Con música, sorrisos, chistes…e ata un aplausómetro improvisado. O Correlingua fixo parada no auditorio municipal vigués no marco da súa carreira por Galicia polo Día das Letras Galegas para dinamizar o uso da lingua dun xeito ameno entre o alumnado dos centros educativos. No acto de Vigo, participaron de xeito presencial uns 250 rapaces do IES San Tomé –primeiro de ESO–, CEIP Balaídos –cuarto de Primaria– e CEIP Otero Pedrayo –de Infantil a sexto de Primaria–. Outros colexios e institutos seguiron a gala por streaming.

Caballero saudou os rapaces despois da súa intervención inicial R. Grobas

Os participantes puideron gozar dun evento con ambiente festivo conducido polo pallaso Fran Rei e aderezado coa actuación da banda punk rock galega Zënzar, que sacou a vea bailarina dos menores. Foi o alcalde, Abel Caballero, quen se encargou de abrir o evento, “una homenaxe” ao idioma. Destacou a importancia de falar o galego os 365 días do ano e a necesidade de celebrar este tipo de actos para potenciar a nosa lingua.

A opinión dos alumnos

Entre os asistentes, atopábase Anxo Lima, alumno do primeiro curso da ESO no IES San Tomé. Recoñecía minutos antes do comezo da gala que, habitualmente, non emprega o galego para comunicarse. “Só en actividades concretas e cunha das miñas avoas. Na casa, castelán”, anotaba antes de destacar que as actividades coma o Correlingua “están ben” para “axudar a mellorar o nivel de galego” dos rapaces e “incitar a usalo máis”. “Podería haber máis, pero sen abusar para que non pareza aburrido ou monótono”, concluía.

Opinión similar tiña Arame Ndoye, tamén de 1.º de ESO do IES San Tomé. Na casa, emprega o wólof, idioma africano. Coas amizades, o castelán. “Si falo galego nas clases. Noto que as novas xeracións non o falan tanto, pero podería cambiar a situación se se impulsa o idioma por medio de actividades coma esta”, sinalaba.

"Transmite unha cultura"

O manifesto do Correlingua 2022 fai un chamamento a familias, mestres, medios de comunicación ou institucións a empregar o galego: “Transmite unha cultura, a lingua da que veñen moitas das nosas familias, as palabras que fixeron medrar este lugar. Conéctanos con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente”, cita o documento.

A Asociación Cultural Correlingua está detrás desta aposta pola promoción do galego entre os máis pequenos. Conta coa axuda loxística da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como coa colaboración das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo ou Lugo, entre outros. O Correlingua, con máis de 15 edicións, chega mañá a Tomiño.