Entrevista | Paz Filgueira Ex-xuíza de Violencia sobra a Muller de Vigo e maxistrada de Primeira Instancia en Santiago

“Os erros técnicos que se están vendo da lei do ‘solo sí es sí’ eran previsibles”

Recibe mañá o Premio de Igualdade Ernestina Otero: “Dedícollelo a todas as mulleres”

Paz Filgueira nos xulgados de Santiago de Compostela.

Paz Filgueira nos xulgados de Santiago de Compostela. / Xoán Álvarez

Cunha dedicatoria xeral a todas as mulleres e agradecementos á cidade de Vigo: especialmente, ás institucións e aos medios de comunicación. Así comeza a conversa con Paz Filgueira, distinguida polo Consello Municipal da Muller co XI Premio de Igualdade Ernestina Otero, que recolle mañá, “10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega”, como ela mesma destaca: “Nese grupo tamén estamos nós, as mulleres”. Atende a chamada desde os xulgados de Santiago de Compostela, onde foi destinada despois de estar na urbe olívica para ocupar a praza de Primeira Instancia número 1.

–Que supón para vostede recibir este premio en Vigo?

–É relevante que se lembren de min neste momento, cando xa non estou en Vigo. É un especial recoñecemento á labor que realicei na cidade durante case nove anos como maxistrada dun xulgado de Violencia exclusivo sobre a muller: fun a primeira muller en Galicia en facelo.

–Como foi a súa experiencia en Vigo neses case nove anos?

–O partido xudicial de Vigo é o que ten máis poboación de Galicia, é moi importante. Estar á fronte dun xulgado de Violencia sobre a Muller de recente creación nese momento era un reto moi importante. Empecei en 2011 e a normativa estaba moi verde. Foi, quizais, o gran destino da miña carreira profesional. Vigo acolleume moi ben, é unha cidade cun activismo social e feminista moi importante. Houbo varios asasinatos, moitas tentativas, violencia sexual… Agradezo á cidade este recoñecemento, que se lembre de min estando en Santiago.

–Son efectivas as campañas públicas para loitar contra a violencia machista?

–Boto de menos que estean dirixidas tamén aos homes. Diríxense sempre ás mulleres coma se tivésemos unicamente nós a responsabilidade de alcanzar unha sociedade igualitaria, algo que penso que é posible. A eles tamén lles ten que interesar a igualdade e a loita contra a violencia machista.

–Hai xeito de mellorar o cumprimento das ordes de afastamento?

–En máis do 80% dos casos que levei en Vigo, houbo cumprimento tanto en orde de protección como en condena. Avogo por que se especialicen os xulgados de violencia en toda España, como indica o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, posto que garante a atención á vítima e aos menores. Agora, só hai dous exclusivos en Galicia: Vigo e A Coruña. Os restantes son de competencias compartidas, polo que é moi difícil establecer un criterio.

–Que medidas se toman para que a vítima non se atope co agresor á hora de declarar?

–Cando empecei nos xulgados de Vigo, non tiñamos nin un triste biombo, algo imprescindible, posto que nas vistas civís igual tiñan que estar na mesma sala o agresor e a vítima. Tardaron nove meses en traer o biombo. O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero require que as vítimas teñen que estar nunha sala aparte con garantías para que non se crucen cos agresores nin elas nin os menores. As vítimas tamén poden estar acompañadas e hai un sistema de videoconferencia para declarar.

–Se a vítima chega soa, hai opción de que algunha persoa do xulgado poida acompañala?

–Hai unha gran diferencia entre a zona urbana e a rural que debe ser erradicada. Non hai vítimas de primeira categoría e vítimas de segunda, os medios teñen que estar a disposición de todas. Só nas sete grandes cidades de Galicia existe a posibilidade de acompañamento por parte dunha unidade de atención á vítima. En concellos como Vigo, tamén está a Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, que realiza acompañamentos.

–Están suficientemente protexidos os menores con violencia de xénero no seu ámbito familiar?

–Necesítanse máis medios materiais e persoais e máis tempo para dedicar aos menores, tamén máis concienciación e máis xulgados e fiscalías especializadas. Desde o meu punto de vista, non están suficientemente protexidos.

–Que pensa dos puntos de encontro nos que as nais deixan aos seus fillos cos agresores delas?

–Son unha ferramenta moi valiosa para que os xulgados poidan facer un seguimento dos casos. Habería que ampliar os horarios e as posibilidades de protección.

–Cre que faltou perspectiva de xénero na aplicación da lei do “solo sí es sí”?

–A lei leva poucos meses en vigor. Os erros técnicos que se están amosando eran previsibles. A maioría das sentencias tampouco están levando consigo unha redución das condenas. O certo é que é obrigatorio aplicar a perspectiva de xénero en todo, segundo o Convenio de Estambul.

–É necesario cambiala?

–Entregouse esta semana a proposta… O que está claro é que non podemos volver á lei anterior. Non podemos permitir que as penas de agresión sexual con penetración unicamente poidan estar penalizadas se concorren violencia ou intimidación se demostre ou non se demostre. Hai feitos moi graves nos que non concorren ou non se poden acreditar, como nas submisións químicas ou con substancias naturais.

–Que barreiras atopou na súa traxectoria profesional?

–A discriminación por razón de sexo aínda continúa. Empecei hai 22 anos, era moi noviña. Teño anécdotas dos comezos. Intentaba levar traxes para parecer máis maior. A policía xudicial comentábanlle aos funcionarios que estaban esperando pola xuíza, que era eu, e lle dicían que xa pasara cinco veces. Sempre foi con respecto. Falar en galego tamén me facía diferente. Hai moitas trabas. Hai moitos estereotipos moi marcados. Hai un imaxinario social sobre como debe ser un xuíz que se vai erradicando porque a carreira xudicial xa é maioritariamente de mulleres, tamén a fiscal.

–Pero esta presenza feminina non se percibe tanto nos altos cargos.

–Absolutamente. Están ocupados por homes. É cuestión de tempo e referentes, cada vez hai máis.

–Como se pode combater a violencia de xénero desde a infancia?

–Con labores de información sobre violencia sexual. Hai axentes socializadores moi importantes, como os medios de comunicación, os deportes, os centros de ensino ou os domicilios. Hai que comezar con este traballo aos 3 ou 4 anos de idade como mínimo, cando os nenos xa poden entender perfectamente que o meu corpo é meu.

Suscríbete para seguir leyendo