Vigo vive hoxe o Día das Letras Galegas en diferentes puntos da cidade. O bando corre a cargo do cronista oficial da cidade, Ceferino de Blas, que abre coa súa lectura o acto que se celebra na Casa Galega da Cultura desde as 12 horas, organizado polo Concello de Vigo. A celebración continúa con lecturas de textos de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano.

A Asociación Cultura da Vila de Bouzas coloca un maio na Alameda ás 12.00 horas. Media hora máis tarde, comeza a actuación da Asociación Folklórica Corisco.

No Parque de Barreiro, a Asociacion Veciñal Cultural e Deportiva de Lavadores pon fin a cinco días de celebración cun mercado de produtos artesáns e alimentación, verbena, food trucks, atraccións para os pequenos, lambetadas e polbo.

O museo Liste acolle actividades para menores e a Fundación Laxeiro ofrece un espectáculo de títeres para nenos de 3 a 10 anos. A Sociedade Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilius, en San Andrés de Comesaña, prepara unha obra de teatro. En Beade, amenizarán o festivo as corais polifónicas; en Bembrive, serán as gaitas.