...    
Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvador Sobral e Abe rÁbade | Cantante e Pianista

“Que as institucións dean as costas á relación de Galicia con Portugal é unha estupidez”

“A música ‘mainstreem’ é un mundo de fume e luces cada vez máis narcóticas. Unha ilusión inmaterial. Deberamos facer prevalecer o artístico”

O pianista Abe Rábade e o cantante Salvador Sobral

Uns días antes da gala aRi[t]mar de 2018, onde ían tocar xuntos por primeira vez, o pianista Abe Rábade (Compostela, 1977) e o cantante Salvador Sobral (Lisboa, 1989) camiñaban pola emblemática praza da Quintana en Compostela. Rábade contoulle o que alí ía facer cos seis poemas galegos de Feredico García Lorca e Sobral case que se convidou a participar. “A ver quen lle ía dicir que non a un músico como el”, lembra con retranca o pianista. Comezaba entón unha prolífica relación artística que hoxe poderá desfrutarse ás 21.00 horas nun dos derradeiros concertos do verán do festival TerraCeo no Auditorio Mar de Vigo.

–Como naceu a vosa conexión profesional?

–Abe: Dende que coñezo a Salva teñen acontecido cousas interesantes e de xeito paulatino. As relacións artísticas que perduran adoitan medrar así, a modo. Pero é certo que teñen puntos de inflexión. Un dos nosos foi que, cando Salva ía gravar o seu disco novo, o seu pianista lesionouse de forma abrupta. Chamoume como a unha semana de meterse no estudio. Aquilo afianzou a nosa relación artística. Eu díxenlle que si nun momento que, se o chego a pensar ben, diríalle que non (ri). Pero foi bonito baixarme a Lisboa e nunha semana aprenderme catorce temas e condensar coa banda nese tempo o traballo dun ano.

–Como abordaron a construción do repertorio común?

–A: Pois é un repertorio que se foi consolidando a lume lento. Salva está sempre moi interesado nos idiomas minoritarios. Abonda con que haxa unha canción en galego para que a el tamén lle resulte atractivo e interesante facela. Como o Alalá das mariñas.

–Salvador: Si, haberá cancións galegas que me aprendeu Abe, algún bolero, cousas orixinais miñas e tamén del. Aínda estamos concretando.

–E como foron eses primeiros ensaios conxuntos? Que sensacións había?

–A: A primeira vez que ensaiamos xuntos coido que foi pouco antes do festival aRi[t]mar. Fluíu todo moi ben. Salva é un músico cunha formación moi sólida que estudou moito e sabe moitísimos estándars de jazz.

–S: Os dous vimos do mundo do jazz, de moita liberdade. Entón é doado conectar con ese espírito de improvisación.

–A quen non os coñeza a fondo pode soarlle estraña esta combinación dun músico mundialmente coñecido por Eurovisión e a eminencia do jazz en Galicia. Rachan cos estereotipos.

–A: O mundo musical mainstreem é un mundo musical de fume e ignorancia. Un fume de luces de cores cada vez máis chamativas e narcóticas. Pero, ao final, todo iso acaba por ser un ilusión tremendamente inmaterial. É evidentemente que todos temos que sortear estes tempos tan gaseosos. Deberamos facer prevalecer o artístico.

–Vin que o poeta Fernando Pessoa é un dos nexos de unión que tendes. Hai outras referencias artísticas que compartades?

–A: Hai moitas, si. Xa que falas de poesía, hai unha peza que imos tocar mañá que está feita a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro que se chama Eu en ti. E unha peza que escribín na época que coñecín a Salva e foi a primeira peza que pensei como repertorio cando me propuxeron facer a gala do aRi[t]mar con el. Está escrita na maneira na que eu vin que era a súa sensibilidade. Este poema de Celso Emilio é un dos poemas máis bonitos que coñezo.

–S: Abe é un intelectual que gosta das grandes lecturas, tamén das clásicas. Eu son un pouco máis moderno, aínda que, pensando ben, a el gústalle tamén isto, é un intelectual curioso. A ese nivel conectamos tamén. Abe é un existencialista que sempre está a preguntarse sobre a vida e o amor. El fala moito e eu escoito moito e tamén conectamos por aí.

–Polo que lles puiden ver, ambos gostan da experimentación.

–A: Deixamos unha parte importante do concerto para a espontaneidade, para o que poda xurdir no momento sen estar atado. Iso é moi importante.Isto marca a diferencia del como músico. Sempre hai lugar para a sorpresa, o repertorio nunca esta pechado. Hai solos e os temas nunca acaban igual.

–S: Totalmente. Imos deixar ese espazo para que todo poda pasar. Non hai regras. Algunhas estruturas pero moita improvisación.

–Son un exemplo de vinculación orgánica Galicia-Portugal. Como valoran isto no mundo da arte? Está suficientemente explotada esta potencialidade?

–A: Hai unha asociación galego-portuguesa que para min é o exemplo disto, O Eixo do Jazz. Pretende un vencellamento artístico entre os dous territorios. Algo moi natural xeograficamente. Pero, por unha cuestión política, isto está freado. Que as institucións dean as costas á relación de Galicia con Portugal é unha soberana estupidez. Os artistas penso que son os pioneiros neste avance no futuro. Cando quen instauran a lei se decaten desta potencialidade, institucionalizarana. Aínda que aí tamén chegan novos problemas coas canonizacións.

–S: Queda moito por facer. Eu entendo España como un contedor de moitos países e desfruto de explorar cada unha desas culturas.

Compartir el artículo

stats