Antonio Rifón Sánchez dixo onte adeus; despois de case dous anos loitando exemplar, tenazmente, contra a enfermidade, baixou os brazos e deixou de sufrir. Mestre de moitas xeracións de estudantes na Facultade de Filoloxía e Tradución, colega benquerido no centro e académico moi recoñecido na súa especialidade (morfoloxía do español) incorpourose á Universidade de Vigo na primavera de 1995. Medrou aquí persoal e académicamente, e hoxe, o claustro do seu centro chora a súa viaxe definitiva, comezada moito tempo antes do debido.

Titular de lingua española, dirixiu o departamento do mesmo nome e foi investigador principal de varios proxectos de investigación, coordinador do grupo de investigacion GRADES e do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Foi tamén un dos almus pater do novo grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española. Participou en multiples comisións e en todas as encomendas que dende o decanato da Facultade lle foron asignadas, sempre con verdadeiro e exemplar sentido de servidor público. Da súa man naceu tamén en 1998 unha revista especializada, Hesperia. Anuario de Filología Hispánica, hoxe referente neste eido.

Discreto ata o extremo, pouco dado á vanagloria, é exemplo do moito que tería que aprender a Academia de académicos coma el. Colaborou sempre para que as cousas foran mellor de como lle chegaron a él; sempre cun sorriso, a mellor disposición e moito traballo ás costas. Moi esixente co seu traballo, as veces facíamos brincadeira co tempo que tardaba en reunir os materiais para redactar un artigo; o resultado era sempre impecable. Culto, leitor, amigo dos seus amigos, tiña sempre tempo para explicar unha cousa, por pequena que fora, ao seu alumnado. Inquedo, curioso e estudoso de todo, chegou a completar unha segunda licenciatura (filosofía) e a expresarse con certa "dignidade" en ruso. E con retranca, sempre con moita retranca e ironía.

No complicado mundo da Universidade non abundan as persoas que son quen de unir, de aunar, de xerar consenso e buscar o ben común. Antón era unha destas persoas. A Facultade vai botarlle moito de menos. Telo como amigo foi unha beizón, compartir claustro, un privilexio.

Hoxe, cando nos reunimos todos os membros do claustro de Filoloxía e Tradución para despedirlle en Pereiró, quero lembrar a Carmen e Bruno, con quen tanto compartimos, académica e non académicamente. Antón -así lle chamamos sempre-, Antón marido, Antón pai, Antón colega. Ata sempre.

*José Montero Reguera é decano da Facultade de Filoloxía e Tradución