura galega, procurando conectar co público e tamén levando a cabo a publicación de libros de divulgación”.
O director de Edicións Xerais valora de xeito moi positivo a creación de novas firmas no mercado, xa que considera “moi necesario que haxa unha industria editorial consolidada que teña forza para facer da cultura galega algo recoñecido e recoñecible, así que benvidas sexan as editoriais que cheguen! Necesitamos reforzos para crear unha infraestrutura sólida no mundo do libro galego”.
“Exportamos a nosa cultura dende Galicia para o mundo”
A andaina de Cumio Editora no sector ten acadados xa os 35 anos de experiencia, pero tras unha paréntese da actividade durante un tempo, a editorial rexurdiu da man de Víctor Mascato e a súa irmá Marisol cunha clara misión: “A edición dende Galicia para o mundo”. Os ventos de cambio levaron á firma a bagaxe do propio Víctor no eido da literatura infantil e xuvenil e, como consecuencia, a especialización da editorial neste eido, o que dende a súa perspectiva constituíu todo “un acerto”, xa que tal e como asegura “estamos detectando que está funcionando ben”.
Neste senso, a aposta da dirección desta editorial viguesa pasa pola proxección das obras propias a nivel internacional e Víctor Mascato fai especial fincapé en que “eu sempre tiven a visión de que as nosas edicións deben ser atractivas para que sexan consumidas fóra. Nós exportamos a nosa cultura dende Galicia para o mundo, porque moitas das nosas producións locais xa as estamos vendendo en Holanda, Polonia, Turquía, Corea, Portugal... Cada vez máis vivimos nun mercado globalizado e penso que esta é unha oportunidade para levar fóra a cultura galega”.
Botando unha ollada cara dentro, proxectos que espertan fóra o interese pasan máis inadvertidos na “casa”. Así, Víctor Mascato apunta que “a primeira opción para os lectores nunha libraría galega segue sendo o castelán, creo lembrar que tan só un 3% consome en galego e ese é un dato catastrófico. Por outra banda, seguimos tendo un baixo nivel de concentración de volume editorial en comparación con outros mercados, cantas máis se animen, mellor e, dentro das estreitas marxes que dispoñemos, o camiño pasa pola especialización”.
“Apostamos polo audiolibro e o dixital para diferenciarnos”
Non son unha editorial tradicional nin tampouco o pretenden. Silvia Penas e Samuel Merino están estreitamente vencellados á poesía escénica e, no marco das súas respectivas traxectorias profesionais, barallaron a posibilidade de artellar unha editorial de maneira conxunta coa que levar poemarios a formato audiolibro e tamén ofrecer un soporte dixital, posto que a nivel autonómico, eles mesmos como profesionais do verso non atopaban demasiadas opcións. E así foi como naceu o ano pasado Ruín Alteredicións, unha editorial independente con selo vigués.
Samuel Merino indica que “apostamos por ofrecer o formato audiolibro e dixital para procurar a diferenciación, porque nós botabamos en falta a especialización completa no eido dixital”. Se ben o primeiro traballo desta editorial alternativa si foi publicado en papel ao tratarse dun proxecto colaborativo coa protectora de animais Os Biosbardos, Merino explica que “foi algo excepcional porque queriamos apoiar a causa, pero non vai ser a liña da editorial. O obxectivo é traballar con calma, con proxectos que nos interesen e nos que nos apeteza implicarnos. Tamén contemplamos un formato colaborativo, de maneira que se un autor ou autora ten libro en papel, poida recurrir a nós para gravar o audiolibro”.
Á hora de analizar o sector editorial galego, Samuel Merino pensa que “está dándose unha aposta forte por voces novas, especialmente na poesía, que coido que está tendo un rexurdimento moi potente. E, por outra banda, tamén están xordendo propostas interesantes na cidade por parte de xente moi noviña, como pode ser Edicións Malafera”.