O luns, 8 de agosto, deixounos o compañeiro Waldino, parte da historia do movemento obreiro do noso país. Nado en Teis, no seo dunha familia de esquerdas de toda a vida, en 1930, era fillo de Elodia Martínez Montenegro, traballadora da conserva, e Santos Varela Gómez, natural de Lugo, patrón de costa —e o único que estaba no sindicato de mariñeiros, gustaba de remarcar.

En 1942 comezou a montar instalacións cun tío seu, Germán ‘Marconi’ Montenegro. A súa relación ía máis aló do traballo: seu tío era un anarquista que pisara o cárcere e con el oía a BBC para seguir a II Guerra Mundial. Tamén sintonizaban Radio Moscova Internacional e Radio Pirenaica. Completaba a información coas revistas con fotografías a cor que lles facilitaba o cónsul de Cuba en Vigo.

Aos 14 anos, en 1944, Waldino comezou a traballar en Vulcano como aprendiz. Alí facía dez horas diarias por 3,5 pesetas e a xornada incluía o ‘sábado inglés’ e determinados festivos.

As súas ideas progresistas levárono a loitar por mellorar as condicións: aos catro anos xa conseguiran un aumento salarial e situar algún compañeiro de esquerdas como representante. En 1954 logrou facer unha lista para o xurado de empresa. Dous anos despois, conseguiríanse primas por traballo, melloras en seguridade... E xa se estableceran os xermolos das Comisións Obreiras.

Foi nesta época cando uniu a súa vida a Julia Domínguez —xa falecida—, con quen formou unha familia e compartiu loita sindical en CCOO. Froito do enlace naceron Julia —tamén finada— e Waldino, a quen seguirían catro netos.

De volta ao sindical, Vulcano foi a primeira empresa en parar na folga de 1962. Como represalia, houbo despedimentos e desmantelouse o movemento obreiro, que se conseguiría recompoñer máis tarde para esixir melloras que hoxe nos parecen tan elementais, como contar cun fondo social para pagar os salarios durante as baixas, pois ata o momento o que se facía era xuntar diñeiro entre os compañeiros.

Así chegamos a 1972, o ano en que o movemento obreiro lle comezou a facer fincar os xeonllos á ditadura. Waldino dicía que o que aconteceu aquel ano fora algo anormal, pero que viña dado por unha necesidade social e por unha sensibilidade especial, e iso non é doado de explicar.

Waldino era unha persoa de memoria prodixiosa e de fonda retranca. E falar del é falar dun compañeiro que tivo un compromiso social e político constante. El tiña claro que a clase obreira precisaba estar organizada para defender os seus intereses, e para iso tiñan que militar nunha organización sindical de clase. Por iso, o seu compromiso sempre foi coas Comisións Obreiras, que amais de loitarmos polos dereitos laborais, loitamos por unha sociedade máis igualitaria e libre.

Waldino levaba moito tempo a traballar connosco para conmemorar o 50.º aniversario da folga xeral de Vigo de 1972. Foi, de feito, o primeiro asinante do manifesto en que lle pedíamos ao Concello un emprazamento público que lembre os acontecementos daquel ano, que representaron un antes e un despois no devir histórico da nosa cidade.

Querido e estimado compañeiro Waldino, que a terra che sexa leve. 

* Secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo