A Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra arrancou esta semana o novo curso cunha oferta de clases completamente gratuítas para nenos e nenas a partir dos seis anos nas modalidades de gaita, pandeireta e tambor. As aulas impártense no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Dende este luns, o prazo de matrícula para comezar a formarse nestes tres instrumentos xa está en marcha, así como o das outras materias tradicionais que se imparten: Zanfona, Canto tradicional, Corda pulsada, Acordeón e Música e Movemento, todas elas sen límites de idade.

As persoas interesadas en calquera destas clases pode atopar toda a información ao respecto e formalizar a súa inscrición a través da web www.escoladegaitas.es o chamando ao 986487020. O proxecto formativo da Escola de Gaitas está dirixido a todo tipo de público e se imparte fisicamente nas instalacións do Ifevi.

Tras comezar a súa andaina no 2005, pola Escola de Gaitas pasaron xa uns 5.000 alumnos e alumnas e, na actualidade, centra toda a súa actividade nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo. Xestiona, ademais, a Escola de Gaitas do Concello de Fornelos de Montes.