Vigo honra ao poeta e defensor de Galicia no exilio
O cronista oficial da cidade, Ceferino de Blas, leu o bando oficial nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura

Abel Caballero e Ceferino de Blas, acompañados por membros da corporación, durante o acto na Casa Galega da Cultura. | R. GROBAS / R.v.
R. V.
Vigo homenaxeu a Florencio Delgado Gurriarán no mesmo edificio no que Fernández del Riego e Gómez Román, segundo a tese do cronista oficial da cidade, promoveron a creación do Día das Letras Galegas, “a festa da lingua común”, que este ano levou ao poeta de Córgomo, tal e como destacou Ceferino de Blas, “ao máximo rango do Olimpo literario” da nosa comunidade.
Antes da lectura do bando na Casa Galega da Cultura, De Blas manifestou estar “profundamente apenado” e quixo enviar unhas palabras de ánimo ao escritor Domingo Villar, ingresado dende o luns por un infarto cerebra, e a toda a súa familia.
O alcalde sumouse a este recordo para enviar “unha fortísima aperta no nome de toda a cidade” ao autor e aos seus achegados. “Na última conversación que tiven con el, faloume de ‘Vinte mil leguas de viaxe submarina’ e deume unha brillante idea para a cidade. Os nosos máis fortes desexos de que supere este momento tan dramático”, expresou Caballero.
De Blas deu lectura a unha versión reducida do seu bando, no que recordou como o exilio en México do poeta valdeorrés, que foi militante e membro da executiva do Partido Galeguista, “non foi obstáculo” para manter o seu “compromiso coa terra nativa, a lingua, a súa cultura e patrimonio”.

Público na Casa Galega da Cultura. | RICARDO GROBAS / R.v.
“Ao contrario, tivo sempre presente a Galicia e tratou de contribuir co seu traballo para mellorar a vida cultural e intelectual das súas xentes”, destacou.
Delgado Gurriarán foi “un poeta inmerso nas coordenadas da vangarda enxebre” cunha creación de “variados estilos” que combinou coa súa actividade como articulista, crítico, tradutor e editor.
Ceferino de Blas está seguro de que no ano 1963 recibiu “con entusiasmo” as noticias chegadas a México dende Vigo, “unha cidade cosmopolita, converxencia de culturas e lugar de acollida de escritores, artistas e intelectuais”, sobre a proposta de Fernández del Riego para conmemorar o centenario de “Cantares Gallegos” coa celebración do Día das Letras. Seis décadas despois, “a coroa de loureiro” correspondeulle a Delgado Gurriarán.
No seu discurso, Abel Caballero tamén gabou a “traxectoria excepcional e non suficientemente coñecida” do homenaxeado, no que confluían o valor dunha poesía ligadada á terra, a súa querencia por Galicia e o seu compromiso político.
“Durante toda a sua vida, foi un galego ilustre cunha poesía magnífica, unha querencia inestimable e un compromiso activo. Estes son os valores que hoxe nos congregan aquí, no Día das Letras Galegas, fraguado desde esta casa por don Paco Fernández del Riego e Manuel Gómez Román. Delgado Gurriarán lanzou a Galicia polo mundo e iso é o que hoxe nos trae aquí”, enfatizou.

O Museo Liste acolleu actividades para nenos. | ALBA VILLAR / R.v.
Caballero tamén aproveitou a súa intervención para “defender a memoria” de Gómez Román. “Non imos deixar que un actor tan importante na vida cultural, na historia e na traxectoria arquitectónica desta cidade sexa desvirtuado por ninguén”, advertiu en resposta á polémica xerada pola colocación dunha escultura relixiosa na ermida de A Guía.
“Cómpre defender a ilustres personaxes da cultura como Gómez Román, ao que algúns queren tildar de fascista. Compartía con Delgado Gurriarán a súa presenza no Partido Galeguista, pero estamos en tempos nos que se pode desvirtuar”, lamentou.

Actuación da Asociación Folclórica Corisco na Alameda de Bouzas. | ALBA VILLAR / R.v.
O acto na Casa Galega da Cultura finalizou coa lectura de varios fragmentos da obra do poeta valdeorrés.
A súa figura e a lingua galega tamén foron louvadas onte na Alameda de Bouzas. A Asociación Cultural Vila de Bouzas e e o Concello celebraron o Día das Letras coa confección dun maio e a actuación de baile e música de Corisco.
Pola súa parte, o Museo Liste acolleu unha programación especial durante toda a mañá e os máis pequenos participaron nunha actividade denominada Lingua de trapo sobre as palabras e que incluía un obradoiro sobre a vida e obra de Delgado Gurriarán.
Ademais, houbo visitas guiadas para coñecer o museo e fíxose entrega dos premios do IX Concurso Fotográfico e o X Concurso de Relatos para nenos e nenas de Primaria e Secundaria.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las cofradías retiran lotes de almeja de las lonjas por la caída de precios
- La víctima del crimen de la vieja estación de autobuses de Vigo estaba indefensa y recibió cuchilladas en cuello, tórax y costado
- El transporte escolar en Galicia, bajo vigilancia especial desde este lunes
- Condenado un supermercado de Pontevedra por vaciar la taquilla de una trabajadora mientras estaba de baja
- Declarar las capturas de recreo, obligatorio hasta si no se pesca
- Una vuelta de tuerca inesperada
- Hallado el cuerpo sin vida de un hombre en la antigua nave de Pescanova de Vigo
- La Diputación de Pontevedra, dispuesta a financiar Balaídos para el Mundial 2030 «si hay planificación»


