Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinco séculos de violencia lingüística

Carlos Callón presenta hoxe diante do MARCO “O libro negro de lingua galega”

O profesor e investigador en historia e lingua, Carlos Callón. | FOTO: V. ECHAVE

A perda de falantes de galego non é algo espontáneo nin casual. Fundaméntase en máis de cinco séculos de convivencia desigual de dúas linguas. Cincocentos anos de presión institucional e de clase, de persecucións e prohibicións e que ten como punto de inflexión o sometemento do Reino de Galiza á Coroa de Castela, nomeadamente aos Reis Católicos, na fin do século XV. Ese podería ser o resumo simplificado da tese da documentadísima obra que vén de publicar o investigador e profesor Carlos Callón coa Editorial Xerais e que presentará hoxe na Feira do Libro de Vigo ás 18.00 horas na rúa do Príncipe. O seu título é unha declaración de intencións: O libro negro da lingua galega. O seu capítulo adicado á antoloxía de experiencias diglósicas tamén: Mil e unha noites de pedra.

Prohibido casar en galego

Aínda que a cidade de Vigo e os seus cidadáns acumulan innumerábeis experiencias de violencia lingüística dende finais do século XV, a Callón, que estivo algo máis de oito anos traballando nesta extensa obra, chamoulle especialmente a atención unha delas. Trátase da prohibición dun casamento en galego porque os asistentes “no tendrían opción para oír la predicación en castellano”. Ao que tamén foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística parécelle interesante lembrar “as grandes reticencias” que tivo a Igrexa Católica e o propio Franquismo para permitir o culto cristián na lingua propia de Galicia.

Foi o que lles pasou a Ascensión Montoto e Carlos Herrera en 1965, que recibiron a rotunda negativa do bispo de Tui naquela altura ao quereren ser unidos en matrimonio na lingua que falaban. “Cómpre lembrar o grande movemento social que houbo na metade dos sesenta para que o Estado español deixase oficiar misas nas linguas que se falaban na península e que para nada foi doado”, apunta Callón. Galicia, neste contexto, chegou aínda máis tarde a adquirir eses dereitos arrincados. Mentres Euskadi e Catalunya puideron usar con normalidade as súas linguas propias no contexto eclesiástico dende 1963, Galicia non arribaría nese porto ata case chegados os setenta. As trabas no seu caso foron aínda maiores. “Galicia podría dejar de ser la hija fiel de España”, argumentaba o Ministerio de Asuntos Exteriores de Franco en 1968 para tratar de paralizar a oficialidade da lingua galega nas liturxias que xa se estaba a tramitar no Vaticano. “Eu que levo moitos anos nisto, nunca vin reticencia tal con ningunha outra lingua do Mundo”, lamenta Carlos Callón.

A historia que abre esta reportaxe é unha entre máis dun millar que Callón antologou para o seu enciclopédico ensaio. Na obra, de case oitocentas páxinas, abórdase a crueldade dos castigos nas escolas por falar na “lingua prohibida” e acredítaos de xeito rigoroso dende 1543 ata 1980. Golpes con varas, xenuflexións sobre garavanzos, o método do anel... “A perda de falantes non é algo espontáneo como certas elites queren facernos crer”, manifesta Callón. “Hai quen rexeita unha identidade galega e quere un Estado español monolítico que non se corresponde coa realidade”, engade.

Vigo, o paradigma da desidia

“Vigo foi un exemplo histórico de normalización do uso da lingua en tódolos seus ámbitos como está acreditado na historia. Agora, tamén o é de desleixo institucional”, reflexiona Callón. Que a inmensa maioría dos representantes públicos no municipio refusan da súa responsabilidade institucional para coa lingua é unha evidencia facilmente contrastábel no día a día. Non en balde, Vigo é a área de Galicia onde menos galego se fala con bastante diferencia: apenas un cuarto da poboación fala habitualmente en galego ou máis galego que castelán. E a cifra segue a baixar ano a ano. Para Callón a situación non é irreversíbel nin tampouco unha coincidencia:“Como sociedade non somos conscientes de como chegamos ata aquí. Cómpre que divulguemos e esixamos ás institucións que traballen nesa dirección. En ofrecer resortes para a normalización e en explicar os feitos que deron lugar a esta situación”.

Compartir el artículo

stats