Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Cómpre deixar atrás o mito do crecemento económico”

“As mulleres seguirán a ser vítimas fundamentais das derivas do sistema”

Carlos Taibo. J.A. RIERA

O discurso político de Carlos Taibo artéllase nas marxes. Intelectual anarquista e antiglobalista é un dos máximos representantes no Estado español do movento en prol do decrecemento. Recén xubilado do seu posto de profesor de Ciencia Política na Universidad Autónoma de Madrid, atende a FARO na parada no Ateneo Atlántico de Vigo dentro da xira de presentación da revisión da súa obra Rusia frente a Ucrania: Imperios, pueblos, energía.

–Como lle explicaría o movemento decrecentista a quen non o coñece?

–A perspectiva do decrecemento, en esencia, nos di que se vivimos nun planeta con recursos limitados -e vivimos-, parece que non ten moito sentido que aspiremos a seguir crecendo ilimitadamente. Tanto máis canto que sobran os motivos para concluír que deixamos atrás as posibilidades medioambientais e de recursos que a Terra nos ofrece. Neste sentido, esta perspectiva o que di é que no Norte desenvolvido temos que reducir inexorablemente os niveis de produción e de consumo, mais temos que facer outras cousas. Por exemplo, recuperar a vida social, repartir o traballo, apostar por fórmulas de lecer creativo, reducir as dimensións de moitas infraestruturas, restaurar esa vida local que perdimos ou, no ámbito individual, apostar pola sobriedade e a sinxeleza voluntarias.

–Vivir con menos é unha opción ou realmente non queda outra?

–Parece que non queda outra. Os datos vanse acumulando no sentido de que os recursos se van terminando. Fundamentalmente, os enerxéticos, que teñen unha repercusión sobre toda a economía ao tempo que as mudanzas climáticas van a máis. Neste sentido, parece que o decrecemento é unha realidade xa inevitable. Do que se trata é de outorgarlle perfís saudables e solidarios ou, pola contra, asumir un proceso de colapso aberto que provoque tensións agudísimas e sufrimentos inxentes.

–Afirma que a contestación ao sistema capitalista ten que ser decrecentista, autoxestionaria, antipatriarcal e internacionalista. Por que?

–Porque se non están presentes estes catro piares, moito me temo que estaremos movendo, sen querer, o carro do sistema que queremos contestar. Isto paréceme singularmente certo no que atinxe ao decrecemento. Se non somos quen de saír da mitoloxía do crecemento económico e pór os freos de emerxencia, adentrarémonos nun proceso de colapso que, sospeito, é inevitable, vai deixar fóra do mundo a boa parte da poboación.

–Un cambio de modelo de sistema como o que propón é posible de forma illada nun só Estado?

–Non é doado de imaxinar. Hai quen, con ironía, recupera o vello debate soviético dos anos vinte e trinta sobre o socialismo imaxinable nun só país ou se ten que depender dunha revolución internacional. Sospeito que, ao abeiro do discurso sobre o colapso, este debate adquire un perfil distinto. Colapsar imos colapsar todos. De tal xeito que o impulso cara a estratexias decrecentistas vanse manifestar en tódolos lugares, pero con arranxo a patróns que van ser moi diferentes. Cando emprego o termo colapso, debo subliñar que non estou pensando nun proceso homoxéneo.

–O decrecentismo ataca con dureza aos investimentos multimillonarios da alta velocidade no tren. Por que consideran que é un despropósito?

–Son trens que consumen enerxía en cantidades xigantescas. Plantexan custos tan altos que reclaman políticas de billetes que por forza tamén teñen custos moi altos. De tal xeito que é un tren ao servizo da minoría adiñeirada. O tren perde a súa dimensión fundamental de transporte de mercadorías. E por deixalo aquí, porque non contribúe a artellar os territorios. Mellora as comunicacións entre as cidades grandes e posibilita que as comunicacións entre as poboacións pequenas se deterioren visiblemente. Paréceme que non é a decisión máis axeitada. Non precisamos chegar de Madrid a Compostela en dúas horas e media.

–Por que cre que asociamos no noso imaxinario o estado do benestar ao crecemento da economía dos Estados?

–É unha asociación que foi lóxica durante un tempo cando os recursos parecían inesgotables, pero que deixou de ser lóxica cando as evidencias suxiren que as materias primas enerxéticas están a esgotarse de maneira moi rápida. Isto significa que temos que optar entre reducir sensiblemente as nosas apostas no ámbito económico para que viva de maneira razoablemente saudable a maioría da poboación.

–Tanto en Colapso como en Iberia vaciada, vostede sinala o ecofascismo como unha das reaccións ao colapso máis interesantes de abordar.

–Nos estamentos directores do planeta, subliño, nas grandes instancias de poder e non nos circuítos da extrema dereita, hai unha conciencia cada vez máis clara de que os recursos se esgotan. Trataríase de preservar eses recursos nunhas poucas mans en virtude dun proxecto que, na súa versión máis suave, carreta marxinar as poboacións que se entenden que sobran. Isto xa o fan dende moitos anos atrás. Na versión máis dura sería a exterminación ao abeiro de proxectos como os que desenvolveran os nazis alemáns. Paréceme que este é un horizonte que temos que tomar seriamente en consideración e que revela como o fascismo tradicional empeza a adquirir xustificacións que veñen da escaseza xeral dos bens e das agresións medioambientais que estamos a desenvolver.

–Que papel xoga a muller no proxecto do decrecemento?

–De deixar as cousas como van, as mulleres van a seguir a ser vítimas fundamentais da deriva do sistema. Adoito citar nos meus textos que, segundo unha estimación, o 70% dos pobres e o 78% dos analfabetos existentes no planeta son mulleres. Sempre digo o mesmo. Parécenme porcentaxes moi rechamantes. Estamos a falar dunha distancia abismal. Alén diso, segundo outra estimación que admito que é máis controvertida, as mulleres realizan o 67% do traballo para recibir a cambio un 10% das rendas. Nestas condición, paréceme que afirmar, como decote se fai, que estamos a avanzar nos dereitos das mulleres é darlle as costas á realidade.

Compartir el artículo

stats