Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vigueses distinguidos
Ana Ulla Astrofísica, profesora de Bioloxía na Uvigo e Viguesa Distinguida

“No campo da ciencia hai que formarse fóra pero pódese volver, aquí hai oportunidades”

“Tardarase máis ou menos, pero se se fixa unha meta sempre se chega”, puntualiza a investigadora, divulgadora e docente viguesa

A astrofísica Ana Ulla. FdV

A investigadora Ana Ulla, unha “gran científica viguesa”, en palabras do alcalde, Abel Caballero, foi a primera catedrática de Astrofísica da Universidade de Vigo, onde é profesora de Física na Facultade de Bioloxía. Indaga arredor do espazo profundo e dos exoplanetas e ocupou postos de investigación e docencia en Noruega e Madrid e na Axencia Estatal Europea ou o Instituto Niels Bohr de Copenhague. Agora, súmame a esta gran traxectoria o recoñecemento como viguesa distinguida.

–Como recibiu este galardón? Non sempre se espera pero si se agradece.

–Pois si, non se espera pero agradécese moitísimo. Cando me chamou o alcalde pensei que sería para ser o tribunal na toma de decisións, non sei, pero non se me pasaba pola cabeza que me nomeasen a min.Inda estou aterrizando coa noticia. Paréceme un recoñecemento moi grande.

–Trátase dun recoñecemento a toda una traxectoria profesional; o apoio de toda unha cidade ao seu traballo.

–Claro. Eu creo que ten moitísimo valor por moitos motivos. Por un lado a astrofísica é moi minoritaria e chegamos ata aquí despois de 30 anos de carreira e tamén e verdade que me atopo nun entorno moi favorable; cunha gran Universidade detrás pero que á cidade lle pareza ben apostar por esta carreira, que non é a que máis cursan os estudiantes, é un orgullo. Neste cúmulo de anos hai unha parte de investigación, docencia e outra de divulgación e si que é verdade que a todos os profesionais nos importa moito a transmisión de coñecemento á sociedade, por que se lanzan misións ó espazo, que a xente saiba que se está a facer, como se avanza case día a día... Non podemos esquecer que estes galardóns teñen o compoñente de axudar a continuar visibilizando esta labor.

–Precisamente comparte este galardón con, entre outros moitos, a catedrática en Inmunoloxía África González. É unha clara aposta pola ciencia.

–Efectivamente, é que se fan moitísimas máis cousas do que nós mesmas sabemos. Hai moitísimas liñas de investigación. No caso de África non me estraña nada, trátase dun referente mundial no seu campo. E tamén tocaba que sexamos dúas mulleres as científicas. Como ven sabemos, as carreiras científicas requiren dun gran traballo detrás, de vocación, pero tamén de xente nova. Igual pensan que non vai haber oportunidades, necesariamente hai que marchar fóra..., hai que formarse fóra pero só por un tempo, é así, pódese volver, eu son o exemplo. Estou na cidade onde nacín.

–Que a moveu a regresar?

–Motivos persoais, quería estar coa miña familia e porque me parecía unha oportunidade. Non había moito cando cheguei, pero xa viña á Universidade de Vigo como profesora titular. No meu departamento teño que destacar a Minia Manteiga, a primeira catedrática de astrofísica en Galicia, que creou un grupo mixto impresionante na Coruña e eu colaboro con ela encantada. Claro que hai que tender a facer grupos grandes e fortes, pero a día de hoxe as ubicacións físicas non son tan relevantes porque se pode participar en proxectos multidisciplinares moi internacionais e viáxase de cando en vez, pero temos a tecnoloxía para as comunicacións.

–Un reflexo de que hai oportunidades aquí.

–Sempre hai oportunidades. Non saen prazas todos os anos pero o que lle digo sempre aos meus estudantes, tardarase máis ou menos, pero se se fixa unha meta sempre se chega, ou a algo que polo menos nos sirva.

Compartir el artículo

stats