Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rubén Alonso Voz y guitarra de Xhamain

"Encantaríanos ser as Tanxugueiras do metal"

A banda viguesa, que mestura sons extremos coa musical tradicional galega, vén de participar no curso de emprendemento musical do Vigosónico

A formación de Xhamain, nunha imaxe promocional Emi Ramírez

Non é Xhamain un proxecto froito dunha moda —o xermolo remóntase a finais de 2014—, pero están dispostos a surfear a onda xerada polo terremoto das Tanxugueiras, coa súa aposta por introducir elementos da tradición galega en contextos en principio alleos, neste caso o metal gótico. A baixada da pandemia por fin permitiulles presentar en directo o seu debut, Na Alma, o primeiro disco dunha triloxía que xa está composta. Entre os membros está todo un veterano da escena, Rubén Alonso, aquí voz e voz e guitarra, e que foi baixista de Fallen Sentinel. Na ambición por ampliar a súa formación, veñen de participar no Programa de Emprendimento Musical co que, da man da Fundación Paideia, reabriu o Vigosónico, o espazo musical do Concello.

–Por que vos apuntastes ao curso?

–Tiñamos curiosidade para ver que podíamos aprender. O programa pareceunos moi interesante, había moitos puntos que nos parecía que nos podían vir ben. A principios tivemos o Demo Day, a exposición de todos os proxectos. Expuxemos un vídeo de 90 segundos onde explicamos distintos aspectos da banda: o plan de márketing, as características, a súa competencia, a súas virtudes…

–O voso é un proxecto xa moi profesionalizado.

–Xa dende o principio tiñamos presente que se facía este proxecto era para facelo ben. Temos bastante potencial, estamos mesturando dous elementos que son moi interesantes, como son a música do metal melódico, sinfónico e gótico, coa música tradicional galega. E todo visto dende un punto de vista que busca normalizar as letras; algúns grupos van moi ao tema enxebre e nós buscamos unhas letras máis estándar, que falen de todo, de vivencias persoais. Outros grupos péchanse moito niso e nós temos unha maior amplitude.

–Sorprende o coidado que está o merchandasing.

–Non temos só camisetas ou púas, hai tamén camisolas de fútbol, chaveiros ou paraugas. Pensamos nun produto que fose moi galego, que nos saibamos ningún grupo fixo paraugas, pareceunos unha idea orixinal.

–Tedes presenza en medios especializados estranxeiros, como accededes aí?

–A día de hoxe con internet é moi sinxelo chegar a sitios onde antes non te podías imaxinar. É un avance tremendo. Si que nos pareceu curioso que tivemos bastante aceptación de fanzines e radios de Norteamérica. Sorprendeunos que poidan estar interesados nun grupo como o noso, tan galego, tan distinto ao que adoitan escoitar.

–Tamén colaborades con artistas de fóra.

–A portada do disco foi feita polo búlgaro Georgi Georgiev. Buscando por internet atopamos o seu traballo e encantounos. Tamén temos as portadas dos seguintes discos, porque esta é a primeira parte dunha triloxía. Tamén o mastering fíxose en Suecia, nos Fascination Street Studios, a cargo de Tony Lindgren. Foi unha pasada traballar cunha persoa que é unha eminencia a nivel mundial. Tamén nos vídeos traballamos cun rapaz americano, Joe Karamanski.

–Nos últimos tempos a música galega e en galego está a ter máis visibilidade, grazas á explosión das Tanxugueiras. Como elas, vós tamén mesturades a música tradicional do país con xéneros a priori moi distanciados. Aspirades a ser unha caste de Tanxugueiras do metal?

–Poderíamos selo. A nosa idea é que a nosa música traspase fronteiras. Elas conseguiron un fito histórico, que a xente de toda España se interesase pola música galega; é unha cousa que facía moito tempo que non pasaba. A nós encantaríanos ser unha especie de Tanxugueiras do metal, que a xente se interesase pola música que ten melodías de estilo céltico grazas a nós.

"Grazas as gaitas e as frautas temos ese elemento céltico presente, sen iso seríamos un grupo de metal máis"

decoration

–O grupo naceu hai uns seis anos, pero tivo varios paróns. É o momento de despegar?

Tivemos algunha tempada de parón. Pero retomámolo; a finais do ano pasado lanzamos o disco, o venres pasado presentámolo en directo, agora teremos unha xira de cinco datas por España abrindo para un grupo de nivel internacional e xa estamos tamén coa pre-produción do disco novo. Collemos pulo e xa temos todo preparado para que a maquinaria siga para diante e non pare máis.

–A formación tivo varios cambios, pero sempre é un sexteto, por que?

–Para a nosa música temos claro que temos que ser mínimo seis persoas. Fannos falta: batería, baixo, dúas guitarras, voz principal [teñen unha masculina, agresiva, e unha feminina, máis melódica] e un gaiteiro. O maior problema que tivemos para substituír foi co gaiteiro. Necesitamos unha gaita tipo midi para directo, porque temos cambios de tonalidade nas cancións. Cunha tradicional é case imposible, pero a midi non está tan estendida en Galicia. Hai moitos gaiteiros, pero poucos con electrónica.

–Pero o gaiteiro ten que estar si ou si.

–Si, no concepto de Xhamain é indispensable. Gaitas e frautas son elementos que están moi presentes na música tradicional é que supoñen unha pátina de identidade que temos nós, ese elemento máis céltico. Sen el seríamos un grupo de metal máis, pero grazas as gaitas e as frautas temos ese elemento céltico presente. 

Compartir el artículo

stats