Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha voda galega... pero con tradutor

Unha parella terá que contar cun intérprete de galego para casar polo Rexistro Civil de Vigo ao negarse a maxistrada a celebrala neste idioma

Imaxe de arquivo dunha voda civil. Maite Cruz

Cando Xesús Manuel da Torre e a súa namorada acudiron ao Rexistro Civil de Vigo para fixar a data da súa voda e solicitar que o seu enlace fose oficiado en galego non imaxinaban que toparían cunha sorpresa “tan desagradábel”, pois “a única” opción que teñen para que sexa no idioma que eles queren será a través dun intérprete que efectuará a tradución simultánea mentres a maxistrada responsable da cerimonia procederá a dar lectura dos artigos correspondentes en castelán.

A parella, que non daba crédito ante a dita situación, non o dubidou un intre e púxose en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística para dar conta do acontecido, solicitar asesoramento e, por suposto, denunciar os feitos ao considerar que non estaban tendo “os mesmos dereitos que unha persoa que queira casar en castelán”, indica o afectado.

Neste senso, Xesús Manuel da Torre sinala que “o casamento civil tan só consiste en ler tres artigos do Código Civil, algo que mesmo a propia maxistrada podería ler, mais a única opción que nos dá é a de poñer a un intérprete que traducirá eses artigos simultaneamente ao galego”. Xesús considera que “o que queda claro é que os falantes de galego non temos os mesmos dereitos civís que os falantes de castelán, porque ti podes casar en galego no Concello ou nunha notaría, mais no Rexistro Civil tes que levar un intérprete... isto só significa que España non é unha democracia plena e eu sabía que había discriminación lingüística, pero non que chegara a este extremo”.

Tras poñerse en contacto coa Mesa, o servizo xurídico comunicoulle que “legalmente, poden negarse, e teñen toda a xurisprudencia da súa parte, mais se houbera vontade, podería oficiarse en galego. Que sexa legal non quita que sexa inxusto a un tempo”, explica Xesús Manuel. Pola súa banda, dende a Mesa pola Normalización Lingüística criticaron a "estranxeirización da lingua propia de Galiza por parte das administracións públicas" e a vicepresidenta da organización, Elsa Quintas, lembrou que "unha vez máis , a cidadanía galega ve vulnerados os seus dereitos lingüísticos por parte dos que están chamados a defendelos, sendo forzada a elixir entre a súa lingua e a celebración dunha voda civil normal, como a de calquera cidadán castelán falante".

Tras facer a denuncia publicamente, Xesús Manuel da Torre e a súa futura muller tan só queren que chegue a xornada do seu enlace, que terá lugar o vindeiro mes, para gozar dunha cerimonia íntima, a festa posterior e a lúa de mel que pasaran en Portugal degustando "as natas e o bacallau" tradicionais.

Compartir el artículo

stats